por martinho | Nov 22, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Neste tema, producido por Juan de Dios Martín, a banda desata a súa rabia nunha canción intensa e pegadiza, e que marca o rumbo dun disco cheo de carácter e alma, e que verá a luz no 2025
De Ninghures publicará este venres, 22 de novembro, Corazón alionado. Trátase do primeiro avance que a banda dá a coñecer do que será o seu novo traballo discográfico, un álbum que verá a luz nos primeiros meses de 2025.
O tema estará dispoñible desde as 00.00 horas nas principais plataformas dixitais.
Corazón alionado, producido polo recoñecido Juan De Dios Martín, é unha peza con carácter que remarca a identidade dunha banda que pon en valor a música de raíz e a creación contemporánea. Desta quenda, De Ninghures presenta un tema no que o grupo desata a súa rabia nunha canción intensa e pegadiza. “Nace dun corazón enfurecido, que se eriza como un gato ao sentirse ameazado, nunha mestura explosiva de escuridade e forza”, expón a formación, quen apunta que o retrouso de Corazón alionado nace dunha melodía tradicional da Terra de Miranda e cuxas letras se inspiran en coplas tradicionais de diferentes puntos do país.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que nos adiantan xa Corazón alionado.
Corazón alionado nas principais plataformas dixitais
por martinho | Nov 21, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
A artista galego-arxentina presenta un álbum nado “para facer bailar”, no que os instrumentos de raíz, os coidados e a natureza se mesturan con música electrónica, afrobeat ou reggaeton
Cāldo, o primeiro LP da artista galego-arxentina Catuxa Salom, está dispoñible desde este xoves, 21 de novembro, nas principais plataformas dixitais. O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza para facer bailar mentres avoga, enerxicamente, por tecer unha rede de coidados desde a proximidade.
Tras a romantización do rural no seu EP Nunha aldea, este outono Catuxa Salom presenta Cāldo, un disco conceptual que reflicte o duro espertar ao se decatar de que a vida no campo está lonxe da idealización bucólica que semellaba. O traballo discográfico, cheo de emocións profundas, e con cancións moito máis maduras e crúas, pon en valor o papel dos coidados e da amizade como rede fundamental de apoio.
Cāldo mergúllanos nun universo sonoro único e ecléctico no que Catuxa Salom fusiona as súas raíces indíxenas arxentinas coas galegas. O LP componse de nove pezas que nacen nun lugar concreto -a comarca da Ulloa-, pero nas que a creadora aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até inclúe versos en francés. Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta rica e particular, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow (reggaeton), e que representa á perfección o universo sonoro de Catuxa Salom: enérxico e diverso, que agroma da terra e que crece para chegar todas partes. Puro baile.
O disco de Cāldo consta de nove temas:
1. Amores rusos
2. Mar adentro
3. Ela cando baila
4. Instinto
5. Xa non ves
6. Hórreo
7. Aguas venir (Marcos Bayon remix)
8. Sauvage
9. Ojalá venga un indio
Catuxa Salom
A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas enérxicas é a carta de presentación de Catuxa Salom, artista que irrompeu con forza na escena independiente coa publicación do seu EP Nunha aldea, sobre o achegamento ao mundo rural. Logo de percorrer ducias de salas de concertos e festivais de toda España, e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, no 2024 acada o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Escoita Cāldo nas principais plataformas dixitais
Catuxa Salom en vídeo
por martinho | Nov 21, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Con ‘Lobishomes’ Amoebo canta á fuxida do cotián para enrolarse nun mundo fantástico no que dar forma á nosa esencia máis auténtica.
‘Lobishomes’ é o primero sinxelo de ‘Escándalo no escuro’, un dobre álbum que verá a luz a principios de 2025.
