ESTE TEMA É O ÚLTIMO ADIANTO DO NOVO DISCO DE LONGA DURACIÓN DE HUGO GUEZETA, O NOSO TEMPO, QUE VERÁ A LUZ MOI PRONTO
Hugo Guezeta e Dakidarría unen forzas e publican case sen previo aviso Arder, o último sinxelo antes da publicación do álbum de Hugo, O Noso Tempo. Este sinxelo será a antesala ao anuncio do álbum, e postula a ser un dos grandes temas do mesmo.
Despois de moitas colaboración presenciais en concertos, Hugo e Dakidarría entraron de novo ao estudo para dar vida a Arder, un tema que combina á perfección o reggae tan característico tanto en Hugo como na banda de Nigrán, co rock, tan presente na carreira de Dakidarría. Por suposto, o eixe da colaboración xira arredor das reivindicacións sociais tan intrínsecas en ambos artistas, deixando así un xunte moi orgánico e cómodo para ambos. Baixo o concepto de ver o mundo arder para renacer desas cinzas, esta canción é xa o sétimo adianto do que será o primeiro disco de longa duración de Hugo Guezeta.
Arder está producido por Peter Petrwoski con arranxos de P. Leyenda, e conta coa letra e as voces de Hugo Guezeta, Gabri Reigosa e do propio P. Leyenda. Destaca tamén a participación na guitarra de Iñaki Fernández e no trombón de Paula López. Ademais, o tema ven acompañado dun videoclip gravado tanto na Praia de Patos como en Carpintería Recording Studio, o estudo de gravación de Dakidarría, ambos situados en Nigrán. A dirección vén da man de Adrián Diaño, co que Hugo xa traballou nos seus videoclips de O Noso Tempo e Cantare, adiantos tamén deste novo disco do rapeiro galego.
O álbum, que verá a luz moi pronto, conta ademais con tres datas de presentación xa anunciadas, que terán lugar o 14 de decembro na Sala Rebullón (Mos), o 19 de decembro na Sala Mardi Gras (A Coruña) e o 21 de decembro na Sala Sónar (Santiago de Compostela). A data na Sala Rebullón, ademais de ser o primeiro concerto en solitario desta etapa, será un concerto especial no que haberá moitas sorpresas e colaboracións, e servirá para dar a saída a unha xira que se espallará por todo 2025.
DATAS DE PRESENTACIÓN DE O NOSO TEMPO
14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS
19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS
21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración titulado O Noso Tempo, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá moi pronto, e O Noso Tempo, Feridas, De Volta, Cantare, A Toleira, Espertar e Arder son os primeiros adiantos do mesmo, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.