O FIOT33 acolle esta fin de semana a estrea absoluta de ‘Multiperspectivas#3’, de Paula Quintas, e a estrea en España da sensación arxentina ‘El brote’

Pola súa banda, Malena Alterio regresa ás táboas de Carballo para presentar, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, a función ‘Los amigos de ellos dos’

O público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h; ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade

Paralelamente, o sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco de Micro-Escenas M2: ‘Rebel Rebe’, de Vórtice Escénico, na tenda de roupa Akira; e ‘Teño un carabel no peito’, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, continúa a andaina da súa  33ª edición esta fin de semana con tres novas propostas no marco do OTNI e do seu Programa de Sala: por unha banda, a galega Paula Quintas presentará a estrea absoluta de Multiperspectivas#3, a súa nova creación, o venres, 18 de outubro, ás 20.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo. 

Improvisación teatral, circo, danza, tecnoloxía e performance son os compoñentes desta proposta orixinal e nova que parte da nosa perspectiva como espectadores, deixando espazo para a interacción. O público gozará somerxéndose nunha instalación circense compartida a tempo real na que vivirá unha experiencia a curta distancia da acción, da que forman parte humor, risco, beleza e sorpresa. Esta “cápsula #3” é a culminación dunha investigación na que a creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, e o vivencial na arte.

Xa o sábado 19 de outubro, ás 20.00h, chegaralle a súa quenda á estrea en España de El brote, da compañía Criolla. Cun ritmo vertixinoso, esta comedia, por momentos moi negra, móstranos a cara interna do teatro e retrata con acidez as relacións humanas e as frustracións contemporáneas, convidándonos a mirarse e buscar os límites propios. Este espectáculo foi estrado no ano 2023 e converteuse nun verdadeiro fenómeno da carteleira de Bos Aires, recibindo diversos premios. Considerado como un das figuras máis relevantes do teatro arxentino da última década, o autor e director Dionisi, crea unha obra poética e conmovedora interpretada con paixón e virtuosismo por Roberto Peloni.

Ao finalizar a representación de El brote, no mesmo auditorio do Pazo da Cultura, terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González.

Antes, na mesma xornada do sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco do Certame Micro-Escenas M2Rebel Rebe, de Vórtice Escénico, que poderá verse na tenda de roupa Akira; e Teño un carabel no peito, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina.

Finalmente, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, Malena Alterio regresará ás táboas de Carballo para presentar a función Los amigos de ellos dos, unha omedia dramática reflexiona sobre como as persoas se senten valoradas polos seus achegados, as inseguridades e percepcións que os rodean, e papel que cada un ocupa nesta sociedade. Daniel Veronese ten unha das traxectorias máis relevantes do novo teatro arxentino, con máis de 25 premios, entre eles o Premio Nacional de Dramaturxia de Arxentina ou o Max Iberoamericano. Nesta obra dirixe a dous recoñecidos intérpretes e tamén multipremiados, Malena Alterio (último Goya á interpretación feminina) e David Lorente, que nos conducirán entre a risa e a reflexión para explorar os vínculos humanos e as súas complexidades.

No marco das actividades paralelas, o público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h. Ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade da sala.

AXENDA DO #FIOT33 DO 18 AO 20 DE OUTUBRO 

VENRES 18 DE OUTUBRO

OTNI

Multiperspectivas#3

Paula Quintas

21.00 h no Salón de Actos do Pazo da Cultura 

SÁBADO 19 DE OUTUBRO

Onda FIOT: Escola do Espectador nas Ondas

Conversa aberta ao público sobre Multiperspectivas#3

Con Paula Quintas, moderada pola xornalista de TVE especializada en artes escénicas Machús Osinaga

Micro-Escenas M²

Rebel Rebe

Vórtice Escénico

12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h na tenda de roupa Akira 

Teño un caravel no peito

Aviva-Lo

12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h na Fonte da Cristina

Programa de Sala

El brote

Compañía Criolla

20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura

Ao rematar a función terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González

https://fiot.gal/programa/xograr-de-outono/

DOMINGO 20 DE OUTUBRO

Café con…

Conversa aberta ao público en torno á representación de Los amigos de ellos dos

Con Malena Alterio e David Lorente

18.00 h no Salón da TV do Pazo da Cultura

Programa de Sala

Los amigos de ellos dos

Producciones [Off] e Vania

20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. 

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 

Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.

