Concerto de UXÍA e GERMÁN DÍAZ este sábado na Casa-Museo Manuel María

A voz dunha das nosas grandes cantoras, Uxía, xunto a Germán Díaz, un magnífico e virtuoso músico e estudoso da zanfona, unen os seus camiños este sábado, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María, nun espectáculo musical que pretende mostrar toda a beleza das músicas – históricas e imaxinadas – da tradición musical dos camiños a Compostela. 

Uxía e Germán interpretarán desde repertorio medieval a novas composicións (alalás, versións de cantigas de amigo, cantos de xúbilo…), recreando e actualizando aqueles encontros musicais en que non só había música sacra senón tamén música tradicional que as persoas peregrinas traían desde distintos lugares de Europa e que se combinaba coa música vitalista, colorista e diversa de Santiago de Compostela.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (o custo do billete é de 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621