A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) revisa o seu exitoso manual para combater as prácticas abusivas nos eidos creativos
Esta segunda edición trata temas como os concursos especulativos, o novo sistema de cotas de autónomos ou o desenvolvemento dos sistemas de intelixencia artificial
Desde hoxe, 28 de abril, xa é posible descargar a segunda edición, revisada e ampliada, da exitosa Guía ninja do ilustrador, impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Este manual “ninja” de apoio a profesionais creativos freelance está dispoñible gratuitamente en formato dixital na web www.guianinjadoilustrador.org e a partir de maio comezará a súa distribución en papel. Ademais, esta segunda edición vaise presentar publicamente na vindeira Feira do Libro de Buenos Aires.
A maioría dos profesionais da ilustración son autónomos, o que na práctica se traduce en que operan como miniempresas. Non só teñen que crear, senón que deben afrontar cuestións máis prosaicas como a elaboración de plans de empresa, o negocio de proxectos, a estimación de orzamentos ou a redacción de contratos e facturas. Tamén deben coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística para protexela e poder explotala. E, por se non abondase, han de se manexar nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas. Para sortearen con éxito estas dificultades, os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja.
En 2016, a primeira edición da Guía ninja do ilustrador veu encher o baleiro sobre estas cuestións dun xeito áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance. A nova edición mantén a estrutura de decálogo da súa predecesora pero ve a luz con novidades relativas tanto ao continente como ao contido. Así, desta volta incorpóranse dez viñetas ilustradas por José Domingo e Alberto Guitián que xogan coa estética e o imaxinario xaponés. A versión animada destas viñetas difundirase nas redes sociais da AGPI como minicápsulas de vídeo.
No que respecta aos contidos, trátanse temas como os concursos especulativos, isto é, os certames abusivos ou non-éticos, ou cuestións de actualidade como o novo sistema de cotas de autónomo, máis equitativo pero ao mesmo tempo máis embrollado ca o anterior. Non falta na Guía ninja do ilustrador unha parte dedicada ás intelixencias artificiais gráficas, sistemas cun desenvolvemento exponencial que poñen en serio perigo a subsistencia de moitos creadores.
O lanzamento da primeira edición da guía estivo marcado por unha extraordinaria acollida, da que dan conta as cifras acadadas: superáronse máis de 25 000 descargas da versión dixital e o milleiro de exemplares impresos esgotouse en poucos meses. Ademais, foi moi ben acollida por outras asociacións europeas e mesmo traducida ao italiano e ao turco. O seu lanzamento complementouse con exposicións e charlas en escolas de arte e deseño galegas. As claves do seu éxito vertebráronse nunha comunicación áxil, onde o humor e o tratamento visual se aliaban para tratar problemáticas globais comúns a case todos os creadores freelance.
Agora, sete anos máis tarde, chega esta nova edición, que baixo o lema ‘Máis ninja, my friend’ segue a combater os principais perigos e problemas que rodean a profesión e proporciona ideas sobre como facerlles fronte. A Guía ninja do ilustrador tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. O proxecto está editado coa axuda da Deputación da Coruña e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
As versións en PDF da guía en galego e en castelán están dispoñibles para a súa descarga gratuíta no micrositio www.guianinjadoilustrador.org. A versión impresa, editada en galego, estará á venda a un prezo simbólico de un euro (1 €) en librarías e espazos culturais, e distribuirase de xeito gratuíto nas escolas de arte de Galicia. A lista completa de puntos de venda publicarase a partir da segunda quincena de maio. Alén diso, a páxina actualizarase coas novidades relacionadas cos temas da guía, que tamén se van difundir a través da web da AGPI e as súas redes sociais.
Castiñeiro Milenario presenta unha nova edición dos maios. O vindeiro 6 de maio a partir das seis e media da tarde comezará a actividade encamiñada a facer un maio e cantar ao redor del, para espantar o inverno e darlle benvida á primavera. Branca Villares será a mestra cerimonias. Esta actividade está dirixida, principalmente a un público familiar, todas as nenas e nenos serán benvidos.