MÁIS INFORMACIÓN

2024.10.17.NP-axenda-FIOT33

O Pazo da Cultura de Carballo acolle este xoves 17 a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ do artista José Ramón Hernández, director artístico de Osikán – viveiro de creación, no marco do FIOT

Da man das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador traballou o pasado mes de xullo en Carballo no proceso creativo do seu proxecto ‘Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia’, co que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social

Agora, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, este xoves, 17 de outubro, ás 20.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, con acceso libre ata completar a capacidade da sala 

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado mes de xullo, o artista interdisciplinar José Ramón Hernández, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación, iniciaba en Carballo a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía no Pazo da Cultura, do 18 ao 30 de xullo, en torno á súa proposta titulada Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social.

Agora, mañá xoves, 17 de outubro, ás 20.00hJosé Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura, no marco da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, con acceso libre ata completar a capacidade da sala:

https://fiot.gal/programa/eyila-ashe-ebbora/

SOBRE O PROXECTO

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é a segunda investigación da serie escénica Opira, iniciada en Cuba en 2019 e que propón explorar o cruzamento entre o corpo filosófico yoruba, as ritualidades afrocaribeñas e as performatividades contemporáneas. Trátase dun exercicio de combinación do espiritual e o matérico a partir da escoita profunda e a crítica dos camiños e designios que propoñen cada uns dos doce signos do diloggún, sistema ancestral yoruba de adiviñación na Regra Osha Ifa, practicada en Nixeria, Benín, Cuba, Brasil e outros países do Caribe e AbyaYala, para mirar as problemáticas das nosas sociedades contemporáneas.

SOBRE O ARTISTA

José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988) é un artista interdisciplinar afrocubano graduado do Instituto Superior de Arte de Cuba, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación. A súa práctica desprázase entre a dirección artística, a dramaturxia, a coreografía, o comisariado de artes en vivo, a instalación, a performance, a educación, a mediación e a xestión cultural. A súa investigación creativa pon o foco nas ritualidades afrodescendientes, a performatividade das corporaleidades periféricas, as materias, as espiritualidades, as memorias, as migracións, as cartografías e os desexos. Ensaia os límites entre a ficción e a realidade, o traballo con documentos non ficcionais e as ferramentas do sensible para afectar e intervir procesos sociais e comunidades.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. 

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN: 

https://www.colectivorpm.gal/

2024.10.16.-NP-mostra-Residencia-Paraiso-Osikan-FIOT

Proxección do documental A VIAXE DE LUCY, de Ruth Chao, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental A VIAXE DE LUCY, de RUTH CHAO, continuando así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindaranos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.

 Esta cuarta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 20 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-LUCY

Visita á Exposición “A malla de Pascual. 1957”, de Antón Beiras

O vindeiro venres 18 de outubro de 2024 o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) ten previsto visitar, no lugar de AS AGUIAS-MURAS,  a exposición A MALLA DE PASCUAL. 1957”, de Antón Beiras, comisariada por Miguel Piñeiro e Carme Varela. 

A chegada á As Aguias-Muras está prevista para as 12:00. A continuación farase un percurso pola exposición, a casa do mesón, a aira, o rairo da auga cos píos e o lavadoiro, co acompañamento de Carme Varela.

Nesta ocasión, non hai prazo de inscrición. Todas as persoas que desexen participar na visita acudirán polos seus medios ao punto de inicio, lugar de ÁS AGUIAS-MURAS, ás 12:00 horas. (Hora prevista de remate da visita: 14:00)

NOTA-INFORMATIVA-VISITA-EXPO-MURAS

Camiño Escena Norte presenta o espectáculo para todos os públicos ‘El jardín de Olivia’

A entrada para asistir na Capela da Madanela á función, que terá lugar o día 19 ás 18.00 horas, será de balde ata completar a capacidade do espazo

A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Arzúa. O sábado 19, a partir das 18.00 horas, a Capela da Madanela acollerá a representación de El jardín de Olivia, unha peza para todos os públicos da compañía navarra Pájaros Pintados Creación Teatral. A o acceso será libre ata completar a capacidade do espazo. 

Pájaros Pintados é unha compañía de creación escénica, colaboración e mediación artística que nace en 2022 da man de Victoria Musetti. Busca crear un espazo de colaboración entre profesionais novos e outros de maior traxectoria para se enriquecer de experiencias diversas. Interésalle traballar co público a través de proxectos innovadores e actividades de mediación.

El jardín de Olivia comeza no primeiro día da primavera. A protagonista, Olivia, volve ao xardín para velo nacer e para limpar os restos que deixou o inverno. Pero Olivia non está soa, neste xardín florecen os recordos cultivados xeración tras xeración polas mulleres da familia. Unha viaxe a través das ausencias e do paso do tempo, a través da despedida e do reencontro coa mascota da infancia, cos avós, cos pais e coas nosas raíces. Día tras día, ano tras ano e flor tras flor, sempre gardamos a esperanza dunha nova primavera.

20241014-CEN-en-Arzua