
- O veterano encontro de narración oral estará en Caldas de Reis, Sanxenxo, Cuntis e A Estrada
- Simone Negrin explora en caldas de Reis as conexións máxicas entre Galicia e Nápoles cun espectáculo cheo de humor e superstición
- Oswaldo Pai mestura poesía e máquinas imposibles en funcións en Caldas de Reis e Sanxenxo
- Pakolas fai vibrar Sanxenxo coas cancións máis molonas para os máis pequenos
- En Cuntis, Pablísimo pedalea con ‘Cavicibai’ ata o corazón da infancia cunha bicicleta chea de contos e sorpresas
- Esta edición de Atlántica, a número 13, inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
- Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O XIII Festival Atlántica da narración oral continúa a espallar historias por toda Galicia e chega con forza ao sur da provincia de Pontevedra cunha programación diversa que se estenderá desde hoxe, 2 de xullo, ata o domingo 6. Os municipios de Caldas de Reis, Sanxenxo, Cuntis e A Estrada converteranse durante eses días en escenarios para a palabra viva, acollendo contos para todas as idades, en distintos idiomas e con voces de dentro e fóra do país. A través desta programación, o Festival Atlántica continúa a levar a narración oral a espazos públicos, naturais e patrimoniais, tecendo unha rede de encontros onde a palabra é protagonista e a comunidade volve reunirse ao redor da tradición máis viva que temos: contar e escoitar.
A esencia napolitana e a poesía robótica desembarcan no Malecón de Caldas de Reis
A programación en Caldas de Reis abrirase este mércores 2 de xullo ás 21.00 h no fermoso entorno do Parque-Xardín Botánico, con Fare le corna do actor e narrador Simone Negrin (Italia-Galicia), un espectáculo que viaxa entre culturas e crenzas, afondando nas conexións sorprendentes entre Galicia e Nápoles. Cun ton irónico, afectuoso e sempre teatral, Negrin mergúllase na relación co infortunio, co máis alá e coa presenza constante dos mortos na vida cotiá. A partir da súa experiencia persoal —italiano con sangue napolitano e unha década vivida en Galicia—, o artista constrúe unha proposta que mestura lingua, identidade e superstición, revelando similitudes inesperadas entre as dúas culturas: dende o léxico ata o relativismo existencial, pasando pola convivencia íntima cos espíritos dos devanceiros.
En Nápoles, os mortos volven nos soños para darche os números da lotería. En Galicia, quizais simplemente escoitan. E Negrin, entre risos e reflexión, invítanos a escoitar tamén. Fare le corna é un espectáculo para público adulto que conxuga humor, tradición oral e teatro narrativo, ofrecendo unha ollada orixinal e divertida sobre o que non sempre nos atrevemos a contar.
O venres 4 ás 11.00 h, o mesmo espazo acollerá Artiloxios, de Oswaldo Pai (Aragón), unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai é o artífice dun espectáculo que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.
Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.
Sanxenxo: rock, humor e fantasía para toda a familia
O xoves 3 de xullo ás 11.00 h, o CEIP A Florida de Sanxenxo acollerá As máis molonas de Pakolas, un concerto divertido e cheo de enerxía no que o músico Pakolas repasa os grandes éxitos da súa discografía pensada para os máis pequenos. Coa súa guitarra, a súa voz e moito humor, Pakolas crea un espectáculo cheo de ritmo e participación cunha posta en escena tan espontánea como eficaz. As máis molonas de Pakolas é un concerto que conxuga música, narración e xogo, ideal para familias que queren compartir un intre de alegría e movemento ao ritmo do galego máis molón.
O venres 4 ás 21.30 h, Artiloxios de Oswaldo Pai repetirá función en Sanxenxo, desta volta na Casa Mariñeira Don Fernando, cunha sesión aberta a público adulto e cativada maior de 8 anos, para gozar da poesía feita obxecto e da palabra que vibra entre trebellos fantásticos.
Cuntis: contos entre pedras e natureza
O máxico Castro de Castrolandín será o escenario da proposta que o Festival Atlántica achega a Cuntis: o venres 4 de xullo ás 12.00 h, Pablísimo presentará Cavicibai, un espectáculo sobre rodas pensado para público a partir de 3 anos, onde cada pedalada abre a porta a un novo conto. A protagonista é unha bicicleta máxica que transporta historias por camiños reais e imaxinarios. A bordo dela viaxa tamén un Kamishibai —teatriño xaponés de papel— e tres caixóns cheos de sorpresas, dos que poden saír contos, obxectos, cancións ou lembranzas inesperadas. Cabicivai é unha proposta lúdica e participativa que une movemento, narración e xogo escénico para facer medrar a curiosidade e a fantasía dos máis pequenos. Unha viaxe única, a golpe de pedal, onde todo pode acontecer.
A Estrada: contos ao sol e ao son dun vermú
A xornada do domingo 6 de xullo ás 13.00 h, Riobó (A Estrada) será escenario dun dos encontros máis festivos de Atlántica que opera tamén como clausura oficiosa: o Vermú de contos, unha sesión aberta e informal onde diferentes artistas participantes desta edición compartirán historias en galego, portugués e castelán. A actividade require inscrición previa no correo festivalatlantica@gmail.com e está dirixida a público adulto.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en terras pontevedresas é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña así como ao patrocinio dos concellos de Caldas de Reis e Sanxenxo e á colaboración da Fundación Terra Termarum Castrolandín e da asociación Amigos dos Castros. Estes catro concellos de Pontevedra forman así parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
- +INFO: http://festivalatlantica.gal
FOTO PORTADA| De esq a dereita: Simone Negrin, Oswaldo Pai, Pakolas e Pablísimo
DOSSIER XERAL FESTIVAL ATLÁNTICA 2025
XERAL-Dossier-prensa-Atlantica-2025_compressed