
- As funcións da da mañá repartiranse polos centros socioculturais de Compostela: Marrozos, Vite e Santa Marta
- Pola tarde, cita cos seres máxicos do Reino de Galicia e coas historias chegadas de terras celtas
- Pola súa banda, Teo recibirá os ‘Artiloxios’ do aragonés Oswaldo Pai
- Tamén haberá actividades en Caldas de Reis e Vimianzo
- Toda a programación é gratuíta e pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O XIII Festival Atlántica continúa a súa celebración o mércores 2 de xullo cunha intensa programación que combina contos para os máis pequechos, paseos fantásticos por Compostela, historias que conectan culturas atlánticas e un espectáculo poético e tecnolóxico en Teo. Ao longo do día, un total de sete propostas converterán Santiago e Teo en territorios para a palabra viva.
Santiago: contos para cativos e camiños máxicos para adultos
A mañá arrincará ás 12:00 h con tres propostas simultáneas pensadas para público familiar e campamentos urbanos. No CSC de Marrozos, Paula Carbonell (Valencia) e Nuria Vázquez (Galicia) presentan Un neno, un can, un gato e un pito, un espectáculo tenro e participativo para maiores de 3 anos. No CSC de Vite, Dani Blanco trae o seu Circo de contos, cheo de ritmo, narración e fantasía, mentres que no CSC de Santa Marta, Lorena Pinheiro ofrece o divertido e musical Cucú tapa o cu, para público a partir de 4 anos.
Pola tarde, o público adulto poderá gozar dunha andaina polas rúas de Compostela guiada polo xornalista e escritor Manuel Gago e o antropólogo Rafael Quintía sobre o Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia seguida dunha presentación do propio mapa no CSC Maruxa Coralia. As prazas para o roteiro xa están esgotadas pero o acceso á presentación terá entrada libre ata completar a capacidade (19.15 h).
Unha vez remate a actividade, será o momento de escoitar Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país con Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une. Canda ela estará tomando a alternativa unha nova voz da narración oral galega: Dani Lago. O espectáculo, que mestura galego e castelán, contará con interpretación en lingua de signos, reafirmando o carácter inclusivo e plural do festival.
Teo: poesía e robótica con ‘Artiloxios’ no parque dos Tilos
Tamén ás 12:00 h, no Parque dos Tilos, o concello de Teo acolle Artiloxios, un espectáculo único de Oswaldo Pai (Aragón) que combina poesía, narrativa e dispositivos mecánicos nunha proposta escénica pensada para público a partir de 8 anos. Participarán nenas e nenos dos campamentos municipais, pero tamén o público xeral que queira achegarse a descubrir estes aparellos que fan soar os versos coma se fosen música.

FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
- +INFO: http://festivalatlantica.gal
FOTO PORTADA| De esq a dereita: Paula Carbonell, Nuria Vázquez, Dani Blanco, Lorena Pinheiro, Manuel Gago, Rafael Quintía, Inés Álvarez, Dani Lago e Oswaldo Pai
20250701-NP-Atlantica-2025-2-xullo-Santiago-e-Teo