A Coruña convértese un ano máis na capital universal do mundo da banda deseñada para celebrar, do 7 ao 13 de agosto, a 26º edición desta mostra internacional de referencia, que presentou esta mañá un avance do seu programa

O ilustrador Manel Cráneo asina o cartel da cita este 2023, que contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil

O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez

Viñetas desde o Atlántico poñerá, así mesmo, en valor o rico ecosistema autoral local coa mostras colectiva BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, e contará coa súa xa clásica “Rúa da BD”, a feira que acolle a editoras e librarías de prestixio de toda España

A Coruña converterase un ano máis na capital universal do mundo do cómic para celebrar, do 7 ao 13 de agosto, a 26º edición da mostra internacional Viñetas desde o Atlántico. O ilustrador coruñés Manel Cráneo asina este 2023 o cartel desta cita de referencia, que contará con seis grandes exposicións, ademais de charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá un avance da programación desta edición número 26 de Viñetas desde o Atlántico. “Será unha edición moi especial, pois tras un cuarto de século este festival toma un novo rumbo impulsado e organizado polo Concello da Coruña da man do sector do cómic coruñés, cunha programación exclusiva e de gran nivel internacional”, sinalou a rexedora. Nos vindeiros días desvelarase o programa completo da mostra.

As grandes pioneiras do cómic en España serán as protagonistas de Viñetas 2023. O festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez. Viñetas desde o Atlántico poñerá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coa mostra colectiva BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, e contará, así mesmo, coa súa xa clásica “Rúa da Banda Deseñada”, que acolle expositores de editoras e librarías de prestixio de toda España.

Este 2023, Viñetas desde o Atlántico propón unha edición que dá voz e presenza ás mulleres no mundo da banda deseñada. Unha edición que rende unha merecida homenaxe a figuras recentemente desaparecidas. Unha edición que abre xanelas ao mundo da animación, consciente, precisamente, do grandísimo traballo que se está a realizar desde A Coruña. Unha edición que busca a diversidade e que pon en valor as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na cidade ao redor deste rico xénero. Esta é, tamén, unha edición que busca aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas.

Nesta nova etapa, Viñetas propón un novo modelo de xestión -impulsado e organizado polo Concello da Coruña en colaboración co sector-, mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar. É por iso que o seu protagonismo recae nas autorías locais -agrupadas nos colectivos Coruña Gráfica e Autobán- e nas autorías femininas, que teñen unha presenza maioritaria na cita.

Viñetas desde o Atlántico é tamén un espazo de promoción da cultura e das artes. Un festival de banda deseñada para celebrar a arte do xénero e aos grandes artistas locais, nacionais e internacionais. Unha plataforma para promover e difundir a cultura na cidade, creando un ambiente vibrante e diverso, con actividades infantís e profesionais e coa súa xa clásica “Rúa da BD”, que reúne a editoras e librerías de prestixio de toda España. Como novidade, Viñetas sumará este ano a música e o cinema ao seu cartel, cun concerto ilustrado e unha coidada serie de proxeccións cinematográficas. En definitiva, máis dun centenar de exposicións, charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e talleres converterán de novo A Coruña na capital universal do cómic este mes de agosto.

SEIS GRANDES EXPOSICIÓNS CONFORMAN O CORAZÓN DE VIÑETAS NESTE 2023

Un ano máis, o Kiosco Alfonso será o corazón expositivo de Viñetas desde o Atlántico. A esta sala municipal súmanse outras como PALEXCO, o Palacio Municipal, A Casa Museo Picasso ou Casa Cultura de Salvador de Madariaga. Todas as exposicións estenderanse no tempo máis aló da celebración da propia feira, desde o 7 de agosto até o 10 de setembro. 

Na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar dúas mostras das que este novo Viñetas está especialmente orgulloso: a primeira homenaxe expositiva ao recentemente finado Calpurnio, universalmente coñecido como o autor de El bueno de Cuttlas, a tira cómica que durante anos ilustrou El País Semanal. A exposición Homenaxe a Calpurnio componse de preto de 200 orixinais, ademais dun centenar de obxectos de culto, como libros, cómics, portadas de discos e secuencias das súas películas.

A segunda exposición da que poderemos gozar en PALEXCO exemplifica a evolución de Viñetas como plataforma que integra novas linguaxes e que aposta polo talento local: Alberto Vázquez: do cómic á animación é unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico deste multipremiado creador coruñés -gañador do Goya en 2023 pola súa longametraxe de animación Unicorn Wars– e a súa riquísima imaxinación, a través de orixinais das súas bandas deseñadas e detalles dos seus procesos de animación.

