Camiño Escena Norte amplía a súa presenza en Galicia e achegará as artes escénicas a trece localidades na súa sexta edición

Camiño Escena Norte amplía a súa presenza en Galicia e achegará as artes escénicas a trece localidades na súa sexta edición, que comezará o 13 de setembro en Compostela

O proxecto de intercambio cultural entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra ofrecerá funcións de teatro, danza e artes do movemento e novo circo en Santiago, Foz, Outes, Vilalba, Sobrado dos Monxes, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro

As compañías galegas Ibuprofeno Teatro, Colectivo Glovo e Píscore levarán os seus espectáculos a Avilés, Oviedo, Villaviciosa, Laredo, Castro Urdiales, Los Corrales de Buelna, San Vicente de la Barquera, Bilbao, Mutriku, Zarautz, Pamplona, Tafalla, Sangüesa e Alsasua 

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, intensificará a súa presenza no territorio galego na súa sexta edición, que se celebrará do 13 de setembro ao 27 de outubro baixo o lema A oportunidade do agarimo. Un total de 13 localidades do país, dúas máis que no 2023, contarán con funcións desta iniciativa. 

A praza do Obradoiro acolleu esta mañá a presentación da programación en Galicia, que comezará o venres 13 en Santiago de Compostela. A partir de aí, algunhas das creacións escénicas máis interesantes da carteleira percorrerán escenarios históricos ou espazos singulares de Vilalba, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro; sedes ás que este ano CEN suma Foz e Outes, á vez que recupera Sobrado dos Monxes. Ademais, a capital luguesa será o lugar no que se celebre o encontro Habitación Peregrina PRO, no que participarán ducias de profesionais do sector de diferentes puntos da península.  

Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, é un proxecto que, tomando como base a ruta histórica dos camiños de Santiago do norte, ofrece ao longo de seis semanas -dez días máis que en anteriores edicións- toda unha extensa programación escénica, dirixida a todo tipo de públicos. Así, tanto a través da súa iniciativa itinerante Ciclo Constelacións, como doutras actividades paralelas -como é o caso dos encontros cos espectadores ou das actividades profesionais Cruzamentos e Habitación Peregrina PRO-, CEN pretende impulsar, dinamizar e visualizar o labor das compañías galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras. 

Alén da actividade das compañías, desde o pasado 2023 CEN propón proxectar fóra de cada comunidade as programacións locais no marco da iniciativa Vieiros: por segundo ano consecutivo, Camiño Escena Norte escolle o FIOT de Carballo como o evento cultural de Galicia destacado para poñer en valor nos outros catro territorios. 
Ciclo Constelacións

15 espectáculos, 3 por territorio, conforman este ano o Ciclo Constelacións, unha programación itinerante de artes escénicas de corte xeneralista, que se ofrecerá en máis de 60 sedes, na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil como adulto; producións de teatro de texto, novo circo, danza e artes do movemento, creación contemporánea, espectáculos didácticos e experiencias site-specific.

Neste 2024, as compañías asturianas Adrián Conde Espectáculos, Teatro Plus e La Westia Producciones; as cántabras Ruth Garreta – El Conejo Salvaje e Hilo Producciones; as vascas Panta Rhei, Marie de Jongh, K. Producciones e Tanttaka Teatroa; e as navarras Yarleku – El Punto Gunea, Estefanía de Paz Asín e Pájaros Pintados Creación Teatral traerán a Galicia os seus espectáculos máis recentes. 

Á vez, mentres que un total de 11 compañías visitarán os escenarios do país, as galegas Ibuprofeno Teatro, Píscore-Culturactiva e Colectivo Glovo -quen representou unha escena de Tabú na rolda de prensa desta mañá- percorrerán 14 localidades de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra no marco do Ciclo Constelacións; mais non serán as únicas galegas presentes nesta edición: a compañía Furia Sotelo participará na rede de estancias Cruzamentos, que forman parte da programación paralela.

Deste xeito, o espectáculo de Ibuprofeno TeatroDeadpan Karaoke, creado por Patricia Rodríguez e Marián Bañobre, poderase ver en Alsasua, Castro Urdiales, Villaviciosa e San Vicente de la Barquera. A creación Molto Barroco,de Fran Rei, poderase ver da man de Píscore-Culturactiva en Avilés, Laredo, Mutriku, Tafalla e Sangüesa; mentres que Tabú, do Colectivo Glovo, estará en Oviedo, Bil¡bao, Zarautz e Los Corrales de Buelna. Esta última compañía tamén presentará en Pamplona a súa creación Alleo, no marco da colaboración que o CEN establece neste 2024, a través da iniciativa Vieiros, co festival Ribera en Danza. 

Camiño Expandido

En Camiño Escena Norte convive o ciclo itinerante de funcións coa actividade paralela ao mesmo, nomeada Camiño Expandido. É o caso das accións de acompañamento para público -talleres, obradoiros, dinámicas con familias-, do programa Cruzamentos, do encontro Habitación Peregrina PRO, da iniciativa Vieiros, do II Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN, da Oficina CEN de Cooperación Escénica, do recurso web Mirando as constelacións e da colaboración coas Escolas Superiores de Arte Dramática dos cinco territorios.

Cruzamentos é un dos piares do CEN. Nesta rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional participarán os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia, do 23 ao 29 de setembro), e a galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (en A Casa Vella -Amiadoso, Ourense- do 14 ao 22 de outubro). 

Habitación Peregrina PRO é o espazo de convivencia profesional onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional. O encontro terá lugar un ano máis en Lugo, no centro sociocultural O Vello Cárcere, do 17 ao 19 de setembro. 

