Proxección do filme documental ARREDOR DA RODA. DE CÁNTIGAS DA TERRA A MIRO CASABELLA, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 28 de xaneiro, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María proxecta ARREDOR DA RODA. DE CÁNTIGAS DA TERRA A MIRO CASABELLA.

Filme documental de sesenta minutos sobre a zanfona e as marxes deste instrumento desde a óptica dun dos pioneiros galegos, Miro Casabella. Dirixido por Federico A. Rioboo, é unha produción de Cántigas da Terra.

A aula de zanfona de Escolas da Terra de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galiza na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galiza.

A entrada para ver este documentario é libre, mais é necesario facer reserva no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621