Dez días para axitar a cabeza coa comedia: este venres 28 comeza na Coruña a terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo


O EMHU congregará na cidade as figuras e os espectáculos máis relevantes do panorama humorístico do momento, nunha cita cuxas entradas están practicamente esgotadas

Ana Morgade, Dani Rovira, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Pantomima Full, Sílvia Abril e Xosé A. Touriñán participarán en producións exclusivas que unicamente se poderán ver estes días na cidade herculina

As propostas máis demandadas polo público, como ‘Estirando el chicle’, ‘Buenismo Show’, ‘La ruina’, ‘La comedia salvó mi vida’, con Ignatius Farray, ou ‘La capital del pecado 2.0’, con Juan Dávila, formarán parte da programación do evento

As últimas entradas á venda para gozar das funcións de ‘Sin datos no hay paraíso’, ‘As R(h)umorosas, ‘Ansia viva’ ou ‘Garabato controlado’ están dispoñibles en
www.emhu.es

O Encontro Mundial de Humorismo arrancará este venres 28 na Coruña a súa terceira edición. Até o vindeiro 7 de maio, a cidade herculina converterase no epicentro humorístico do país coa celebración dunha cita que reunirá, durante dez días, as figuras e os espectáculos máis relevantes do panorama da comedia. Máis de 30 artistas estarán sobre os escenarios dun evento que, coma avanza o seu cartel, procura axitar as mentes a través do humor, e para o que practicamente non quedan entradas libres.

Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, David Amor, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril e Xosé A. Touriñán estarán presentes no evento, que tamén contará coa participación de Buenismo Show (con Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado -nunha función que suporá a estrea do espectáculo en Galicia-), Estirando el chicle (con Carolina Iglesias e Victoria Martín -que estarán no Castelo de Santo Antón-) ou La Ruina (con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes -que regresan á cidade esta primavera-).

Ademais, figuras galegas da comedia estrearán espectáculo no marco do EMHU: é o caso de Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, que presentarán As R(h)umorosas, e Oswaldo Digón, que dará a coñecer o seu Ansia viva. No Encontro Mundial de Humorismo tamén estará o arxentino Juan Barraza, quen presentará por vez primeira en España o seu Garabato controlado; e ‘influencers’ como Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño, que volverán ao Teatro Colón con Sin datos no hay paraíso. As últimas entradas dispoñibles para estas cinco propostas pódense conseguir en www.emhu.es.

A terceira edición do EMHU contará con actividades gratuítas e de acceso libre. É o caso da exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (desde o 28 de abril e até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso), a charla Picasso e a caricatura (venres 28, 19;00 horas, tamén na Casa Museo Picasso) ou a función da Escuela de Impro Coruña (sábado 29, 12:30 horas, na sede de Afundación). Tamén forman parte desta programación paralela citas como o concerto La banda sonora de nuestra risa, conducido por Luis Piedrahita e coa interpretación da Banda Municipal de Música da Coruña (4 de maio); e a presentación do programa de Movistar Plus+ Showriano, con Eva Soriano, e na que Leo Harlem será o convidado (5 de maio). Para estas dúas últimas propostas os convites gratuítos están esgotados.


EMHU 2023


O EMHU, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e Producciones El Espectador (Madrid) -e que conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia- é unha das citas de referencia da comedia a nivel estatal tanto pola súa programación -pola que pasaron artistas como Andreu Buenafuente, Inés Hernand e Nerea Pérez de las Heras ou David Broncano, entre outras- como pola afluencia de públicos: no 2022, no que o Coliseum foi unha das principais sedes, o Encontro Mundial do Humorismo sumou máis de 19.000 espectadores.

De cara á edición de 2023, o EMHU inclúe, como é habitual, a presenza de figuras icónicas en galas de produción propia, creadas exclusivamente para o evento. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntará a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera o 29 de abril; da nova gala Animus Iocandi, coa que o EMHU regresará ao Palexco para que o público escache coa risa da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que terá lugar o 7 de maio e que contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Nesta cita, ademais, entregaranse os Premios EMHU 230: Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta son os recoñecidos nesta edición.

