Xa está dispoñible “súbete ao EVA”, o novo álbum de Filloas
O artista conseguiu canalizar a súa paixón pola cultura pop e a música nun álbum que te fará bailar, rir e sentir nostalxia a partes iguais.
Prepárate para mergullarte nun universo musical único con “súbete ao EVA”, (ALENDE/Altafonte, 2025), un álbum que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa.
Este novo traballo sorprende cunha explosión de hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet.
Filloas leva xa uns meses adiantándonos o seu novo son, o cal chega ao seu cumio con “súbete ao EVA”. Como adiantos, puidemos escoitar “22 minutos”, con videoclip de Xaime Miranda e “despawn”, un acelerado tema electrónico no que reflexiona acerca dos problemas da súa xeración.
Filloas consegue, grazas ao seu característico vestiario, o atrezzo que o acompaña nos directos e a dirección artística dos seus videoclips, que el mesmo idea, traer á realidade o seu imaxinario.
Filloas presenta unha declaración de intencións, destacando como un dos artistas emerxentes máis inquedos da escena galega.
O movemento Filloas é imparable e así o demostrou sendo o artista gañador do concurso Novos Valores 2024 do Festigal.
Coa festa por bandeira, en directo atoparás autenticidade, diversion e risas.
PRÓXIMOS CONCERTOS FILLOAS
28/02/25 Entroido Rianxeiro, Rianxo
11-14/09/25, Festival Revenidas, Vilaxoán de Arousa
Máis datas por anunciar….