A estrea absoluta da obra terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o venres, 12 de abril, ás 20.30h, coas entradas á venda desde mañá a un prezo de 5€ a través da plataforma en liña do Concello ferrolán www.ferrol.es

O Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, na Coruña, acolle estas semanas a residencia artística de Elefante Elegante para traballar no proceso creativo da peza, con funcións previas diarias en sesión matinal, para público de Secundaria e Bacharelato, entre o 14 e o 22 de marzo

‘Un momento precioso’ fala, a través do teatro, a danza e a acrobacia, da emerxencia climática, evocando a representación do planeta Terra como un lugar de refuxio, de pracer e de harmonía… Mais, se o mundo está a arder, como podemos conseguir un futuro diferente?

A compañía de teatro físico Elefante Elegante prepara un novo espectáculo para público adulto. Un momento precioso é o título da peza na que a troupe liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro está a traballar sobre a emerxencia climática. Candidatos aos Premios Max 2024 á mellor dirección de escena e finalistas dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego, os artistas amosan con esta nova creación a representación onírica do planeta Terra como lugar de refuxio, de descanso, de pracer e de harmonía. Pero, se o mundo está a arder, como podemos conseguir un futuro diferente? A estrea absoluta de Un momento precioso terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o venres 12 de abril, ás 20.30h. As entradas estarán á venda desde mañá xoves, 14 de marzo, a un prezo de 5€ a través da web www.ferrol.es

O Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, na Coruña, acolle estas semanas a residencia artística de Elefante Elegante para traballar no proceso creativo da peza. Para quentar motores, a compañía ofrecerá, entre o 14 e o 22 de marzo, funcións previas diarias en sesión matinal, para público de Secundaria, Bacharelato e mais para colectivos especiais da zona.

Un momento preciosoevoca o imaxinario simbólico do xardín asociado ao ideal da Terra como unha sorte de Arcadia feliz. O xardín simboliza a prosperidade, a paz e a liberdade, pero “un momento precioso” transita entre o soño e o pesadelo, entre o paraíso e o inferno, entre a luz e a sombra, entre a construción arquitectónica intelixente e a catástrofe.

O mundo está a arder, da Amazonia a California, de Australia ao Ártico Siberiano. Cómpre escoller: quedamos observando como se consome no lume ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

A decisión é, asemade, simple e complexa, pero é, sobre todo, urxente. Esta pode ser a hora final da nosa civilización, pero o noso momento é tamén precioso. É posible resolver a emerxencia climática, mais cómpre actuar axiña. 

Un momento precioso rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles e, tamén, como un espazo social ideal onde coexisten seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde nos sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?

Un momento precioso é un espectáculo de teatro de movemento que transita entre o teatro, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral.

Gonçalo Guerreiro e María Torres firman a creación de Un momento precioso. Guerreiro é, tamén, o responsable da dirección e a escenografía da peza, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e a mesma María Torres. Pola súa banda, a composición musical está asinada por Manel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario.

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Gonçalo Guerreiro e María Torres son compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol. 

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes. 

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.

20240313-NP-un-momento-precioso-Elefante-Elegante_OK