Presentación das obras gañadoras do IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA no Museo das Aves de Cospeito

O vindeiro sábado, 17 de decembro, ás 17 h. no Museo das Aves de Cospeito celebrarase a presentación das obras gañadoras no IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, Contra-Tempos, de Andrea Fernández Maneiro, e Río Carne, de Rafael Lobelle González, editadas baixo o selo de Tris-Tram.

Este certame literario, que vai pola súa quinta edición, está convocado conxuntamente entre o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ.

Andrea Fernández Maneiro, coa obra “Contra-Tempos”, gaña o IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

E quedou como finalista a obra DA CARNE, de Rafael Lobelle González

Reunión do xurado en Cospeito

O IV Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O xurado de dito certame, composto por Beatriz Dourado, Adolfina Mesa. Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda, reuniuse este sábado 6 de novembro de 2021 no salón de plenos do Concello de Cospeito e, despois dunha longa deliberación, valorando entre as 32 obras presentadas, fallou por maioría de votos conceder o primeiro premio da categoría de 18 anos en diante á obra CONTRA-TEMPOS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, corresponde a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa, por “tratarse dun poemario moi equilibrado, cunha voz poética potente e conmovedora, que outorga visibilidade a unha temática tan silenciada como é a da saúde mental”. E o segundo premio recaeu na obra DA CARNE, cuxo autor é Rafael Lobelle González, de Chantada, porque, tendo en conta o criterio do xurado, “estamos ante unha poesía escénica, ben estruturada, que se abre a diferentes dimensións e interpretacións, destacando a riqueza cromática no xogo das palabras”.
A categoría de menores de 18 anos quedou deserta por ausencia de participación.
A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 13 de novembro de 2021, no local social de Pino, lugar onde se sitúa a Torre de Caldaloba.

Recital MANIFESTO 25 N na Feira do Libro da Coruña o luns 9 de agosto

O vindeiro luns 9 de agosto, a partir das 18:30 h., dentro do marco de actividades que se celebran na 50ª Feira do Libro da Coruña, terá lugar un recital colectivo do libro MANIFESTO 25 N. 30 Voces Pola Eliminación da Violencia contra a Muller, editado baixo o selo de Alvarellos Editora. Dito recital, promovido pola propia editorial, contará con autoras coma Arancha Nogueira, Adolfina Mesa, Andrea Fernández Maneiro, Beatriz Maceda Abeleira, Viki Rivadulla, que son algunhas das voces cuxas obras aparecen na mencionada publicación.