BRAVAS, con Isabel Risco, este sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María
BRAVAS, con Isabel Risco, este sábado 12 de febreiro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María
Isabel Risco protagoniza Bravas, o seu segundo espectáculo unipersoal, en que nos ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Unha historia sempre roubada, agochada e invisibilizada.
Bravas é unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valeroso clan, o clan que elas mesmas paren, amamantan, manteñen, constrúen cos alicerces da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.
Isabel Risco proponnos un xogo desde o teatro cómico e comprometido. Alegre e combativa, porque entende que se non podemos bailar, se non é divertíndonos, tampouco é a nosa revolución. Así, con este espectáculo pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade.
Bravas fai un repaso histórico pola nosa era, desde a época castrexa até o século XXIII. Unha viaxe no tempo con paradas en diversas estacións, reparando nas pequenas e grandes historias protagonizadas polas nosas mulleres. Isabel Risco ponse na pel dunha muller do rural galego de finais do século XXVII, dunha muller en loita en plena revolución industrial, dunha rapaza que descobre o mundo nos anos 60,… Mulleres do noso pasado, do noso presente e, tamén, do noso futuro. E todo isto pasado polo filtro, sempre aloucado, sempre cómico, sempre sorprendente desta actriz sen igual.
O espectáculo está dirixido por Fran Rei e foi premiado co III Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
Billetes: 5 euros.
Cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María