DILUVIO, de Tanxugueiras, acada o número 1 de vendas en tendas físicas á semana da súa publicación

Sinatura discos Tanxugueiras. Rocio Cibes 01/08/22

O novo disco das pandeireteiras ocupa a cuarta posición na lista global de vendas en tendas físicas e dixitais que ofrecen GFK e Promusicae, só por detrás de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé. 

‘DILUVIO’ é un traballo conceptual no que as cantareiras cuestionan crenzas, pecados ou presuntas culpas para transformalas “en aprendizaxes vitais”. 

Tanxugueiras segue a colleitar fitos para a historia da música galega de creación colectiva. O trío de pandeireteiras vén de lanzar o seu terceiro álbum, ‘DILUVIO’, co que están a percorrer a Península Ibérica na Xira Midas de presentación do mesmo. O disco, publicado o pasado venres 29 de xullo, situouse como o máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles. O dato, facilitado por GFK e Promusicae (Productores de Música de España), dá conta da boa acollida que recibiu, entre o público, o novo traballo das cantareiras, que este mesmo fin de semana recolleron no festival SonRías Baixas o disco de ouro polo seu sinxelo ‘Terra’ -outorgado en febreiro, aínda que hoxe en día supera os 30 millóns de reproducións na suma das plataformas-. 

No cómputo global de vendas físicas e dixitais, ‘DILUVIO’ ocupa a cuarta posición entre un cento de discos, só por detras dos novos traballos discográficos de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé, e por riba de figuras de tirón internacional como C. Tangana, Sebastian Yatra ou Rauw Alejandro. A lista global pódese consultar na web https://www.elportaldemusica.es/lists . 

   
“Pensar que tres cantareiras e pandeireteiras poden ser número un de vendas nun momento como o actual é incrible. Hoxe, máis que nunca, queremos compartir este recoñecemento con todas esas mulleres que mantiveron viva a nosa tradición. Tanto as anónimas, como as que compartiron o seu no coñecemento nas recollidas ou quen foi de porta en porta, por toda Galicia, recuperando o noso patrimonio. E vai tamén este agradecemento a quen está a tocar por vez primeira unha pandeireta: nenas, sodes o futuro da nosa música. Grazas a todas, este premio é de todas vós!”, sinalan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.  

DILUVIO 

Tanxugueiras publica este verán ‘DILUVIO’ o seu terceiro traballo discográfico, un álbum conceptual editado por Calaverita Records e que propón rachar con todo o establecido para sandar, para volver a aprender” O disco, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e La Casa del Disco, conta na súa versión física cunha edición deluxe, cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que o grupo explica, motu proprio, o significado deste diluvio. 

  
‘DILUVIO’ é unha viaxe de indagación e autocoñecemento que o trío percorre a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, recordar ou apoderar. Un tránsito no que as cantareiras poñen en dúbida e enfrontan numerosas presuntas culpas ou ‘pecados capitais’ instalados na sociedade. E aos sete ‘orixinais’ (avaricia, envexa, ira, luxuria, preguiza, gula, soberbia), elas suman outros tres: patriarcado, hostilidade e homoxeneidade. Crenzas ás que deciden dar a volta e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida: un diluvio de autoaceptación, de diversidade, de amor libre, de apoderamento.  

‘DILUVIO’ é un traballo musicalmente diverso: unha experiencia catártica na que a voz e a cultura tradicional son o fío condutor dunha viaxe evocadora que avanza a ritmo de muiñeira, xota, ou rumba, mesturadas con sonoridades máis urbanas e contemporáneas. Neste sentido, ‘DILUVIO’ confirma a aposta das creadoras, que asinan todos os temas do disco, pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap, hip hop ou electrónica, para achegar a música de raíz a un público máis novo.   

Tras máis dun ano de lanzamentos cunha clara intencionalidade agochada para as e os ouvintes, o público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de ‘DILUVIO’: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais nas que se atopan himnos como ‘Midas’, ‘Figa, ‘Desidia’ ou ‘Terra’.  

20220809-NP-Tanxugueiras-numero-1-de-vendas-con-DILUVIO

Tanxugueiras racha co establecido e lanza DILUVIO, o seu novo disco: ”Agora todo cobra sentido”

As pandeireteiras publican este venres 29 o seu terceiro álbum, un traballo conceptual no que descobren o significado agochado nos seus últimos sinxelos: cuestionan crenzas, pecados ou presuntas culpas instaladas na sociedade para transformalas “en aprendizaxes vitais” 

O álbum físico públicase nunha edición deluxe, cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que Tanxugueiras expón a viaxe de autocoñecemento percorrida nestes meses 

Chega o 29 de xullo e, con el, o DILUVIO. Tanxugueiras publica este venres o seu terceiro traballo discográfico, un álbum conceptual editado por Calaverita Records e que propón rachar con todo o establecido “para sandar, para volver a aprender”. O disco, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e La Casa del Disco, conta na súa versión física cunha edición deluxe , cun libreto ilustrado de 24 páxinas no que o grupo explica, motu proprio, o significado deste diluvio. “Neste álbum que hoxe ve a luz está a resposta ao camiño percorrido nos últimos meses. De principio a fin, desde a ‘Treboada’ até o ‘Acougo’. Coa súa publicación pechamos unha etapa, unha viaxe de cuestionamento e autocoñecemento. Mergullarse no DILUVIO é abrir e pechar un círculo e hoxe, por fin, todo cobra o sentido”, sinalan Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. 

