Andrea Davila Rubio inaugura en NÉBOA a exposición a sweaty dispersal into the fog, comisariada por Nuria López Blanco.
O vindeiro xoves 3 de xullo ás 19:30 h, a galería NÉBOA (Rúa Lamas de Prado 31, Lugo) inaugura a exposición a sweaty dispersal into the fog, un proxecto da artista Andrea Davila Rubio comisariado por Nuria López Blanco. A mostra preséntase como unha proposta singular que entrelaza escultura, corpo e paisaxe desde unha óptica feminista posthumana, e poderá visitarse durante os meses de verán.
A exposición nace do proxecto iniciado por Davila durante a súa residencia en Atelier Mondial–Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW de Basilea (Suíza), e dá continuidade a unha investigación artística centrada na relación entre o corpo e o seu contorno como ecosistema vivo, poroso e afectivo. A través dunha práctica escultórica guiada pola intuición e polo comportamento dos materiais —fibra de vidro, aceiro inoxidable, auga salgada, imaxes recollidas da paisaxe—, a artista propón un achegamento sensíbel e non xerárquico entre o humano e o non humano.
A obra de Davila Rubio sitúase no cruce entre escultura, ecoloxía afectiva e experiencia corporal. Desde este lugar, a exposición a sweaty dispersal into the fog evoca unha coreografía líquida de corpos que transpiran, se evaporan, se transforman e cohabitan un mesmo espazo brumoso e salgado: corpos vexetais, corpos hídricos, corpos que se arrefecen ao ritmo da respiración.
A mostra acompáñase dun texto comisarial que narra a experiencia de correr xunto á ría, onde o corpo entra en contacto coa humidade, a luz, o salitre e o metal. En palabras da comisaria, “o traballo de Andrea existe nese lugar e nese momento, no que ela deixa de correr, no que o alento seca e o suor disípase nesa néboa salgada”. Este xesto poético tradúcese nunha instalación que convida a repensar a nosa maneira de habitar e coidar o contorno desde o corpo e os seus límites difusos.
Sobre a artista:
Andrea Davila Rubio (Boiro, Pontevedra, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo. Desenvolveu a súa práctica en institucións internacionais como o Boston College (EE.UU.) e o Institute Art Gender Nature (Basilea), grazas a bolsas como a Fulbright–Xunta de Galicia e a da Fundación María José Jove. A súa obra foi exposta en espazos como der TANK (Basilea), Fundación Sales (Vigo), Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona) e Matadero Madrid, entre outros. Ten recibido numerosos premios, e a súa obra forma parte das coleccións públicas da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.
Currículo completo:
Andrea Davila Rubio (Boiro, Pontevedra, 1995) é Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo (2025). En 2021 completou a súa formación como investigadora predoutoral no Departamento de Filosofía do Boston College (Boston, EE. UU.) grazas a unha bolsa Fulbright-Xunta de Galicia. Ademáis, en 2025 foi becada polo Centro de Arte Fundación María José Jove para cursar o Máster en Belas Artes no Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW University de Basilea (CH) durante os cursos 2025–2027.
Desde unha mirada crítica e situada, o seu traballo propón unha ruptura coas xerarquías tradicionais entre o humano e o non humano, expoñendo formas de convivencia e coidado nas que o corpo e a súa contorna comparten unha mesma lóxica de transformación mutua. A través da súa obra, a artista explora como a práctica escultórica pode converterse nunha forma de estar no mundo, e como o corpo é capaz de activar vínculos afectivos e materiais cando se entrelaza con elementos da paisaxe, así coma outros de vida cotiá.
Nos seus traballos, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca e convértese nunha superficie viva que acolle e se deixa afectar. A súa produción máis recente afonda nesta conexión entre corpo e materia, e propón novas formas de imaxinar a coexistencia interespecie desde o artístico.
Entre as súas exposicións destacan: A sweaty dispersal into the fog, Galería NÉBOA (Lugo, 2025); A Friend of a Friend of a Friend, der TANK (Basilea, CH, 2025); A que me refiero cando falo de corpo, Sarao Studio (Ferrol, 2025); Algo que brilla… ao final do bosque, Bienal de Arte Contemporánea, Fundación Sales (Vigo, 2024); atravesar o xardín / entre as dúas esquinas, Feira de Arte Culturgal (Pontevedra, 2023); Corpo, afectos, territorio, Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona, 2023); Snapshots de Chantada, Os Casares, Galería Vilaseco (Lugo, 2022); Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense, 2022); Feira de Arte Culturgal (Pontevedra, 2021); Novos Valores, Museo de Pontevedra (Pontevedra, 2020).
Ademais, realizou residencias artísticas na Fundación Walter & Nicole Leblanc en Bruxelas (BE) e no Centro de Residencias Artísticas de Matadero Madrid, grazas á Diputación de Pontevedra en colaboración ca 32ª Bienal de arte de Pontevedra; en Atelier Mondial en colaboración co Institue Art Gender Nature (IAGN) da HGK de Basilea (CH) a través do programa internacional de arte do Museo de Pontevedra; en 12Miradas da Galería Vilaseco en colaboración ca Fundación María José Jove (Lugo, 2021), en Residency Unlimited (Nova York, 2021), e recibiu bolsas e premios da Universidade de Vigo (bolsa predoutoral, 2020–2023), da Deputación da Coruña (bolsa de investigación, 2023–2024), da Deputación de Ourense (primeiro premio do XVI Certame de Artes Plásticas, 2021) e da Deputación de Pontevedra (premio do Certame de Artes Plásticas Novos Valores, 2020).
As súas obras forman parte das coleccións da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.