Os contos do Festival Atlántica seguen este venres malia as restricións
· A partir das 18.30 horas, Noelia Carioca estará na Biblioteca Anxel Casal cun espectáculo para nenos titulado ‘Contos e papaventos’
· Ás 20.30 horas, Rubén Martínez estará con ‘Cuenterías’ no local Dospasos de Bertamiráns
· Tamén ás 20.30 horas Charo Pita actuará na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela
As restricións que entran en vigor este venres non van impedir que os contos do Festival Atlántica tomen de novo a cidade picheleira. Tres narradores ben dispares, Noelia Carioca, Rubén Martínez e Charo Pita, protagonizarán tres sesións de historias para todos os gustos e públicos.
A primeira cita será con Noelia Carioca e co seu espectáculo ‘Contos e papaventos’ na Biblioteca Pública Anxel Casal a partir das 18.30 horas. Esta narradora salmantina, co apoio de bonecos, obxectos e instrumentos musicais, vai ser quen de lles dar vida ás historias que brindará ao público para facelo voar alto coma os papaventos. Un espectáculo cheo de animais, poesía e ritmo para rir, soñar e gozar pensado para nenos de entre 3 e 8 anos. Aínda que a entrada é gratuíta, para asistir cómpre recoller o convite no mostrador de información 30 minutos antes do comezo da actividade.
Noelia González, alias ‘Carioca’, é licenciada en Pedagoxía, pero dende que descubriu o poder da palabra dedícase á narración oral. Leva os seus contos a escolas, bibliotecas, prazas e garderías, sempre coa a maleta chea de obxectos que toman vida nos seus espectáculos. Compaxina os contos coa docencia nunha escola de circo e coa interpretación.
Cuentería venezolana
Algo máis tarde, ás 20.30 horas, e no local Dospasos de Bertamiráns estará Rubén Martínez cunha sesión de ‘Cuentería’. Un espectáculo para adultos que consiste nunha selección de historias de seu no que este narrador venezolano amosa a súa visión absurda, máxica e extravagante do mundo. [Dospasos | rúa Pesqueiras 6, local 10, Bertamiráns | prezo 7,5 € | reserva de entradas por WhatsApp en 660619071]
Rubén Martínez é xornalista, músico, escritor, actor, contacontos e director do Festival de Narración Oral de Barcelona ‘Munt de mots’. Atesoura trinta e cinco anos de profesión, cheos de creatividade, traballo e moita imaxinación. Foi pioneiro da narración oral en Venezuela, Chile e Cataluña. Formador de narradores e narradoras orais no Programa Atrapa la Paraula, do Consorci de Biblioteques de Barcelona dende o ano 2002.
Contos na igrexa
Tamén ás 20.30 horas, pero na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, os amantes dos contos teñen unha cita con Charo Pita e co espectáculo ‘Baixo a lúa ás 20.30’, unha escolma de historias sobre os corpos que se abalan nas sombras, nas alegrías, nos medos e nos soños que nos desvelan. A ollada, o silencio e, como non, a palabra son os protagonistas destes relatos. Algúns deles proceden da tradición oral de lugares remotos e outros, da propia narradora, pero todos foron concibidos para gozar das noites de luar.
A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando rematou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns premios literarios, o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 e no 2018, ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos, entre outros. Participou tamén en proxectos musicais e teatrais como na Nena e o grilo no país das apertas xunto a Magín Blanco, en Estamos no verán xunto a Xoán Curiel ou en No país do vento da man de María Faltri e Jorge Juncal.
Máis Atlántica, máis contos
O Festival proseguirá durante os días 7 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con máis actuacións noutros concellos galegos. A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites.
Agás no caso de Ferrol e Teo, a maioría das funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.