O día 4 de outubro no Festival 6Coreógrafas da Estrada, as bailarinas e coreógrafas Raquel Ferradás e María de Vicente estrean a peza “Diz-me, meu amor“, un dúo de danza contemporánea de 15 minutos para rúa e espazo non convencional, produción de Amarelo.

Nun espazo onde o corpo se converte en linguaxe, dúas mulleres atópanse, recoñécense e abrázanse en movemento. Diz-me, meu amor é unha peza de danza contemporánea para rúa ou espazos non convencionais que celebra a complicidade, o coidado e a forza nacidas do amor compartido. 

A través de xestos sostidos, miradas cruzadas e pasos entrelazados, as intérpretes constrúen un espazo íntimo e poderoso onde o afecto se manifesta en cada apoio mutuo. 

Non é só unha danza: é un acto de celebración dos lazos que curan, do amor que non esixe, que acompaña, que eleva. Esta peza é unha homenaxe a todas as formas de amor entre mulleres que se escollen, apoian e celebran mutuamente en liberdade.

Equipo:

Raquel Ferradás – Dirección, coreografía e interpretación

Raquel Ferradás é bailarina e docente de danza contemporánea e moderna. Formada no Conservatorio Carmen Roche en Madrid, obtén o Grao Elemental de Ballet Clásico nos Conservatorios Coppelia e Mayeusis de Vigo, complementando a súa formación con monográficos de coreógrafas e creadoras de primer nivel nacional e europeo. Actualmente xira co espectáculo Mesura, un solo de danza para rúa estreado en maio 2024 no Festival Escora. 

Traballou coas compañías Paula Quintas Cia, La Galga, Aracaladanza, La Intrusa ou Carmen Roche, entre outras. Gañadora do Premio Percorrido Sólodos en Sólodos En Danza Ourense 2024 con “Mesura”, do Certame Coreográfico Compostela 2021 coa peza “LUDO” de Cía La Galga e do Certamen Carmen Roche co dúo “De mayor quiero ser…” e “Los puntos suspensivos que decidas” con Lydia Martínez.  

María de Vicente – Coreografía e interpretación

Tras rematar a sua formación no conservatorio Mayeusis de Vigo se muda a Barcelona para cursar a formación profesional nos centros Area Espai de Dansa i Creació e Cobosmika. Alí traballa como intérprete na compañía Dimpro e como intérprete e coreógrafa no colectivo Tixuem. Tamén traballa como actriz e bailarina en diferentes óperas no Gran Teatre del Liceu. Compaxina todo isto impartindo talleres específicos e clases regulares de danza contemporánea, danza acrobática e danza clásica en diferentes centros como Centro Cívico Barceloneta, Paranoia Studi y l’Aulatres Estudi de Dansa i Arts Escèniques. 

Na actualidade forma parte do elenco de Dique na compañía Nova Galega de Danza, é integrante da compañía de teatro Nauta no seu proxecto Ephimeros e investiga no seu solo La Mona de seda grazas ao apoio bienal do festival ABANEA onde escollérona como artista emerxente.    

Amarelo – ProduciónAmarelo nace en outubro de 2022 como distribuidora de espectáculos de danza e teatro, da man de Lilian Portela. A partir de finais do 2023, na súa liña de apoio a artistas emerxentes, inicia o camiño da produción de espectáculos de danza con “Mesura” de Raquel Ferradás, “Diz-me, meu amor” de Raquel Ferradás e María de Vicente ou como entidade coprodutora de “Transeúnte” de Daniel Rodríguez.

Info: 

https://www.amarelo.es/gl/diz-me