Nel, Caamaño&Ameixeiras e Rodrigo Cuevas recollen a linguaxe militar e taurina que caracteriza a este xénero para despois apropiarse del, reinterpretándoo e revestíndoo dunha mordaz pero elegante ironía. Do mesmo xeito, tamén é unha canción de amor, pero ao revés do común. De amor cara adentro, cara unha mesma. De empoderamento feminino e de autocoidado. De querernos a nós primeiro. De saber dicir “catro cousas” cando fai falta.
Catro cousas foi gravado en directo, abrazando o natural e o espontáneo da música ao vivo. Aprendido ao enorme Florencio, o cego dos Vilares, que á súa vez o aprendera de La Pastorina grazas á radio, Caamaño&Ameixeiras revisitan este pasodoble e atopan como complemento perfecto a voz de Rodrigo Cuevas, referencia indiscutible no panorama actual da música de raíz.
O tema chega acompañado por un precioso videoclip, dirixido por Jorge Rojas e gravado no Parque do Pasatempo de Betanzos, considerado BIC (Ben de interese Cultural), actualmente en proceso de restauración e considerado “un dos xardíns máis extraordinarios e desconcertantes de Europa”.
Sobre a experiencia de traballar con Rodrigo, o dúo galego comenta: “A experiencia foi incrible. Xa sabiamos que Rodrigo era un artista tremendamente talentoso, pero tamén puidemos descubrir que a súa calidade humana non o é menos. É unha persoa moi xenerosa e foi moi fácil traballar con el, moi fluído e moi inspirador para nós”.
Sobre o proceso de composición e gravación, engaden: “dende o primeiro momento houbo moita conexión entre os tres, e a súa forte personalidade artística permitiu levar o tema a outra dimensión. O proceso de gravación foi moi fermoso. Gravamos en vivo, abrazando a naturalidade e espontaneidade que conleva”.
A localización no Parque do Pasatempo tamén xoga un papel fundamental á hora de outorgar sentido e forza ao sinxelo. “O Pasatempo é un lugar máxico, e tiñamos claro que era o escenario perfecto para o que queriamos contar e transmitir no videoclip. Ademais, persoalmente para Sabela foi especial volver a visitar este espazo que tanto visitara na súa infancia, agora dende unha perspectiva diferente e cunha mirada diferente. Tamén foi moi poderoso volver ocupar temporalmente un lugar como este, cunha decadencia que nos resulta completamente magnética”.
Os tres artistas interpretarán o tema por primeira vez no concerto de Rodrigo Cuevas os próximos 19 e 20 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, con todas as entradas vendidas.
O álbum, unha proposta sofisticada e coidada que consolida a PAVA como banda con Lucía Aldao no rol de frontwoman, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais e adquirir a través do Bandcamp do grupo
O concerto de presentación, cuxas entradas están á venda en www.entradium.com, será o 5 de xaneiro na sala Mardi Gras e na cita o público descubrirá o curioso merchandising co que PAVA rende homenaxe á xeración que medrou nos anos 90
A banda PAVA, liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, publicará o seu terceiro EP, Pava 3, o xoves 19 de decembro. No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. Pava 3 poderase escoitar nas principais plataformas dixitais e adquirir a través do Bandcamp de PAVA.
Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben.
O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.
Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes.
O cuarto tema titúlase Unha cadela chamada Por Favor e nel destaca a colaboración de Gloria Pavía que aporta a súa voz á balada de Pava 3, unha peza con ritmo envolvente e un pouso de tristeza. O peche deste álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.
Aos noventa, in memoriam
Pava 3 acompañarase dunha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras.
Este material promocional poderase descubrir e adquirir no directo de presentación do álbum, que terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario. As entradas para a cita xa están dispoñibles, por 13 €, na plataforma web www.entradium.com
Biografía de PAVA
PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego.
PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanzará o seu terceiro EP, Pava 3, do que xa se coñecen Catastro e O himno da lesión.
A Galería NÉBOA presenta Canción de río, exposición individual de Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992), comisariada por Laura Tabarés
O próximo xoves 12 de decembro ás 19:30 horas, a Galería NÉBOA inaugura Canción de río, a primeira exposición individual de Marina González Guerreiro en Galicia.
Nesta mostra, comisariada por Laura Tabarés, a artista explora as interaccións entre a auga, o tempo e a memoria, empregando elementos como a cerámica, os azulexos e obxectos escultóricos para configurar un ecosistema poético e minucioso. Canción de río é unha cita imprescindible para achegarse ao universo creativo dunha das voces emerxentes máis destacadas da arte contemporánea galega.
Hai algo semellante ao son duns chanzos que baixan cara á auga; cada chanzo supón unha pausa nesa cadencia. Esta imaxe é un limiar líquido que suxire camiñar cara ao seu interior.
Entrar na auga é introducir o corpo nunha substancia que nos compón. Pode implicar mergullarse completamente, camiñar desde a beira ata estar dentro, ou simplemente tocar a auga con algunha parte do corpo. Podemos, daquela, mergullar o corpo nun corpo de auga: un corpo de auga que ocupa un espazo e que, en relación ao tempo, ofrécenos un proceso de desgaste lento pero tamén de desprazamento de fragmentos. É posible, por tanto, entrar á auga nun río, nun pequeno regato, nun lago ou no mar por pouco tempo sen desfacernos de todo.