Na sexta edición percórrense aínda máis carreiros con Vieiros, a iniciativa que une ao CEN cun proxecto cultural de cada comunidade, co obxectivo de dar forza e contexto ao programa, ademais de proxectar fóra da comunidade as iniciativas locais. No 2024, traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT (Galicia); Rincones y Recovecos (Asturias); Movimiento en Red (Cantabria); Bideart Zigoitia (Euskadi), e Ribera en Danza (Navarra).

O Camiño Expandido complétase co Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións que serve de promoción e apoio á súa distribución fóra do ámbito do proxecto. Editado en formato dixital, está á disposición de 400 profesionais da programación de todo o Estado. Tamén estará activa a Oficina CEN de Cooperación Escénica, programa de consultoría e acompañamento profesional que reforza a actividade profesional de CEN, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución. Finalmente, o proxecto ofrece Mirando as constelacións, iniciativa web sobre as sedes nas que haberá actividades de CEN, dispoñible en www.escenanorte.com.

Organización e apoios

CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto. 

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais; Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Gobierno de Navarra; e Goberno de España, tanto a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música (INAEM) como do Ministerio de Cultura. Colaboran tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. 

Vegalsa-Eroskimantense como patrocinador oficial e incorpórase nesta liña a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria). Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

Funcións de Camiño Escena Norte 2024 en Galicia

13.09 | Santiago de Compostela (Praza da Quintana)
Check Out, de Adrián Conde Espectáculos (AST)

15.09 | Foz (Praza Conde de Fontao)
By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV)

21.09 | Outes (Auditorio Casa da Cultura)
La casa de los dedos, de Ruth Garreta e El Conejo Salvaje (CANT)


27.09 | Vilalba (Auditorio Municipal Carmen Estévez)
Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT)

28.09 | Sobrado dos Monxes (Mosteiro de Santa María)
La osa estelar, de Panta Rhei (EUS)

29.09 | Melide (Auditorio Municipal) 

Anónimo. La vida de Lazarillo de Tormes y de sus fortunas y adversidades, de Hilo Producciones (CANT)

06.10 | Carballo (Pazo da Cultura) – Programación 33º FIOT 

Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín (NAV)

12.10 | Vimianzo (Auditorio Municipal)
El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)

17.10 | Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire)
El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)

18.10 | Ames (Auditorio Casa da Cultura do Milladoiro)

Geometría del Alma, de Teatro Plus (AST)

19.10 | Arzúa (Capela da Madanela) 
El jardín de Olivia, de Pájaros Pintados Creación Teatral (NAV)

20.10
 | Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval) 
Mr. Bo, de Marie de Jongh (EUS)

24.10 | Viveiro (Teatro Municipal Pastor Díaz) 
Ada Byron: La tejedora de números, de La Westia Producciones (AST)

Outros eventos de Camiño Escena Norte 2024 en Galicia


17.09 ao 19.09 | Lugo (O Vello Cárcere)
Encontro profesional Habitación Peregrina PRO

2024.09.04-NP-Presentacion-CEN-Galicia

PROGRAMACIÓN

Programacion-CEN-2024-FUNCIONS-EN-GALICIA

A artista Furia Sotelo inicia hoxe a súa ‘Residencia Paraíso’ no Pazo da Cultura de Narón

Desde este luns 2 e ata o venres 13 de setembro, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na súa proposta Sobre o extravío ou a arte de perderse

Trátase dun solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder

Unha vez finalizada a súa residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Pazo da Cultura de Narón, o venres 13, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

A artista Furia Sotelo inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 2 de setembro, en Narón. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura de Narón acolle, desde hoxe e ata o venres 13 de setembro, a residencia do artista en torno á proposta a creadora galega que ten por título Sobre o extravío ou a arte de perderse, un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o olvido necesario e a arte de perder.

Unha vez finalizada a súa residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Narón, o venres, 13 de setembro, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, Furia Sotelo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Sobre o extravío ou a arte de perderse é un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder. Cando o corpo fai lugar e a presenza transforma o espazo, converténdose en parte do mesmo, transformándose en obxecto.

No proceso de creación de Sobre o extravío ou a arte de perderse contarán co deseño de iluminación de Laura Iturralde e a composición sonora de Camille Hedouin, para xerar unha suspensión de tempo e espazo, rompendo así a sensación do tempo lineal, na que incorporar o movemento dun corpo brando, coa lixeireza dun corpo disposto á danza, coa naturalidade cotiá do camiñar, lavarse as mans ou preparar unha cafeteira.

SOBRE FURIA SOTELO

A compañía Licenciada Sotelo aparece en 2010 coa presentación de Nuria dirixida por Ana Vallés coa obra Métanse nos seus asuntos. A partir dese momento, Licenciada Sotelo, co corpo e o movemento como centro, camiña en busca dunha linguaxe escénica ecléctica e multidisciplinar.

Licenciada Sotelo produce diversas pezas que se puideron ver en redes de teatros autonómicas e festivais nacionais e internacionais. No 2016 recibe o premio da 30ª edición do Certame Coreográfico de Madrid pola súa obra Ensaio amor e, co seu penúltimo espectáculo de sala Mortais e vulnerables, a compañía pasa a chamarse Furia Sotelo.

Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro, e realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos.

Ana Vallés é cofundadora da compañía Matarile Teatro (1986), na que dirixiu máis de 30 montaxes. O último, FRÁXIL Handle With care, 3ª parte da Triloxía da fraxilidade, foi estreado en 2023 en coprodución co Teatro Español e o CDG. O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvólvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.colectivorpm.gal/

2024.09.02.-NP-Residencia-Paraiso-Furia-Sotelo-Naron