A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) revisa o seu exitoso manual para combater as prácticas abusivas nos eidos creativos

Esta segunda edición trata temas como os concursos especulativos, o novo sistema de cotas de autónomos ou o desenvolvemento dos sistemas de intelixencia artificial

A versión dixital en galego e castelán pódese descargar gratuitamente no micrositio www.guianinjadoilustrador.org

Desde hoxe, 28 de abril, xa é posible descargar a segunda edición, revisada e ampliada, da exitosa Guía ninja do ilustrador, impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Este manual “ninja” de apoio a profesionais creativos freelance está dispoñible gratuitamente en formato dixital na web www.guianinjadoilustrador.org e a partir de maio comezará a súa distribución en papel. Ademais, esta segunda edición vaise presentar publicamente na vindeira Feira do Libro de Buenos Aires.

A maioría dos profesionais da ilustración son autónomos, o que na práctica se traduce en que operan como miniempresas. Non só teñen que crear, senón que deben afrontar cuestións máis prosaicas como a elaboración de plans de empresa, o negocio de proxectos, a estimación de orzamentos ou a redacción de contratos e facturas. Tamén deben coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística para protexela e poder explotala. E, por se non abondase, han de se manexar nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas. Para sortearen con éxito estas dificultades, os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja.

En 2016, a primeira edición da Guía ninja do ilustrador veu encher o baleiro sobre estas cuestións dun xeito áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance. A nova edición mantén a estrutura de decálogo da súa predecesora pero ve a luz con novidades relativas tanto ao continente como ao contido. Así, desta volta incorpóranse dez viñetas ilustradas por José Domingo e Alberto Guitián que xogan coa estética e o imaxinario xaponés. A versión animada destas viñetas difundirase nas redes sociais da AGPI como minicápsulas de vídeo.

No que respecta aos contidos, trátanse temas como os concursos especulativos, isto é, os certames abusivos ou non-éticos, ou cuestións de actualidade como o novo sistema de cotas de autónomo, máis equitativo pero ao mesmo tempo máis embrollado ca o anterior. Non falta na Guía ninja do ilustrador unha parte dedicada ás intelixencias artificiais gráficas, sistemas cun desenvolvemento exponencial que poñen en serio perigo a subsistencia de moitos creadores.

O lanzamento da primeira edición da guía estivo marcado por unha extraordinaria acollida, da que dan conta as cifras acadadas: superáronse máis de 25 000 descargas da versión dixital e o milleiro de exemplares impresos esgotouse en poucos meses. Ademais, foi moi ben acollida por outras asociacións europeas e mesmo traducida ao italiano e ao turco. O seu lanzamento complementouse con exposicións e charlas en escolas de arte e deseño galegas. As claves do seu éxito vertebráronse nunha comunicación áxil, onde o humor e o tratamento visual se aliaban para tratar problemáticas globais comúns a case todos os creadores freelance.

Agora, sete anos máis tarde, chega esta nova edición, que baixo o lema ‘Máis ninja, my friend’ segue a combater os principais perigos e problemas que rodean a profesión e proporciona ideas sobre como facerlles fronte. A Guía ninja do ilustrador tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. O proxecto está editado coa axuda da Deputación da Coruña e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

As versións en PDF da guía en galego e en castelán están dispoñibles para a súa descarga gratuíta no micrositio www.guianinjadoilustrador.org. A versión impresa, editada en galego, estará á venda a un prezo simbólico de un euro (1 €) en librarías e espazos culturais, e distribuirase de xeito gratuíto nas escolas de arte de Galicia. A lista completa de puntos de venda publicarase a partir da segunda quincena de maio. Alén diso, a páxina actualizarase coas novidades relacionadas cos temas da guía, que tamén se van difundir a través da web da AGPI e as súas redes sociais.

20230428-NP-Guia-ninja-do-ilustrador