Presentación do libro “IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria” na Casa da Cultura de Vilaba [Galería fotográfica]
Onte o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba acolleu, con notable afluencia de público, a presentación do libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa colaboración do Concello de Vilalba. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e baixo a coordinación de Beatriz Dourado.
En IRMÁS oito autoras actuais renden homenaxe a outras tantas mulleres silenciadas da época das Irmandades da Fala (1916-1936).
As autoras participantes no libro son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.
As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.
No acto deste sábado, presidido pola alcaldesa de Vilaba, Elba Veleiro, tomaron a palabra, ademais da propia alcaldesa, Beatriz Dourado, en calidade de coautora e coordinadora da obra; Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ, entidade promotora desta iniciativa; Henrique Alvarellos, como editor da obra; e seis das oito coautoras participantes: Cecilia Fernández Santomé, Rochi Nóvoa Vázquez, Beatriz Dourado, Eilún del Pazo Moa, Lupe Bao e Patricia Torrado Queiruga. Nas súas respectivas intervencións, todas amosaron a súa congratulación por formar parte desta obra que tece irmandade reivindicativa e literaria, ademais de manifestaren o desexo plausible de que teña continuidade no tempo.
Lembrar que a capa do libro é autoría de Adolfina Mesa.
Velaquí unha galería fotográfica que recolle distintos momentos durante a presentación de onte:
*A imaxes foron facilitadas polo propio Concello de Vilalba.