Representación da obra teatral VÍA MORTA na Casa-Museo Manuel María

Culturactiva e Pallasos en Rebeldía traen este sábado, día 27 de abril, ás 20 h, á Casa-Museo Manuel María o espectáculo teatral Vía Morta. Unha peza que tenta ser, máis que unha obra teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe que procura traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público por medio dunha proposta que converte o espectador nun refuxiado máis.Vía Morta adéntranos nun campo de refuxiados e refuxiadas, onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago – agarda poder seguir a súa viaxe até Alemaña, onde espera encontrarse co seu fillo e netos. Mais o tren nunca acaba de chegar a esta vía morta e os refuxiados e refuxiadas comezan a desesperarse. Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación galega chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. Asemade, aparece a ollada inocente, mais crítica, dunha nena –personaxe de Rocío Salgado– que non entende o que está a acontecer.

O espectáculo de sesenta e cinco minutos vai dirixido ao público adulto e para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Presentación do libro GALICIA, DISTRITO INDUSTRIAL. Conversas con DANIEL HERMOSILLA, de Antón Baamonde, na sala do Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “GALICIA, DISTRITO INDUSTRIAL. Conversas con DANIEL HERMOSILLA”, de ANTÓN BAAMONDE (Filósofo e ensaísta). 

O acto terá lugar o venres 26 de abril de 2024, ás 20:00 horas, na Sala do Auditorio Municipal de Vilalba. Contará coa presenza de Antón Baamonde e Daniel Hermosilla e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. (ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO).

NOTA-INFORMATIVA-GALICIA-DISTRITO-INDUSTRIAL

“Un lugar desprazado coma o meu corpo”, de Sabela Eiriz, na Galería NÉBOA

Este venres 19 de abril ás 19:00h inaugurouse a mostra individual Un lugar desprazado coma o meu corpo, de Sabela Eiriz, na Galería NÉBOA (Lamas de Prado 31, Lugo).

Digo «lugar» e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo (que nin é urbanita nin é rural) ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa”. Sabela Eiriz.

Sabela Eiriz (Lugo, 1991) é unha artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, cunha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. No seu traballo, combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo, entrelazando experiencia, pensamento e emoción. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos.

Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse nos mestrados de Fotografía e Deseño pola Elisava Facultad de Diseño e Ingeniería de Barcelona;Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e Profesorado de Artes Visuais pola Universidade da Coruña. Eiriz é Doutora en Artes e Educación pola Universidade de Granada, e na actualidade compaxina a súa labor artística co seu traballo como fotógrafa e videógrafa e coa docencia na Universidade da Coruña. 

A súa traxectoria sempre foi multidisciplinar, iniciándose no eido do teatro e movéndose posteriormente ao terreo audiovisual e fotográfico. Así, ten participado en diversas exposicións, individuais e colectivas, residencias e visionados co seu traballo fotográfico, así como en mostras e proxeccións audiovisuais. A súa obra está presente en coleccións como a Fundació Vila Casas ou a Rede Museística Provincial de Lugo.

NdP_Un-lugar-desprazado-coma-o-meu-corpo_NEBOA

Presentación este sábado do libro CONTÁRMONOS, do colectivo literario Comadres das Letras, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, ás 20 h, a Casa-Museo Manuel María acolle a presentación do libro Contármonospor parte do colectivo literario Comadres das Letras. 

Contármonos é un libro editado en 2023 e composto por catorce voces, que tivo a súa orixe nun obradoiro da escrita levado a cabo en Compostela en 2021 e 2022 e que dinamizou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) a través da poeta e narradora Eli Ríos. Daquel obradoiro tamén naceu o colectivo literario Comadres das Letras que serán as encarregadas, este sábado, de presentar este volume con máis de corenta textos creados ao redor da memoria histórica das mulleres e que sitúan a estas no centro. A actividade é aberta ao público xeral.

Previamente, ás 18.30 h, e na biblioteca da casa-museo, as Comadres das Letras manterán unha conversa con aquelas lectoras e lectores que xa teñan lido o libro e que se queiran achegar a Outeiro de Rei para dialogar con parte das súas autoras. Entre estas lectoras estarán presentes as participantes no clube de lectura Saleta, da propia casa-museo, que estiveron nestas últimas semanas lendo o libro.

O Auditorio de Arteixo acolle ‘Kyoki’, o espectáculo familiar de Elefante Elegante sobre o alzhéimer

Este venres, 19 de abril, ás 18.30 h, a compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro leva a Arteixo unha peza de linguaxe xestual sobre sobre o esquecemento, a vellez e a soidade desde unha ollada poética, cómplice, cómica e reflexiva

As entradas para ver ‘Kyoki’ -palabra que significa “demencia” en xaponés- pódense mercar por adiantado na web eventosarteixo.com ou ben o mesmo día da función na billeteira do Auditorio

O alzhéimer desde unha ollada poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, o espectáculo que Elefante Elegante levará ao Auditorio de Arteixo este venres, 19 de abril, ás 18.30 h. Esta peza para público familiar dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria, unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade As entradas pódense mercar por adiantado na web eventosarteixo.com ou ben o mesmo día da función na billeteira do Auditorio en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30 horas. Os prezos oscilan entre os 3 euros da entrada xeral e os 2.25 da bonificada (menores de 18 e maiores de 65 anos).

Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki -palabra que significa “demencia” en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. A peza investiga, dun xeito poético e cómico, sobre a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. Porque, se ben é certo que esta condición adoita aparecer en persoas de idade avanzada… Quen non esqueceu algunha vez onde colocara a caixa das galletas? Ou, quen, por distracción, non vestiu nunca o xersei do revés? Kyoki quere ser unha ollada sensible ás experiencias que viven as persoas que precisan ser coidadas e mais as propias coidadoras.

A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral de Kyoki baséase no traballo plástico da corporalidade da protagonista en escena e na súa constante interacción cos elementos escenográficos, para definir unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe toma un total protagonismo. A posta en escena fundaméntase xa que logo na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e todos os estados dramáticos definidos.

Kyoki é un espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.

Cómpre sinalar que Kyoki presentouse o pasado febreiro en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que se celebra anualmente en Xixón. A obra de Elefante Elegante formou parte dos 76 espectáculos escolleitos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.

Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

20240417-NP-KYOKI-Elefante-Elegante-ARTEIXO