
- A mañá volve estar protagonizada polas funcións para a cativada nos CSC de Fontiñas, Gracia e Figueiras e mais no CRA de Casalonga-Calo de Teo
- A tarde-noite será para o roteiro sobre Castelao Con Carme Varela e Cadaval e os contos ao bico do portugués Miguel Gouveia
- Alén de Santiago e Teo, Atlántica tamén estará en Sanxenxo, Ourense, Ferrol, Mugardos, A Pobra do Caramiñal e Iria Flavia
- Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica continúa a súa celebración da narración oral cunha intensa xornada o xoves 3 de xullo nas localidades de Santiago de Compostela e Teo. Contos para todas as idades, con acento galego e tamén internacional, daranse cita ao longo do día en diferentes espazos, tanto urbanos como naturais. O Festival Atlántica continúa a celebrar a forza da palabra contada, conectando públicos e culturas a través de historias que emocionan, divirten e fan pensar.
A programación en Santiago arrincará pola mañá con tres funcións simultáneas ás 11.30 e 12.00 horas, dirixidas a campamentos de verán e público familiar (+4 anos), todas en galego. Trátase de Procúrase Pepa a Loba, de Cris Collazo, no CSC Fontiñas (11.30 h), unha proposta chea de humor e retranca; Andar aos biosbardos, de Charo Pita, no CSC da Gracia (12.00 h), un paseo por contos que mesturan tradición e fantasía; e para rematar, Na punta do pé, co dúo formado por Luís Prego e Samuel Soto, no CSC de Figueiras (12.00 h), onde música e palabra se dan a man.
Revivir a pegada de Castelao
Xa pola tarde, ás 19.00 h, as rúas de Compostela acollerán unha das actividades estrela do día: A pegada de Castelao, un paseo narrado pola historia e a memoria da man de Carme Varela e Quico Cadaval. Esta proposta convida a revivir a Compostela que coñeceu e amou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nun roteiro literario e emocional que percorre a cidade a través da súa pegada máis humana.
Durante nove anos, Castelao viviu en Compostela, entre viños na Casa de Lea, callos nas Crechas e cantos de serenos nas noites compostelás. Anos que el mesmo evocaría no exilio como tempos de “ledicias no corazón” sen tristuras. Esta actividade, pensada para público adulto, propón un paseo narrado entre pedras, prazas e campás. A pegada de Castelao non é só un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.
Contar como quen bebe da fonte
A xornada compostelá rematará cun toque internacional ás 21.00 h nos xardíns do CSC Maruxa Coralia, coa actuación do narrador portugués Miguel Gouveia e o seu espectáculo Vénme ao bico un conto, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.
Desde a súa vila natal, Figueira da Foz, Gouveia chega con palabras vivas que brotan coma auga fresca dunha fonte. A súa voz, clara e cadenciosa, convida ao público a entrar nun espazo onde a empatía, a memoria e a imaxinación se tecen en cada historia. Inspirado nun dito popular —”veume á bica un conto”—, o narrador propón un intre de encontro no que as tramas se constrúen a medias entre quen conta e quen escoita, nun diálogo tan antigo como humano.
Porque contar é compartir, é crear comunidade e lembrar que seguimos precisando, máis ca nunca, historias que nos expliquen e que nos fagan sentir acompañados. Cun estilo fresco, próximo e profundamente humano, Miguel Gouveia ofrécenos unha experiencia única de narración oral que nos lembra que os contos, como a esperanza, sempre volven á boca.
Teo: contos para os máis pequechos
A programación en Teo tamén se une á festa da oralidade con Garavanciña, de Bea Campos, unha historia tenra e divertida para público infantil (ata 8 anos) e familiar. Terá lugar ás 12.00 h no CRA de Casalonga-Calo, dentro da programación para campamentos de verán.
Nesta adaptación fresca e coidada, a historia de sempre —recoñecible pola súa estrutura tradicional e o seu universo simbólico— presenta unha visión renovada dos roles e dos costumes populares, sen perder a fantasía nin a musicalidade que fan destes contos unha ferramenta esencial para medrar. Garavanciña é un convite a escoitar, soñar e descubrir a través da palabra dita en voz alta. Un espectáculo que conxuga tradición, aprendizaxe e imaxinación, perfecto para dar os primeiros pasos no marabilloso mundo dos contos contados.



FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
- +INFO: http://festivalatlantica.gal
FOTO PORTADA| De esq a dereita: Cris Collazo, Charo Pita, Samuel Soto e Luís Prego, Carme Varela, Quico Cadaval, Miguel Gouveia e Bea Campos