A artista Furia Sotelo inicia hoxe a súa ‘Residencia Paraíso’ no Pazo da Cultura de Narón
Desde este luns 2 e ata o venres 13 de setembro, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na súa proposta Sobre o extravío ou a arte de perderse
Trátase dun solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder
Unha vez finalizada a súa residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Pazo da Cultura de Narón, o venres 13, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A artista Furia Sotelo inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 2 de setembro, en Narón. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura de Narón acolle, desde hoxe e ata o venres 13 de setembro, a residencia do artista en torno á proposta a creadora galega que ten por título Sobre o extravío ou a arte de perderse, un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o olvido necesario e a arte de perder.
Unha vez finalizada a súa residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Narón, o venres, 13 de setembro, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, Furia Sotelo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Sobre o extravío ou a arte de perderse é un solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder. Cando o corpo fai lugar e a presenza transforma o espazo, converténdose en parte do mesmo, transformándose en obxecto.
No proceso de creación de Sobre o extravío ou a arte de perderse contarán co deseño de iluminación de Laura Iturralde e a composición sonora de Camille Hedouin, para xerar unha suspensión de tempo e espazo, rompendo así a sensación do tempo lineal, na que incorporar o movemento dun corpo brando, coa lixeireza dun corpo disposto á danza, coa naturalidade cotiá do camiñar, lavarse as mans ou preparar unha cafeteira.
SOBRE FURIA SOTELO
A compañía Licenciada Sotelo aparece en 2010 coa presentación de Nuria dirixida por Ana Vallés coa obra Métanse nos seus asuntos. A partir dese momento, Licenciada Sotelo, co corpo e o movemento como centro, camiña en busca dunha linguaxe escénica ecléctica e multidisciplinar.
Licenciada Sotelo produce diversas pezas que se puideron ver en redes de teatros autonómicas e festivais nacionais e internacionais. No 2016 recibe o premio da 30ª edición do Certame Coreográfico de Madrid pola súa obra Ensaio amor e, co seu penúltimo espectáculo de sala Mortais e vulnerables, a compañía pasa a chamarse Furia Sotelo.
Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no eido do movemento, traballadora no ámbito social das artes, impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo en Galicia, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro, e realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos.
Ana Vallés é cofundadora da compañía Matarile Teatro (1986), na que dirixiu máis de 30 montaxes. O último, FRÁXIL Handle With care, 3ª parte da Triloxía da fraxilidade, foi estreado en 2023 en coprodución co Teatro Español e o CDG. O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvólvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.
Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
MÁIS INFORMACIÓN:
2024.09.02.-NP-Residencia-Paraiso-Furia-Sotelo-Naron