Un Camiño Escena Norte máis expansivo procura o sorriso do público nas 38 sedes da súa cuarta edición
A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación da iniciativa, cuxa programación oficial, que conta con máis participantes e recintos ca nunca, terá lugar do 10 de setembro ao 9 de outubro
O proxecto de intercambio de artes escénicas, que conta co apoio da Xunta de Galicia, ofrecerá espectáculos de teatro, danza e novo circo en Santiago, Arzúa, Lugo, Ames, Vilalba, Viveiro e Carballo
Máis compañías, máis espectáculos, máis territorios, máis propostas. A cuarta edición de Camiño Escena Norte (CEN) expándese no seu compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, este ano, tamén Navarra. Ao abeiro do lema Medran os sorrisos, CEN 2022 contará cunha programación especial que se celebrará do 10 de setembro ao 9 de outubro, na que participarán 15 compañías de teatro, danza e novo circo mostrando os seus espectáculos nas 38 sedes desta edición do proxecto.
A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación oficial de Camiño Escena Norte 2022, acto no que se deron cita representantes institucionais dos gobernos autonómicos e provinciais implicados na proposta; así como de Vegalsa-Eroski, patrocinador do evento, membros das compañías galegas (Marta Alonso Tejada, Fran Sieira Compañía de Danza, Pistacatro e ButacaZero) que formarán parte do programa escénico deste ano; e da xunta directiva da ESAD de Galicia, como parte da nova liña de programación na que CEN porá en contacto directo ao alumnado de artes escénicas con profesionais en activo.
No caso galego, no que o programa cultural conta co apoio destacado da Xunta de Galicia, a comunidade contará cun total de sete sedes. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Santiago de Compostela, Vilalba e Viveiro acollerán a representación de oito espectáculos, alén de diferentes actividades de contacto directo entre artistas e público ao finalizar as funcións, ou mesmo do encontro profesional Habitación Peregrina PRO (13 ao 15 de setembro en Lugo).
A primeira cita será o 10 de setembro na Praza da Quintana (Santiago) coa navarra La Banda Teatro Circo e o seu espectáculo ‘Kimera’. Á fin de semana seguinte, a Capela da Madalena, en Arzúa, será o escenario da proposta infantil ‘La niña de las trenzas al revés’, da compañía asturiana El Callejón del Gato. Pola súa banda, o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá dúas funcións nunha mesma fin de semana: o 29 de setembro será a quenda dos vascos Erre Produkzioak e o seu ‘Fake (trampantojo)’, mentres que o día 2 de outubro a compañía cántabra Escena Miriñaque presentará ‘Del otro lado’.
De cara á fin de semana seguinte chegará o groso da programación de CEN 2022 en Galicia. Os días 7 e 8 de outubro, o espectáculo ‘Mímesis’, de Zig Zag Danza (recomendado para público de entre 0 e 3 anos), achegarase a Ames e Vilalba; mentres o sábado 8 que ‘El Enjambre’, da vasca Vaivén Producciones, poderase ver en Viveiro, e ‘La caja flotante’, do navarro Ion Iraizoz, formará parte da programación do FIOT de Carballo. Finalmente, a Cidade da Cultura acollerá o espectáculo de peche deste Camiño Escena Norte: será da man da obra para público familiar ‘El secreto de Julio Verne’, de Fantastique Company (Asturias).
15 compañías participantes no Itinerario Constelacións
A cuarta edición de CEN conta con importantes novidades. Entre elas, o récord de compañías participantes (un total de 15) no circuíto de representacións, no que destaca tamén a inclusión da provincia de Araba (completando así a programación de Euskadi) e da Comunidade Foral de Navarra. Deste xeito, CEN ampliando e expande a súa presenza no territorio fiado, simbolicamente, pola ruta xacobea que percorre o norte da Península Ibérica.
Galicia exportará talento aos demais territorios grazas á representación das compañías Marta Alonso Tejada, co seu premiado espectáculo ‘Bailar Agora’; Fran Sieira Compañía de Danza, con ‘DeMente’-do que se avanzou esta mañá na presentación un pequeno fragmento da peza- e Pistacatro, con ‘Sonámbulo’. As tres compañías viaxarán nos meses de setembro e outubro, grazas a CEN 2022, a localizacións como Oviedo, Bilbao, Santander, Eibar, Vitoria, Laredo ou Viana para dar boa conta das súas propostas artísticas.
Camiño Expandido
Canda o Itinerario Constelacións convive o programa Camiño Expandido, que abrangue toda a actividade alén do circuíto de funcións. O crecemento desta cuarta edición reflíctese tamén no reforzo dos Cruzamentos, no aumento das compañías inscritas no Habitación Peregrina PRO ou na estrea deESADS no Camiño. O proxecto completarase con coloquios en liña -que se celebrarán a semana que vén- e os habituais encontros co público logo das representacións.
O programa Cruzamentos, deseñado para promover o encontro artístico e profesional entre compañías, é a pedra angular de Camiño Escena Norte. Esta rede de estancias de creación escénica e intercambio artístico e profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi comenzou o 11 de agosto e finalizará o 10 de setembro. As galegas ButacaZero, Kirenia Danza e Olivas Negras participan nel.
Por outra banda, CEN estrena neste 2022 ESADS en Camiño, un programa de colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramático (ESAD) de Galicia e Asturias e a de Arte Dramático e Danza de Euskadi, Dantzerti. O alumnado das tres escolas entrará en contacto directo cos profesionais en activo que interveñen nesta cuarta edición do CEN a través de encontros, obradoiros sobre diversas disciplinas artísticas e prácticas que lles permitirán coñecer, desde a proximidade, un día de traballo dunha compañía en xira.
Ademais, entre o 13 e o 15 de setembro, o Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo acollerá a terceira edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que conta con 44 compañías e distribuidoras inscritas, e no que participarán máis de 70 axentes do sector das cinco comunidades participantes ( un 35% máis que en anteriores edicións). Os focos de interese serán a xeración de sinerxías entre compañías e creadoras; a reflexión e formación arredor dalgúns dos retos que afronta o sector escénico e as posibilidades de promoción, visualización e distribución das compañías nos distintos territorios de Camiño Escena Norte.
Camiño Escena Norte 2022
Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena(País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.
A iniciativa conta, neste 2022, co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades autónomas implicadas: Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Goberno do Principado de Asturias, Goberno de Cantabria, Deputación Foral de Áraba, Deputación Foral de Biscaia, Deputación Foral de Gipúscoa e Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM. En Galicia colaboran tamén Deputación Provincial da Coruña, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo; así como os consistorios de Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego.
Vegalsa-Eroski mantense este ano no como patrocinador oficial, cunha maior achega económica para esta cuarta edición, o que reforza o seu compromiso e aposta por un proxecto que promove o intercambio cultural entre territorios.
20220831-NP-Presentacion-CEN-2022