Desde este luns 13 e até o venres 24 de maio, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na súa proposta Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación

Unha vez finalizada a súa residencia, Cris Balboa ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Vello Cércere,  o venres, 24 de maio, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Paralelamente, a artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Cris Balboa inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 13 de maio, en Lugo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Vello Cárcere de Lugo acolle, desde hoxe e até o venres 24 de maio, a segunda destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta da creadora galega Cris Balboa que ten por título Sinte, un proxecto que ten a música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Cris Balboa ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o venres, 24 de maio, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, a creadora participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Sinte é un proxecto coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. Unha viaxe desde a fraxilidade para desarmar as corazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todas somos seres sensibles vibrando en frecuencias diversas. Cris Balboa relata con paixón o seu conflito co mundo que nos rodea desde un punto de vista singular e persoal, buscando influír nos estados de ánimo colectivos a través da música electrónica. Sinte proponse como un lugar de expresión nunha sociedade cada vez máis afeita á frialdade das transaccións económicas, desbordada pola velocidade terminal que nos fai menos conscientes da nosa realidade.

SOBRE A ARTISTA

Cris Balboa é unha creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde investiga a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte. O seu traballo artístico mestura palabra, acción, danza, audiovisuais e música, cruzando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación. Os seus textos, que parten do autorretrato e a autoficción como formas comunicativas, buscan xerar un sentimento de identificación co espectador para reflexionar sobre a vida dende o cotián, situando o seu corpo e a súa experiencia como centro da dúbida sobre o que somos.

En 2011 forma a súa compañía Funboa Escénica e desenvolve proxectos en colaboración con artistas como Lúa Gándara, Manuel Parra, Félix Fernández, Estevo González e Paulina Funes, entre os que se encontran as obras O que segueTechnocraciaSushi gratis e Masa madre + sal marina, presentadas en diversos festivais e eventos estatais.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia -cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.


2024.05.13.-NP-Residencias-Paraiso