A LANDRA VIAXEIRA E O AMIGO LAMBÓN, espectáculo musical infantil d’Os Jalochos, este sábado na Casa-Museo Manuel María

“A LANDRA VIAXEIRA E O AMIGO LAMBÓN”, ESPECTÁCULO MUSICAL INFANTIL QUE PRESENTAN OS JALOCHOS ESTE SÁBADO, 18 DE XANEIRO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre 4 e 11 anos e as súas familias.

Sabela Olivares e Suso Bello, Os Jalochos, levarán as persoas que se acheguen este sábado, ás 17 hrs, pola Casa-Museo Manuel María, a unha viaxe musical pola natureza de Galiza na procura da festa.

Concerto que ten como fío condutor o libro  A Landra viaxeira e o amigo Lambón, e que será moi participativo, con todo tipo de xogos baseados en conceptos musicais (tempo, ritmo, dinámica), así como percusión corporal, baile e lingua de signos.

Respectar a natureza, viaxar por vilas e cidades, xogar co ritmo da música, cantar e bailar sen acougo, son parte das propostas que nos ofrecerán Os Jalochos este sábado.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Os Jalochos son Sabela e Suso. No ano 2021 fundan a compañía, coa que xiran co espectáculo infantil “Ritmando” e actualmente co espectáculo “A Landra viaxeira e o amigo Lambón”.

Sabela Olivares. Posúe o Grao de Educación Primaria, o Mestrado de Profesorado, o Título Superior de Música na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular, o Título Profesional de Música na especialidade de Gaita e o Título de Profesora na especialidade de Piano. Na actualidade, exerce como docente de educación musical na Universidade de La Rioja (UNIR).

Suso Bello. Músico, produtor musical e compositor. Cunha longa traxectoria no mundo da música participou en diferentes proxectos musicais e de televisión, sendo a súa faceta máis coñecida polo público a de músico integrante de “A Companhia do Ruído”.