Pola noitiña, despois duns petiscos darase paso á foliada libre. Convidan a que as persoas asistentes leven o seu instrumento musical para que axude a facer festa ata que o corpo aguante.
Dez días para axitar a cabeza coa comedia: este venres 28 comeza na Coruña a terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo
O EMHU congregará na cidade as figuras e os espectáculos máis relevantes do panorama humorístico do momento, nunha cita cuxas entradas están practicamente esgotadas
Ana Morgade, Dani Rovira, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Pantomima Full, Sílvia Abril e Xosé A. Touriñán participarán en producións exclusivas que unicamente se poderán ver estes días na cidade herculina
As propostas máis demandadas polo público, como ‘Estirando el chicle’, ‘Buenismo Show’, ‘La ruina’, ‘La comedia salvó mi vida’, con Ignatius Farray, ou ‘La capital del pecado 2.0’, con Juan Dávila, formarán parte da programación do evento
As últimas entradas á venda para gozar das funcións de ‘Sin datos no hay paraíso’, ‘As R(h)umorosas, ‘Ansia viva’ ou ‘Garabato controlado’ están dispoñibles en www.emhu.es
O Encontro Mundial de Humorismo arrancará este venres 28 na Coruña a súa terceira edición. Até o vindeiro 7 de maio, a cidade herculina converterase no epicentro humorístico do país coa celebración dunha cita que reunirá, durante dez días, as figuras e os espectáculos máis relevantes do panorama da comedia. Máis de 30 artistas estarán sobre os escenarios dun evento que, coma avanza o seu cartel, procura axitar as mentes a través do humor, e para o que practicamente non quedan entradas libres.
Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, David Amor, Eva Hache, Eva Soriano, Leo Harlem, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril e Xosé A. Touriñán estarán presentes no evento, que tamén contará coa participación de Buenismo Show (con Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado -nunha función que suporá a estrea do espectáculo en Galicia-), Estirando el chicle (con Carolina Iglesias e Victoria Martín -que estarán no Castelo de Santo Antón-) ou La Ruina (con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes -que regresan á cidade esta primavera-).
Ademais, figuras galegas da comedia estrearán espectáculo no marco do EMHU: é o caso de Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, que presentarán As R(h)umorosas, e Oswaldo Digón, que dará a coñecer o seu Ansia viva. No Encontro Mundial de Humorismo tamén estará o arxentino Juan Barraza, quen presentará por vez primeira en España o seu Garabato controlado; e ‘influencers’ como Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño, que volverán ao Teatro Colón con Sin datos no hay paraíso. As últimas entradas dispoñibles para estas cinco propostas pódense conseguir en www.emhu.es.
A terceira edición do EMHU contará con actividades gratuítas e de acceso libre. É o caso da exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (desde o 28 de abril e até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso), a charla Picasso e a caricatura (venres 28, 19;00 horas, tamén na Casa Museo Picasso) ou a función da Escuela de Impro Coruña (sábado 29, 12:30 horas, na sede de Afundación). Tamén forman parte desta programación paralela citas como o concerto La banda sonora de nuestra risa, conducido por Luis Piedrahita e coa interpretación da Banda Municipal de Música da Coruña (4 de maio); e a presentación do programa de Movistar Plus+ Showriano, con Eva Soriano, e na que Leo Harlem será o convidado (5 de maio). Para estas dúas últimas propostas os convites gratuítos están esgotados.
EMHU 2023
O EMHU, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e Producciones El Espectador (Madrid) -e que conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia- é unha das citas de referencia da comedia a nivel estatal tanto pola súa programación -pola que pasaron artistas como Andreu Buenafuente, Inés Hernand e Nerea Pérez de las Heras ou David Broncano, entre outras- como pola afluencia de públicos: no 2022, no que o Coliseum foi unha das principais sedes, o Encontro Mundial do Humorismo sumou máis de 19.000 espectadores.