‘DILUVIO’ é unha viaxe de indagación e autocoñecemento que o trío percorre a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, recordar ou apoderar. Un tránsito que transcorre, en paralelo, ás vivencias de Olaia, Aida e Sabela desde o inverno de 2020. Porque no disco, nado durante a pandemia, as cantareiras poñen en dúbida e enfrontan numerosas presuntas culpas ou ‘pecados capitais’ instalados na sociedade. E aos sete ‘orixinais’ (avaricia, enveza, ira, luxuria, preguiza, gula, soberbia), elas suman outros tres: patriarcado, hostilidade e homoxeneidade. Crenzas que viviron, sentiron, observaron ou compartiron e que, após a tormenta, deciden dar a volta e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida: un diluvio de autoaceptación, de diversidade, de amor libre, de apoderamento. ‘O diluvio arrasa e racha con todo o establecido, con iso que damos por sentado para sandar, para renacer, para que volvamos aprender, mais desde unha óptica aberta, feminina, xenerosa, consciente. Mergullarse no DILUVIO é percorrer a propia vida”, apuntan. 

Música tradicional e ritmos urbanos 

‘DILUVIO’, o álbum de Tanxugueiras que se pode adquirir desde hoxe en plataformas dixitais e tendas físicas, é un traballo musicalmente diverso: unha experiencia catártica na que a voz e a cultura tradicional son o fío condutor dunha viaxe evocadora que avanza a ritmo de muiñeira (‘Terra’), xota (‘Midas’), ou rumba (‘Figa), mesturadas con sonoridades máis urbanas e contemporáneas, próximas a unha xeración nova, coma elas, ávida por descubrir, explorar e reformular. “Somos cantareiras. O noso instrumento principal é a voz, mais tamén nos acompañamos de elementos tradicionais, como as pandeiretas ou as latas de pimentón, e de instrumentos máis modernos, como os sintetizadores ou a percusión electrónica”, explica o grupo. Neste sentido, ‘DILUVIO’ confirma a aposta das creadoras, que asinan todos os temas do disco, pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap, hip hop ou electrónica, para achegar a música de raíz a un público máis novo.  
Aida, Olaia e Sabela son, en ‘DILUVIO’, intérpretes e compositoras. “Aínda que neste traballo haxa moita creación propia, bebemos da tradición”, lembran. Son tamén produtoras do álbum xunto con Iago Pico (Pouland Studios), con quen traballan desde 2021 neste proxecto. “Da voz parten todos os temas e con Iago, máis que andar na procura de harmonías, pensamos en atmósferas, en texturas, en evocar situacións. Fluimos, buscamos que a sonoridade e a musicalidade sexan afíns o que queremos expresar”, sinala o trio. Así, tanto no disco coma no directo da Xira Midas de presentación do álbum, a voz segue a ser a protagonista absoluta. O disco vai alén dunha mera declaración de intencións e manifesta unha sonoridade única, vibrante e contundente que define o propio grupo: Tanxugueiras sostén unha mensaxe que nace dun trebón de emocións, vivencias e crenzas, e reivindica as raíces máis profundas da tradición. “Os temas cunha mensaxe máis enérxica son, precisamente, aqueles que parten da muiñeira, o noso ritmo máis universal, como poden ser ‘Terra’ ou ‘Seghadoras’”, salientan.  

Unha viaxe de aprendizaxes capitais 

 “Agora todo cobra sentido”, sinala Tanxugueiras. Tras máis dun ano de lanzamentos cunha clara intencionalidade agochada para as e os ouvintes, o público por fin pode coñecer o verdadeiro significado de cada un dos sinxelos, os pecados e as aprendizaxes que se agochan tras eles. E esa é a clave de ‘DILUVIO’: unha viaxe, un percorrido desde a tormenta até a quietude. No medio delas, un torrente de culpas e ensinanzas vitais. 

No seu terceiro disco, Tanxugueiras convida ao público a fluír por unha corrente sonora que nace coa ‘Treboada’, o tema instrumental que abre o álbum. Unha choiva intensa que dá paso á primeira aprendizaxe capital: fronte a soberbia e o artificial, o trío chama á naturalidade. Diso fala ‘Arica’, o segundo tema. Do natural tamén nace a capacidade de coñecerse a unha mesma, de aceptar o que somos. E ese é o concepto de ‘Desidia’, que reivindica o dereito á pausa e a necesidade do autocoidado. 

