DEMIURXIA. Patricia Torrado Queiruga: “ No xardín da noite”

DEMIURXIA, No xardín da noite

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

NO XARDÍN DA NOITE

Toda boa demiurga ten que saber facer moitas cousas, porque para iso adquirimos motricidade fina, e intelecto, imaxinación e unha sorte marabillosa de sentidos cos que aprehender o mundo.

Na casa da avoa o primeiro era aprender a facelo todo, dende ben cativas, pero nesa pleura que recobre o cerebro quedan algunhas sensacións a lume. É pechar os ollos, apuntar cun dedo ao calendario, saber que é mes de xuño, que é día 23 e o corpo enteiro baila un savoir fare antergo. Deixar que o naris nos leve aos camiños xa mil veces paseados, transitar as corredoiras e nomear o mundo coma cando tiñamos cinco anos, da man da avoa, co mandil a cadros, aquel no que gardaba unha presadiña de caramelos, ou de pasas. Como me gustaban as pasas. 

Na man un cestiño de vime pequeno, con asa, e unha navalla. Si, as nenas de aldea sempre levamos unha navalla no peto, dende cativas, nunca nos mancamos con ela e sobrevivimos.

Deixar medrar nos beizos o nome das flores da noite do San Xoán. Porque é a noite máis festeira e meiga das que hai en todo o ano, consagrada máis que o propio santo, pois non houbo cristianismo que lle sacase as cores, ou a ledicia.

Olliños de noso señor, herba de Santa María, malva de olor, romeu, hipérico, fiuncho, follas de limoeiro, rosas, herba luísa, a cuestión é que sempre nos pasábamos de plantas, tiñamos que ter sete, pero o monllo medraba e mentres fose impar, todo ía en orde. O ritual era como un pedir permiso para poder cortar unha ramiña, acariñando na planta, e deixando as mans impregnadas da súa saiba, recender os camiños perfumados que quedaban entre os dedos e nos que se nos pegaban os soños e os sorrisos.

Coller unha almofía de porcelana esmaltada, ou un caldeiro de zinc e ir por auga á fonte, porque é máis pura que a da billa, ou iso di a avoa. 

Somerxer as flores coa impaciencia de quen agarda pola mañá de reis, e un dente de allo, sen estonar, para que non veña o demo facer das súas, porque unha cousa é ser meiga e non andar nos pasos dos santos, pero o demo é cousa aparte. 

E así, entre dous mundos, entre o ben e o mal, entre o pagán e o cristián medramos coas meniñas incendiadas de cacharelas, flores e ilusión.

Nunha tarde coma a de hoxe, facede das crianzas demiurgas da tradición, fachendosas da terra que habitan, sementada da herdanza do agarimo dos sentidos.