A CASA DO LAGO
Celia Fuentes leva unha semana traballando sen descanso sobre a súa última obra. É unha prestixiosa escritora de novelas de terror e está dando as derradeiras rabexadas de “ A casa do lago”. O esgotamento é tal que cae rendida sobre os papeis. Un ruído estraño faina espertar. Sae ver que sucede e unhas mans polas costas suxéitana con firmeza. Xa non lembra máis ata que volve en si e se atopa no mesmo lugar da agresión, totalmente espida pero sen marca algunha. Non hai ninguén ao redor, polo que decide regresar á casa. Ao entrar no estudio, unha muller cuspida a ela, totalmente concentrada, escribe sobre os folios que hai un cacho acaba de deixar sobre a mesa. A medida que se achega a imaxe da muller vaise esvaecendo ata desaparecer; sobre a cadeira a súa roupa dobrada e colocada con coidado. A novela segue enriba da mesa, pero xa rematada, as últimas frases cunha letra coñecida e ao seu lado unha pequena nota: “Por fin remataches, irmanciña, xa ía sendo tempo”. Un calafrío percorre o seu corpo. Vístese rápido, o frío comeza a facer efecto. Non ben remata de poñer a saia, uns estrondosos golpes retumban na porta. En silencio e con temor diríxese a ela e observa pola mira: A súa irmá xemelga, Emma, que lle esixe que lle abra coa ameza de chamar á policía se non o fai. Non pode crer o que está vendo. Ten que ser unha alucinación coma a que acababa de ter hai un intre no estudio. Emma segue a berrarlle insistentemente. Ao fin cede á presión da irmá. Sabe que non lle queda máis remedio. Se Emma chama á policía, o asunto poñerase moi feo e ela leva todas as de perder.
—Que sorpresa, irmanciña! —exclama Emma cun sorriso irónico nos beizos, ao tempo que a ameaza cunha pistola—. Cando se fai un traballo, hai que ser bo profesional e non deixar cabos soltos, senón xa sabes…— engade, disparándolle sen piedade..
Emma recolle a Celia, lévaa á beira do lago, átalle ao corpo unha pedra ben pesada e arrástraa ata o lago, onde a funde. Regresa con renovadas ansias á casa e déitase no leito. Mañá será outro día, chamará ao editor para entregarlle a novela. Ninguén notará a falta da irmá, agora ela era Celia. Todo o mundo sabe que Emma morreu nun fatídico accidente.
“Irmanciña, irmanciña, miñaxoia!, criches que me mataras, pero saín adiante. Pero que incauta! Non sospeitaches que ao non aparecer o cadáver, algo mal tiña que saír? Xa sei que para ti sempre fun a irmá babeca, ata que descubrín os teus instintos criminais. Pero agora xa está, que teñas boa viaxe e agarda por min moitos…” e mentres así pensa, vai ficando durmida.