O artista galego Amoebo presenta o 28 de novembro o seu novo sinxelo cun vídeo musical dirixido por Xaime Miranda. ‘Lobishomes’ magnifica a sensación de estar atrapados na nosa realidade, relatando a ansia de atopar unha vía de escape. Para elo, o noso protagonista emérxese nos misterios da noite para descubrir o seu alter ego, una criatura fantástica que mistura rasgos humanos e licántropos. Lonxe de converterse nun ser terrorífico, o noso lobishome desfruta da noite invitando a romper coa rutina e a bailar sen complexos. Esta experiencia reflicte a búsqueda da liberdade e o desexo de fuxir das limitacións do día a día, celebrando o poder da música como refuxio de evasión.
O videoclip, rodado na sala coruñesa La Disfrutona del Orzán, conta coa dirección de Xaime Miranda a través da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Xaime ponse mans á obra para conformar unha experiencia visual na que destaca a síntese entre a realidade e o imaxinario a través dunha narrativa dual entre animación e realidade.
Neste traballo producido por David Fernández (Daiv), Amoebo mestura unhaexplosión de rock, pop e ritmos urbanos actuais, creando unha sínteseinterxeracional que se converte en banda sonora para a xuventude e os que manteñen o espírito festivo. Cunha presença moito maior de guitarras e distorsión, Amoebo aposta por un sonido máis agresivo e punzante, sen perder un ápice da frescura que o caracteriza dende os comezos.
Amoebo, un artista emerxente sen tapuxos
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP “Cada vez mellor”, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en recoñecidos escenarios galegos como O Son do Camiño, Atlantic Pride, Festival de la Luz, Atardeceres no Gaiás ou Surfing the Lerez. Tamén apareceu en platós de televisión como o recoñecidísimo Luar da TVG ou o no primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paidea. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel para preparar o seu próximo lanzamento.
‘Escándalo no escuro’, o doble álbum que dará que falar en 2025
Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz a principios de 2025 e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, ‘Escándalo no escuro’, e un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Este título non só acompañará a temática do disco, a escuridade poderá verse reflexada nuns sons máis agresivos que nunca, mantendo a mistura de estilos que xa caracteriza ao artista.
O LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos mais urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando de referente divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ouBad Gyal. A cara B estará tintada de sons máis rockeiros nas que se percibe un claro pasado metaleiro. Coas guitarras e os baixos como protagonistas absolutos, pero cun fondo urbano e actual, unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
O próximo adianto do álbum virá da man do sinxelo “Unha foto”, que estará disponible en plataformas dixitais en xaneiro de 2025.
por martinho | Nov 18, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Xisco Feijoó estará este sábado, 23 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María co seu espectáculo en solitario “Traede ferrallada”. Un concerto onde Xisco Feijóo fará un percurso pola música tradicional de distintas comarcas de Galiza.
O concerto está focado para que o público asistente participe dalgúns dos seus temas. Así o intérprete solicita que, quen tiver, traia a pandeireta, pandeiro, pandeira ou calquera ferrallada da súa casa para poder acompañalo durante o evento.
Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
Xisco Feijoó é cantante, percusionista tradicional, bailador e coreógrafo, foi mestre do Escola Municipal Tradicional e Folk de Vigo e coordenador de canto da Orquestra Folk de Galiza SonDeSeu. Despois de máis de trinta anos na recuperación etnográfico e de colaborar en máis de vinte discos e espectáuclos de artistas como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto, Rodrigo Romaní, Pepe Vaamonde…, en 2021 lanzou o seu propio traballo, Peixe, que xirou até o ano pasado.
por martinho | Nov 18, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidenca da Deputación de Lugo, organiza o acto de inauguración da Exposición e da presentación de O ÁLBUM DOS CROMOS[ONOS], de XULIO PARDO DE NEYRA: Unha colección de postais conformadas a xeito de colaxe con poemas e fotos antigas. Intervirán tamén MARICA CAMPO E LUZ AIRADO. Presenta MARISA BARREIRO.
Esta acto terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba o venres 22 de novembro de 2024, ás 20:00 horas.
A exposición permanecerá aberta ata o 8 de xaneiro de 2025.
NOTA-INFORMATIVA-EXPO-ALBUM-DOS-CROMOSONOS