De cara á edición de 2023, o EMHU inclúe, como é habitual, a presenza de figuras icónicas en galas de produción propia, creadas exclusivamente para o evento. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntará a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera o 29 de abril; da nova gala Animus Iocandi, coa que o EMHU regresará ao Palexco para que o público escache coa risa da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que terá lugar o 7 de maio e que contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Nesta cita, ademais, entregaranse os Premios EMHU 230: Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta son os recoñecidos nesta edición.
O Encontro Mundial de Humorismo contará na súa programación troncal con algúns dos espectáculos en xira máis demandados polo público neste momento. É o caso de Buenismo Show, cuxa estrea en Galicia terá lugar o 28 de abril no marco do EMHU; ao igual que La capital del pecado 2.0 de Juan Dávila, cuxa función está programada para o 1 de maio; ou Estirando el chicle desde un castillo, un programa especial do podcast presentado por Carolina Iglesias e Victoria Martín que se gravará, ao vivo, na tarde do 30 de abril desde o Castelo de Santo Antón. Ademais, entre as propostas que se poderán estes dez días na Coruña, están La comedia salvó mi vida, con Ignatius Farray (30 de abril); La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes (6 de maio); e Garabato controlado (5 de maio), do arxentino Juan Barraza.
A comedia galega terá unha importante presenza neste encontro de ámbito estatal. Alén das estreas absolutas de As R(h)umorosas e Ansia Viva, ou da participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Rober Bodegas (Pantomima Full) na gala Fantastic Colofon, tamén conta con selo do país o filme Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica que dirixe Javier Veiga sobre a obra teatral e que se proxectará por primeira vez para o público o domingo 30 de abril no Teatro Colón, antes da súa chegada aos cinemas -prevista para o mes de setembro-. A exhibición da película estará acompañada dunha breve conversa e espectáculo que contará coa participación de Marta Hazas, David Amor, Xosé A. Touriñán e do propio Veiga.
APERTURA DA NOVA EDICIÓN
O EMHU 2023 arrancará este vernes, 28 de abril, coa apertura, ás 11:30 horas, na Casa Museo Picasso, da exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad; unha cita que contará coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; un dos coordinadores do EMHU e da produtora Etiqueta Negra, Iago Regueiro; e o comisario da exhibición, Juan García Cerrada, do Instituto Quevedo del Humor. No acto daranse a coñecer as ilustracións de 50 humoristas -gráficos ou escénicos- que participan na mostra, e na que o público poderá coñecer a reinterpretación que fan do mítico cadro de Picasso nomes como Quino, Atxe, Mingote, Gallego y Rey, Elena Ospina, Siro López, Pinto & Chinto ou até o propio Luis Piedrahita.
Xa pola tarde deste venres 28, contra ás 19:00 horas na mesma Casa Museo Picasso, o humorista gráfico Siro López -Premio EMHU Fugas 2023- ofrecerá un parladoiro aberto ao público, nomeado Picasso e a caricatura, sobre a relación entre o pintor malagueño e a disciplina artística. E, como peche da primeira xornada e inicio da programación de espectáculos, chegará un dos momentos máis agardados desta edición: a estrea en Galicia de Buenismo Show, o espectáculo baseado no podcast que presentan Henar Álvarez, Manuel Burque e Quique Peinado. A cita -para a que xa non quedan entradas dispoñibles- será ás 21:30 horas no Teatro Colón.
A actividade continuará cunha proposta aberta ao público o sábado 29 na sede coruñesa de Afundación: o alumnado do curso avanzado da Escola de Impro Coruña actuará contra ás 12:30 horas -entrada libre ata completar a capacidade do auditorio-. Pola tarde, a programación repartirase en dúas das sedes centrais do EMHU: o Teatro Colón (Sin datos no hay paraíso, 17:00 horas) e o Pazo da Ópera (Humoris Causa, dobre función ás 19:00 e 22:00 horas). De cara ao domingo, as citas serán no Castelo de Santo Antón (Estirando el chicle en un castillo, 16:00 horas) e Teatro Colón (Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida, 18:00 horas, e Amigos hasta la muerte, 20:30 horas). A fin de semana festiva, que inclúe o 1 de maio, pecharase con outra das citas máis relevantes desta edición, cuxas entradas se esgotaron nuns minutos: a estrea en Galicia de La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila. A cita será o luns 1 no Teatro Colón (19:30 horas).