Na práctica do obradoiro é diferente. A auga, neste caso, opera como o fai nos materiais do mesmo mundo, desgastando e desprazando materia e significados, modelando así os pregues e concavidades dos obxectos. Os fragmentos arrastrados son partes mínimas, moi fráxiles, de volumes e grafismos que se van recolocando, reordenando e organizando de formas diversas. Estes xestos configuran novos ecosistemas. Son achados que definen unha articulación definitiva das paisaxes acuosas.
O corpo no obradoiro proporciona un encontro mediado entre a auga e o tempo. Se o obradoiro é un lugar onde as temporalidades mudan, neste caso o tempo está suspendido. As mans crean infiltracións en procesos que se repiten sobre materiais que atopan os seus propios límites de humidade e escorregamento. Nestas outras temporalidades, as memorias particulares da artista convértense en memorias colectivas, en narrativas fluídas que se reconfiguran constantemente.
No ecosistema húmido, minucioso e orgánico que nos presenta Marina González Guerreiro, somos visitantes dun proceso que nunca remata. O equilibrio da sala depende dun ciclo natural de circulación que se atopa detido.
Acceder a través do limiar líquido, baixar os chanzos e entrar na auga. Debaixo atopamos un espazo indefinido; cos ollos borrosos podemos ver os restos de estruturas fráxiles que gardan un espazo quimérico no que se perciben algúns artefactos e linguaxes indeterminadas.
As pías de auga bendita, concavidades cerámicas, semellan repousar á espera dun rito suspendido. Un acto doméstico antes ou despois do sono que nunca chega a ocorrer. As cunchas, cavidades testemuñais da auga, son, neste ecosistema reorganizado, reliquias somerxidas. Neste oratorio anegado atopamos tamén varios retablos con volumes petrificados, que semellan intuír baixo a superficie o fluir de varios recordos ou mesmo dalgunha imaxe oculta.
Nos azulexos, os grafismos semellan formarse baixo un idioma empapado que nunca se revela por completo. Unhas imaxes por fragmentos que, ao igual que as fichas, se despregan como unha corrente secuenciada de narrativas para esas memorias particulares, que se van multiplicando ou erosionando segundo a dirección do vento.
No máis profundo deste espazo indefinido podemos escoitar algo semellante ao son duns chanzos que soben da auga á terra: unha canción de río.
Laura Tabarés
Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e conta cun Mestrado en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia. Entre as súas exposicións individuais máis destacadas atópanse: Esta orilla es fruto na Galería Rosa Santos (Madrid, 2023); Buen Camino en La Casa Encendida (Madrid, 2022); Behind each escapist dream there is the day-to-day to sustain en Bungalow, ChertLüdde (Berlín, 2021), Given Time en Intersticio (Londres, 2021); Una Promesa na Galería Rosa Santos (Valencia, 2020); LMXJVSD en Pols (Valencia, 2020); Work Hard, Dream Big na Internet Moon Gallery (2019); e Luchar, creer na Galería Adora Calvo (Salamanca, 2018).
No ámbito das exposicións colectivas, participou en proxectos como A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía no Museo de Pontevedra (2024), comisariada por Susana González, Chus Martínez e Ángeles Tilve; Sustrato común. Una nueva arqueología de la materia en Fabra i Coats: Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2024); Nudos escurridizos na Galería Rosa Santos (Valencia, 2024); e Habitaciones en Travesía Cuatro (Guadalajara, México, 2024). Foi tamén seleccionada para a XXV Edición de Generaciones da Fundación Montemadrid en La Casa Encendida (Madrid, 2024). A súa obra exhibiuse en feiras de renome como ARCOmadrid e Artissima, consolidándose como unha voz destacada na arte contemporánea.
Información práctica:
Inauguración: xoves 12 de decembro, ás 19:30 horas
Lugar: Galería NÉBOA, Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
Artista: Marina González Guerreiro
Comisaria: Laura Tabarés
Duración da exposición: 12 de decembro – 8 febreiro
As “Lobas” volverán aos escenarios no 2025 cun traballo onde o amor, poliédrico, será o fío condutor
‘Lova’, que se acompañará dun videoclip, poderase escoitar a partir das 00.00 horas do día 13 nas principais plataformas dixitais
Logo dun ano de intenso traballo creativo, A banda da Loba, ABDL, ultima os detalles do que será o seu quinto traballo discográfico. O vindeiro venres 13 de decembro, a partir das 00.00 horas, o público poderá escoitar Lova, o primeiro petisco do álbum que será publicado a comezos do 2025 e que suporá o esperado regreso de ABDL aos escenarios.
Neste Lova está presente o característico estilo calidoscópico de ABDL e adiántase o que vai ser o fío condutor deste novo traballo: o amor e as súas múltiples formas de expresión. Será un disco onde confluirán diferentes estilos e na que reivindicarán a inspiración literaria da que fan gala desde os seus inicios. Lova chegará acompañado dun videoclip que se poderá descubrir o xoves 12 de novembro ás 21.00 horas na canle de YouTube da banda.
ABDL
A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas(2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. A comezos do 2025 volverán aos escenarios co seu quinto álbum de estudio.
Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental OS ESPAZOS EN BRANCO, de BRUNO ARIAS,GAÑADORA DO PREMIO MESTRE MATEO AO MELLOR DOCUMENTAL. Continúase así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta oitava proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o xoves 12 de decembro de 2024, ás 20:00 horas.