Abre a convocatoria DA MAN 2025 para emerxentes en danza
AMARELO e Manu Lago lanzan a segunda convocatoria de artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación durante o 2025.
Na pasada convocatoria Da Man realizou o acompañamento ao proxecto “Mesura” da galega Raquel Ferradás que se puido ver en 9 festivais de Galicia e Aragón e ao proxecto “Todo esto para nada” do colectivo madrileño A ras de suelo que se estreará en 2025.
Da Man é un proxecto colaborativo de AMARELO e Manu Lago co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria, cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes.
As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha peza ou do proxecto de compañía a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financieiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento se lle trasladan os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, búsqueda de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuitos, contactos, etc.
Bases da convocatoria
Que buscamos?
Un proxecto de danza de artista/s emerxente/s galega/s ou residentes en Galicia. Artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, non teñan creados máis de 3 espectáculos integrados en circuitos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza, impulsar a súa compañía ou outro tipo de proxecto arredor da danza.
Que ofrecemos?
1- Un acompañamento 360: facemos un acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras.
2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO, no caso dunha nova produción.
Que pedimos?
3 documentos en pdf:
1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina.
2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación ou do proxecto (tipoloxía, formato, equipo, calendario previsto, e todos os datos que se consideren relevantes).
Máximo 3 páxinas
3- CV con links a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas.
Onde e cando?
Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 11 de novembro de 2024. Envía a documentación a lilian@amarelo.es co asunto Da Man.
O día 25 de novembro de 2024 publicarase a resolución en redes e web.
Quen somos?
Lilian Portela – é a directora de AMARELO
Lilian Portela inicia o seu camiño nas artes escénicas no ano 2011, traballando en produción, distribución e xestión para distintas compañías de danza, teatro e música.En 2022 decídese a crear a súa propia empresa e así nace AMARELO, un proxecto adicado á distribución, produción e xestión de proxectos de artes escénicas coa intención de servir de corrente de transmisión entre artistas e programadores e facer chegar ao público espectáculos frescos, atractivos e de calidade.
En AMARELO apostamos por compañías emerxentes e novos valores que comezan a destacar no sector. Poñendo o foco na danza e as novas linguaxes, respaldamos espectáculos que procuren seducir a todo tipo de público.
Manu Lago – é asesor de AMARELO e forma parte do equipo de xestión de A Casa Vella e a Plataforma Sólodos. Máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya (2015), Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2000), Técnico superior en Artes Plásticas pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo (2002).
No 2017 publicou o Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia onde se recollían os datos de 357 espectáculos de 82 coreógrafas e coreógrafos de Galicia estrenados entre os anos 1987 e 2021, ademáis dos datos de produción e programación das redes públicas de exhibición.
No 2018 e 2019 publicou entrevistas e crónicas en Isto é danza.
Actualmente realiza servizos de consultoría e planificación de programas, redacción de proxectos, mediación e asistencia á produción, avaliación e medición de impactos para propostas de mellora do proxecto desde: o catálogo de distribución, produción, impulso e acompañamento (2017-2022) Galicia Danza Contemporánea, Amarelo Distribución Escénica, Plataforma SóLODOS ou A Casa Vella.
Foi o coordinador de PROPULSA Danza + Paisaxe + Patrimonio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e coproduciu o espectáculo Clásicas Desfeitas Vol 3 ca Fundación Cidade da Cultura e Centro Dramático Galego, 2021.
Axencia Galega das Industrias Culturais. Da Man é un proxecto patrocinado pola Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego.