• O concerto de estrea de ‘Alvela’ será o vindeiro 23 de abril no Teatro Principal de Santiago, ás 20.30 horas 
  • FAIA estará arroupada no escenario pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais polo cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet 
  • As entradas estarán á venda a partir das 11:00 horas deste martes 25 de marzo na web compostelacultura.gal e mais na Zona C 

Na estrea pública de Alvela, FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano, (violín/ viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e co deseño de luz a cargo de Nonon Lab. 


FAIA vai presentar o seu novo traballo, Alvela, nun concerto o vindeiro 23 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago. As entradas para este evento, encadrado na programación musical de Compostela Cultura, estarán á venda a partir das 11.00 horas deste martes, 25 de marzo, e poderanse adquirir en liña na web de compostelacultura.gal ou ben presencialmente na Zona C ou na billeteira do teatro unha hora antes do comezo do concerto. 

Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.  Polo de agora, coñécese un primeiro adianto do disco titulado E se queres, dispoñible nas principais plataformas dixitais e acompañado dun vídeo dirixido por Sara Traba. 

O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco. 

Sobre FAIA 

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo. 

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ 

23 de abril | 20.30 h | Teatro Principal (Santiago de Compostela) 

Entradas [venda activa a partir do 25 de marzo ás 11.00 h]: 

  • compostelacultura.gal
  • Zona C · Punto de Información Cultural (de martes a sábado, 11-14 h e 16-19 h) 
  • Despacho de billetes do Teatro Principal (o día do concerto dende as 19.30 h) 

ESCOITA ‘E SE QUERES’ | https://open.spotify.com/album/3oZigGsYG71E0o9vGeJ5de?si=Gq3H1irxQhSjpSBdPayVQA