O Palacio Municipal expoñerá por primeira vez na Coruña o traballo dos italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte. A exposición Las chicas del Pillar. Poniendo rumbo a nuevas aventuras: cómo nace una historia de cómic propón un discurso expositivo continuo, artístico e didáctico, que mostra, mediante orixinais, o proceso creativo dun dos cómics máis celebrados dos creadores: Las chicas del Pillar

Inmersos aínda na celebración do Ano Picasso, a súa casa museo na Coruña súmase á celebración de Viñetas desde o Atlántico e acollerá unha exposición de poesía gráfica de Laura Pérez Vernetti, considerada como unha das mellores historietistas españolas, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona. Con ela, Viñetas ábrese a un dos xéneros máis novos do cómic actual, a poesía gráfica, coa exposición VIVE LA VIDA e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca. Por Laura Pérez Vernetti, un traballo sobresaliente e dunha sensibilidade única, coa que a artista capta o universo interior dun dos nosos máis lúcidos creadores literarios.

Mención especial merece a mostra chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía Mujercitas del mundo, ¡uníos! Pioneras del cómic underground adulto, que descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade, con nomes tan significativos como os de Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Clavé, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila e Laura Pérez Vernetti , entre moitas outras autoras imprescindibles.

Na cita non faltará tampouco un vivo escaparate do panorama actual da historieta na cidade, cunha exposición que abre unha nova liña de traballo para Viñetas: BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, comisariada por Manel Cráneo -autor do cartel desta 26º edición da mostra-. A través dos orixinais de 25 autores e autoras locais, a exposición é unha fotografía que ensina unha instantánea diversa e variada en técnicas e estilos e que poñe en valor unha riquísima escena local da que podemos presumir con orgullo.

IBÁÑEZ EN VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

O recentemente finado Francisco Ibáñez, historietista de referencia e autor de personaxes fundamentais da cultura popular española da Transición, visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos. Foi entón, en agosto de 1998, cando A Coruña acolleu unha exposición en homenaxe á súa figura polo 40 aniversario de Mortadelo e Filemón.

Viñetas desde o Atlántico 2023 non pode pasar por alto esta triste perda e, en recordo de Ibáñez, incluirá un punto continuado de lectura das súas obras, situado no edificio principal da feira, o Kiosco Alfonso, e, tamén, nas Bibliotecas Municipais da cidade. Velaquí unha proposta para que todos los públicos poidan achegarse ou reconectar coa súa figura e a súa obra a través de icónicos títulos e personaxes xa inmortais no imaxinario da banda deseñada universal.

26 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas, actividades paralelas e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2023 celebra a súa 26ª edición do 7 ao 13 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galego, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña cun novo rumbo, como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas.

A nova edición de Viñetas desde o Atlántico quere ser unha reflexión colectiva orquestrada xunto ao sector do cómic da cidade. Deste xeito, este 2023, a cita aposta pola posta en valor do rico ecosistema autoral e editorial local, buscando, así mesmo, sinerxias con institucións de referencia a nivel europeo e sen esquecer, tampouco, dun dos seus grandes valores e signos de identidade: a internacionalización. Tras 25 anos de historia, Viñetas continuará a ser, ademais, a punta de lanza no mes de agosto do xénero a nivel nacional, como un dos seus grandes referentes. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

O CARTEL DE VIÑETAS 2023: “VOLTOU O XERIÓN”

O ilustrador coruñés Manel Cráneo -un dos más veteranos e celebrados autores galegos, fundador de Demo Editorial e impulsor de Coruña Gráfica e AGPI, entre outras valiosas iniciativas sectoriais- asina un cartel que ten, como xa é tradición, á Torre de Hércules como protagonista. A súa ilustración inspírase no Xigante Xerión, que voltou á Coruña e secuestrou os elementos máis importantes do mundo da banda deseñada na Torre. O gran heroe Hércules, armado cun lapis espada e un escudo en forma de páxina de BD, disponse a derrocar ao malvado xigante e liberar os elementos narrativos do cómic, para que A Coruña goce un ano máis de todas as marabillas que este xénero ofrece en Viñetas desde o Atlántico

Este exercicio de metalinguaxe converte aos personaxes históricos coruñeses en personaxes de historieta e rende homenaxe á linguaxe propia da banda deseñada. O cartel é tamén unha chamada á supervivencia e á resistencia dun evento internacional que cumpre 26 anos de existencia impulsado polo Concello da Coruña e que nesta nova edición conta co apoio e a participación do sector profesional local.

2023.07.26.-NP_GAL-Vinetas-desde-o-Atlantico