Angélica Salvi, Ece Canli, Ivankovà, Superorganismus e Ana Lua Caiano actúan esta fin de semana no Sinsal Primavera de Vigo
A programación conformada por cinco proxectos de vangarda liderados por mulleres conta co apoio do Concello de Vigo
As entradas están dispoñibles no web www.enterticket.es; e os billetes para as sesións do MARCO permitirán acceder, gratuitamente, aos concertos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO.) e do 20 de maio (Ana Lua Caiano)
Vigo acollerá esta fin de semana unha nova edición do Sinsal Primavera. Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González- e Ivankovà conforman o cartel das sesións que terán lugar os días 19 e 20 de maio no MARCO de Vigo. Como novidade, a programación extenderase a un dos principais recintos de música ao vivo da localidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lua Caiano na noite do sábado 20.
Impulsado pola promotora cultural viguesa Sinsalaudio, Sinsal Primavera propón visualizar propostas musicais singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, e co apoio do MARCO, do Instituto Camões e da Sala Radar, ofrecerá esta fin de semana unha programación conformada por cinco proxectos de vangarda liderados por seis bandas ou solistas chegadas de distintos puntos de España, Portugal, Suíza e Turquía.
As entradas do Sinsal Primavera están á venda na plataforma web www.enterticket.es. O prezo da entrada anticipada para cada xornada no MARCO é de 15 euros (agás no caso dos billetes para as e os menores de 10 anos, cuxo acceso será gratuíto). Todas as persoas que posúan entrada para algún dos concertos do MARCO, poderán asistir de forma gratuíta aos concertos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO., 22:45h) e do sábado 20 (Ana Lua Caiano, 23:00h). As entradas para estes directos tamén están dispoñibles en Enterticket por 8 euros anticipada e 10 euros na billeteira.
ÚLTIMAS ENTRADAS PARA SINSAL SAN SIMÓN
Por outra banda, Sinsalaudio lembra que aínda é posible adquirir algunha das últimas entradas dispoñibles para poder asistir á nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2023, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón (Redondela). Tanto os abonos como as entradas do sábado 22 e domingo 23 esgotáronse ás poucas horas da súa saída á venda -tanto desde o embarcadoiro de Vigo coma desde Meirande-.
Nos vindeiros días anunciarase a programación de actividades paralelas que terá lugar, de xeito gratuíto, durante a celebración do evento musical, e que inclúe tanto diferentes paseos para descubrir patrimonio natural e histórico da illa, coma outras iniciativas para afondar no coñecemento da cultura musical e de vangarda.
PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2023
Venres 19 | MARCO de Vigo20:30 horas – Angélica Salvi
21:30 horas – Ece Canli
Sábado 20 | MARCO de Vigo
20:30 horas – Superorganismus
21:30 horas – Ivankovà
Sábado 20 | Sala Radar
23:00 horas – Ana Lua Caiano
* As persoas con entrada para os concertos de Sinsal Primavera no MARCO poderán acceder, de balde, aos directos da Sala Radar nas noites do venres 19 (SIPHO., 22:45h) e sábado 20 (Ana Lua Caiano, 23:00h).
20230516-NP-Sinsal-Primavera-en-Vigo