A terceira aprendizaxe que proclama Tanxugueiras no seguinte corte é a xenerosidade: ‘Midas’, o primeiro sinxelo que o grupo lanzou de ‘DILUVIO’ en febreiro de 2021, fala precisamente da avaricia. “E ti tes e tes, non o queres dar, pensas que o tes todo pero non tes nada”, di o coñecido retrouso do tema, que marcou o punto de inflexión na carrera do trío. Tras el, chega ‘Pano Corado’, no que o grupo canta ao amor libre e diverso.

‘DILUVIO’ flúe e leva ao público ata ‘Sorora’, un himno adicado ao matriarcado, a todas as cantareiras e pandeireteiras, fronte ao pecado colectivo que, segundo o trío, leva demasiado tempo instalado na sociedade: o patriarcado. E de seguido, fronte á hostilidade, o disco lévanos a ‘Seghadoras’, un potente canto ao apoderamento, para crer e loitar polo propio. Desta visión chega a aceptación que avanza contra a ira: ese ´e o ‘Averno’ que interpretan co rapeiro Rayden. 

O disco complétase cunha tríade de grandes temas: ‘Figa’, un chamado contra a envexa e a favor da autoaceptación; ‘Fame de Odio’, que aposta pola diversidade e a beleza de todos os corpos, e ‘Terra’, a canción coa que as pandeiretiras queren amosar que vivimos nun mundo heteroxéneo, repleto de particularidades e de esencias, no que “non hai fronteiras”. Finalmente, Tanxugueiras pecha o álbum coa chegada do ‘Acougo’, o segundo e último tema instrumental do disco: a calma, a reflexión. É, como elas mesmas expoñen, “a fin do diluvio, da vida alterada. É o círculo que se pecha, o percorrido da vida”. 

Novo videoclip 

Co lanzamento deste disco, Tanxugueiras publica o videoclip de ‘Fame de odio, unha peza audiovisual dirixida por Trece Amarillo e producida por PlayPlan na que, precisamente, o grupo aglutina moitas das cuestións e ensinanzas que propón en ‘DILUVIO’. Concretamente neste vídeo, rodado na Biblioteca América e no Salón de Graos do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, as cantareiras poñen en dúbida outro dos nomeados como ‘pecados capitais’: a gula. Neste tema propoñen unha nova aprendizaxe: a blleza da diversidade corporal. “De todas as formas, nena, de todas son bonita”, cantan. A peza audiovisual, estreada ás 00.00 deste venres 29, está dispoñible na canle de  Youtube das pandeireteiras

20220729-NP-GAL-Tanxugueiras-publica-DILUVIO-

DILUVIO: así é o terceiro disco de Tanxugueiras

O álbum inclúe dez temas nos que as pandeireteiras cuestionan crenzas  

e presuntas culpas para reformulalas como aprendizaxes vitais transformadoras 

O disco, que estará dispoñible en tendas e plataformas dixitais a partir do 29 de xullo, xa se pode reservar a través da páxina web oficial www.tanxugueiras.gal  

O terceiro disco de Tanxugueiras xa ten título: ‘DILUVIO’. As pandeireteiras desvelan nesta xornada o nome, portada e títulos das cancións do novo álbum, que estará dispoñible nas plataformas dixitais e tendas físicas a partir do vindeiro 29 de xullo, e que xa se pode reservar a través do espazo web oficial  www.tanxugueiras.gal.  

 
Este terceiro traballo discográfico de Tanxugueiras, editado por Calaverita Records, referenda a liña musical de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, na que apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da súa fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap ou a electrónica. Neste sentido, ‘DILUVIO’, cuxa foto de portada é obra de Neelam Khan Vela, nace como unha viaxe de revisión e cuestionamento de crenzas ou presuntas culpas instaladas na sociedade. 

Se con ‘Contrapunto’ as cantareiras propoñían un particular xogo de espello entre o lado bo e malo da vida, co novo álbum pretenden provocar un auténtico ‘DILUVIO’ sobre o establecido: é un camiño que as pandeireteiras percorren a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, lembrar ou apoderar. Apoiadas sobre estes, as músicas apostan por reformular esas crenzas ou máximas e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida

  
‘DILUVIO’ inclúe dez temas –e outros dous instrumentais de apertura e peche do disco-, dos que o público xa coñece éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’ ‘Averno’ ou ‘Terra’, ademais dos sinxelos recentemente publicados: ’Seghadoras’, ‘Desidia’ e ‘Pano Corado’. Precisamente estes tres últimos temas dan boa conta da conceptualización do disco e reverte os discursos de odio e a opresión coa dignidade das ‘Seghadoras’, defende o dereito ao autocoidado con ‘Desidia’, ou chama pola defensa do amor libre en ‘Pano Corado’. O venres 29 de xullo, día do lanzamento do álbum, daranse a coñecer os cinco novos temas que pechan o DILUVIO: ‘Treboada’, ‘Arica’, ‘Sorora’, ‘Fame de Odio’ e ‘Acougo’. 

20220701-NP-GAL-DILUVIO-e-o-novo-disco-de-Tanxugueiras