HORARIOS PROGRAMACIÓN EMHU 2023
Venres 28 de abril 11:30 horas | Casa Picasso: El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad (apertura) 19:00 horas | Casa Picasso: Picasso e a caricatura (acceso libre ata completar capacidade) 21:30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show(estrea en Galicia)
Sábado 29 de abril 12:30 horas | Afundación: Escuela de Impro Coruña (acceso libre ata completar capacidade) 17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso 19:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa 22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
Domingo 30 de abril 16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo 18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida 20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte
Luns 1 de maio 19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0(estrea en Galicia)
Mércores 3 de maio 19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)
Xoves 4 de maio 19:30 horas | Teatro Colón: La banda sonora de nuestra risa 21:00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)
Venres 5 de maio 19:30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España) 21:00 horas | Teatro Colón: Showriano
Sábado 6 de maio 12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina 19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta) 22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi
Domingo 7 de maio 20:00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon
O traballo discográfico, gravado e producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é unha proposta intimista e potente, ateigada de honestidade e na que o trío incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade
Este venres 28, a partir das 00:00 horas nas principais plataformas dixitais, Caldo dará a coñecer Cáncaro d’abril, o segundo adianto do seu novo LP
Lugar A Ponte. Así se chama o segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas. O novo traballo discográfico do grupo, que verá a luz o vindeiro 12 de maio, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor.
Producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), con Lugar A Ponte Caldo avanza na procura e experimentación do seu universo creativo para incorporar novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, e incluíndo gravacións ao directo coma nos seus inicios. Así, o produtor e instrumentista acompañou ás creadoras nun longo proceso no que se deixaron levar e integraron novas capas, á vez que procuraban estéticas marcadas para definir esta nova etapa, máis madura, honesta e cavilada. Alén do salto na produción -desde o primeiro álbum, Caldo, gravado ao vivo-, outra das principais novidades con respecto daquel disco homónimo é que, alén da intervención ou adaptación de letras tradicionais,Caldo suma, en moitos temas, lírica propia. Textos coidados e asinados por Anaïs Barbier, que se xuntan a outros que o trío reinterpreta para narrar, neste Lugar A Ponte, ashistorias ou episodios que conforman un álbum que fala, dalgún xeito, das sensacións dentro do fogar, dese lugar ou núcleo que se constrúe paseniño, da man da contorna próxima e querida.
Logo da estrea o pasado día 21 do sinxelo O que fomos, un tema que resulta sorprendente para o público ao rachar coa sonoridade habitual do grupo, e no que se pode vislumbrar as novas capas e texturas sonoras que acompañan o disco, este venres 28 Caldo dará a coñecer o segundo avance de Lugar A Ponte, nomeado Cáncaro d’abril.Trátase da muiñeira que abrirá o disco, e a súa melodía é un arranxo dunha ribeirana da aña de Gargamala, recollida por Xandre Outeiro e Guillerme Ignacio Costa ás informantes María e Lola da Coruñesa (Lugar do Barral), Carme de Marecelina, Rosa de Lisa e Lola do Coxo (Lugar do Barro).
O tema estará dispoñible desde as 00:00 horas do venres 28 nas principais plataformas dixitais. Coma xa aconteceu no primeiro sinxelo do álbum, Cáncaro d’abril tamén conta cunha portada ilustrada por Marte Martinka. Desta imaxe partirá tamén o vídeo propio do sinxelo, ateigado de ‘loops’ que xogan e dan vida aos elementos da ilustración concebida por Martinka.
María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, un trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.
O sábado 29 de abril, ás 12 h. no Castelo de Pambre inaugurarase a exposición de Elsa Martínez, Miradas. Mulleres na arte. Exposición baixo a organización do Instituto de Estudos Ulloáns, en colaboración co Concello de Palas de Rei.