O Encontro Mundial de Humorismo contará na súa programación troncal con algúns dos espectáculos en xira máis demandados polo público neste momento. É o caso de Buenismo Show, cuxa estrea en Galicia terá lugar o 28 de abril no marco do EMHU; ao igual que La capital del pecado 2.0 de Juan Dávila, cuxa función está programada para o 1 de maio; ou Estirando el chicle desde un castillo, un programa especial do podcast presentado por Carolina Iglesias e Victoria Martín que se gravará, ao vivo, na tarde do 30 de abril desde o Castelo de Santo Antón. Ademais, entre as propostas que se poderán estes dez días na Coruña, están La comedia salvó mi vida, con Ignatius Farray (30 de abril); La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes (6 de maio); e Garabato controlado (5 de maio), do arxentino Juan Barraza.

A comedia galega terá unha importante presenza neste encontro de ámbito estatal. Alén das estreas absolutas de As R(h)umorosas e Ansia Viva, ou da participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Rober Bodegas (Pantomima Full) na gala Fantastic Colofon, tamén conta con selo do país o filme Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica que dirixe Javier Veiga sobre a obra teatral e que se proxectará por primeira vez para o público o domingo 30 de abril no Teatro Colón, antes da súa chegada aos cinemas -prevista para o mes de setembro-. A exhibición da película estará acompañada dunha breve conversa e espectáculo que contará coa participación de Marta Hazas, David Amor, Xosé A. Touriñán e do propio Veiga.


APERTURA DA NOVA EDICIÓN

O EMHU 2023 arrancará este vernes, 28 de abril, coa apertura, ás 11:30 horas, na Casa Museo Picasso, da exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad; unha cita que contará coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; un dos coordinadores do EMHU e da produtora Etiqueta Negra, Iago Regueiro; e o comisario da exhibición, Juan García Cerrada, do Instituto Quevedo del Humor. No acto daranse a coñecer as ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos- que participan na mostra, e na que o público poderá coñecer a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita.

Xa pola tarde deste venres 28, contra ás 19:00 horas na mesma Casa Museo Picasso, o humorista gráfico Siro López -Premio EMHU Fugas 2023- ofrecerá un parladoiro aberto ao público, nomeado Picasso e a caricatura, sobre a relación entre o pintor malagueño e a disciplina artística. E, como peche da primeira xornada e inicio da programación de espectáculos, chegará un dos momentos máis agardados desta edición: a estrea en Galicia de Buenismo Show, o espectáculo baseado no podcast que presentan Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado. A cita -para a que xa non quedan entradas dispoñibles- será ás 21:30 horas no Teatro Colón.

A actividade continuará cunha proposta aberta ao público o sábado 29 na sede coruñesa de Afundación: o alumnado do curso avanzado da Escola de Impro Coruña actuará contra ás 12:30 horas -entrada libre ata completar a capacidade do auditorio-. Pola tarde, a programación repartirase en dúas das sedes centrais do EMHU: o Teatro Colón (Sin datos no hay paraíso, 17:00 horas) e o Pazo da Ópera (Humoris Causa, dobre función ás 19:00 e 22:00 horas).  De cara ao domingo, as citas serán no Castelo de Santo Antón (Estirando el chicle en un castillo, 16:00 horas) e Teatro Colón (Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida, 18:00 horas, e Amigos hasta la muerte, 20:30 horas). A fin de semana festiva, que inclúe o 1 de maio, pecharase con outra das citas máis relevantes desta edición, cuxas entradas se esgotaron nuns minutos: a estrea en Galicia de La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila. A cita será o luns 1 no Teatro Colón (19:30 horas).

HORARIOS PROGRAMACIÓN EMHU 2023

Venres 28 de abril
11:30 horas | Casa Picasso: El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (apertura)
19:00 horas | Casa Picasso: Picasso e a caricatura (acceso libre ata completar capacidade)
21:30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show (estrea en Galicia)

Sábado 29 de abril
12:30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar capacidade)
17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso
19:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa

Domingo 30 de abril
16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo
18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte

Luns 1 de maio
19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)

Mércores 3 de maio
19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)

Xoves 4 de maio
19:30 horas | Teatro Colón: La banda sonora de nuestra risa
21:00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)

Venres 5 de maio
19:30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)
21:00 horas | Teatro Colón: Showriano

Sábado 6 de maio
12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina
19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)
22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi

Domingo 7 de maio
20:00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon

20230427-Comeza-o-EMHU-2023