Estrea do espectáculo “Para que non me deixes aquí soa”, de Julia Laport, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

O 5 de abril do 2025 ás 20:30h., o Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a estrea de Para que non me deixes aquí soa, unha proposta de Julia Laport que mestura danza, materia e luz para explorar a identidade e os límites do corpo en colaboración coas artistas Martín Gonçalves e Laura Iturralde.
O espectáculo
Esta creación escénica, dirixida pola artista do movemento Julia Laport, parte da interacción entre os corpos, o barro e a luz para construír unha peza que se transforma en tempo real, diluíndo as fronteiras entre a pel e a materia, entre o humano e o natural. A peza explora o concepto da intimidade no espazo público e a vulnerabilidade dos corpos expostos, propoñendo unha experiencia escénica que desborda os límites da danza tradicional e se achega a unha instalación viva en constante mutación. A obra xoga con máscaras e identidades, creando un espazo onde os límites entre o eu e o outro, entre a verdade e a representación, se tornan difusos. A investigación foi desenvolvida a través de diferentes residencias artísticas en Galicia, Tenerife e Costa Rica, cunha exploración centrada na relación entre corpo e materia, integrando disciplinas como a instalación, a performance e a danza.
A equipa
Creación e interpretación: Martín Gonçalves, Laura Iturralde e Julia Laport
Dirección: Julia Laport
Deseño de iluminación: Laura Iturralde
Deseño do espazo escénico: Martín Gonçalves
Espazo sonoro: Julia Laport e outras artistas
Confección e arranxos: Raquel Crespo
Distribución: AMARELO Distribución – Lilian Portela
Produción: Julia Laport
Subvencionado pola Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica.
Co apoio de NONONON Lab e Atopémonos bailando

Sobre a compañía
Julia Laport é unha artista do movemento cunha sólida traxectoria na danza contemporánea e urbana, especializada no estilo Waacking. Dirixe o Colectivo D’Elas e codirixe a compañía Elahood, participando en numerosos certames e festivais nacionais e internacionais. Para que non me deixes aquí soa é a primeira creación que presenta baixo a súa propia compañía, consolidando a súa visión artística persoal. Nesta peza colabora con Laura Iturralde, iluminadora e creadora escénica galega cunha importante traxectoria no deseño de espazos lumínicos para espectáculos de danza eteatro, e con Martín Gonçalves, artista plástico multidisciplinar especializado en pintura, escultura e instalación, cuxa obra investiga a conexión entre o corpo e a natureza. A súa colaboración en Para que non me deixes aquí soa xera unha proposta escénica onde a luz, a materia e o movemento se entrelazan para crear unha experiencia inmersiva e transformadora.
O público está convidado a experimentar esta viaxe sensorial e inmersiva na estrea do 5 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, unha oportunidade para achegarse a unha proposta innovadora e arriscada dentro da escena contemporánea galega.
https://www.amarelo.es/pqnmdas
https://www.instagram.com/julialaport
Para-que-non-me-deixes-aqui-soa_nota-de-prensa_-GAL