Silvia Penide despedirá o 2023 en Arteixo cun novo directo inclusivo da súa xira ‘XX Aniversario’
O concerto, no que a cantante estará acompañada de banda e intérprete de lingua de sinais, terá lugar a partir das 20.30 horas do venres 29 de decembro no auditorio do centro cívico e cultural da localidade coruñesa
Mientras dura el aplauso, o álbum que festexa as dúas décadas da artista sobre os escenarios e que presenta nesta xira, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais
Silvia Penide despedirá o ano do seu 20 aniversario sobre os escenarios na súa localidade natal, Arteixo. A cantante e compositora ofrecerá un novo directo inclusivo no marco da súa xira XX aniversario no Centro Cívico Cultural arteixán o vindeiro venres, 29 de decembro, a partir das 20.30 horas.
As entradas para o concerto de Silvia Penide en Arteixo están dispoñibles en liña, por 4€ (3€ a prezo reducido) a través da plataforma www.eventosarteixo.com, mais tamén é posible adquirir os billetes no propio Centro Cívico Cultural de Arteixo en horario de mañá, de 11.30 a 13.30 horas, ou até dúas horas antes do inicio do directo.
Na cita, a creadora estará acompañada pola súabanda ao completo (Carla López teclado e coros-, Paul Álvarez -guitarra- e Bruno Couceiro -batería) así como por unha intérprete de lingua de sinais (Natalia Navaza). A cita, apta para todos os públicos e que contará con algunha sorpresa, está promovida pola área de Cultura do Concello de Arteixo e tamén conta co apoio da rede cultural da Deputación da Coruña.
A xira XX aniversario recolle tamén as creacións de Mientras dura el aplauso, o primeiro vinilo que Silvia Penide publica na súa traxectoria. Dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado 1 de decembro, o disco recupera algúns dos grandes éxitos da artista ao longo dos seus vinte anos sobre as táboas e inclúe un tema inédito: El colchón y el diván. Neste novo traballo discográfico, a cantautora conta con grandes voces do panorama musical galego e estatal, como Mercedes Ferrer, Víctor Manuel, Guadi Galego ou Javier Álvarez para reinterpretar as súas creacións. En Mientras dura el aplauso, a compositora tamén comparte cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez e algúns membros da asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e do alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña, cos que entoa o sinxelo Diferentes Diferenzas, tema que pecha a cara B do vinilo e que nace do libro homónimo escrito pola propia Silvia Penide.
SILVIA PENIDE – XIRA XX ANIVERSARIO
Data: 29 de decembro
Hora: 20.30h
Lugar: Centro Cívico Cultural de Arteixo
Entradas: 4€ (3€ prezo reducido) en www.entradasarteixo.com e na billeteira do recinto