
Hai proxectos que che enchen a alma e che fan mirar máis alá da música. Con Xa´Lum pasa algo parecido: a súa música transpórtanos a universos paralelos cargados de mística e simbolismo. A artista galega presenta “L’interdit”, o seu primeiro sinxelo cantado en francés, conectando así coas súas orixes. Enchido de alalás electrónicos e de percusións tradicionais galegas, a artista relata a historia da súa familia no exilio en Francia durante o franquismo.
O nome “L’interdit”, que significa ‘o prohibido’, fai referencia ao nacemento da súa nai en Francia, nunha época na que os seus avós, internos como traballadores do fogar nunha familia francesa, tiñan prohibido ter fillos. A nai da artista tivo que ser enviada a España sendo aínda un bebé e, anos máis tarde, a súa filla, a artista XA’LUM, conquista a escena musical francesa con este novo sinxelo e numerosos concertos por todo o territorio francés. O ritmo da canción lévanos de forma directa e dramática ao corazón desta historia, facéndonos sentir cada momento grazas á forza e intensidade que imprime Xa´Lum a cada nota e a cada verso de “L’interdit”.
O sinxelo é unha mestura da música que conforma a identidade cultural da artista, coas influencias rítmicas e vocais galegas, e o deseño sonoro e os elementos electrónicos típicos da escena musical francesa. Producido polo produtor italiano Gabriele Busu (oblyo.wav) e gravado nos estudios parisienses Sodasound, trátase dun proxecto financiado pola escola francesa IESA. Un sinxelo que toma o relevo de “A Flor da Auga” e que posiciona a Xa´Lum como unha das artistas con maior proxección dentro do panorama musical europeo.
Con pinceladas de neo-psicodelia e alt-R&B, a música de XA’LUM xorde do máis profundo da natureza, transformando todo aquilo que foi silenciado. Os seus traballos musicais, cheos de alegorías da mitoloxía galega —moi vencellada á natureza—, dan vida e voz a todo o que non queremos que exista. A miúdo é comparada con artistas de renome como FKA Twigs, Sevdaliza ou James Blake. En directo, fusiona o son de instrumentos rítmicos tradicionais galegos como vieiras e pandeiretas con loops vocais e sintetizadores electrónicos.
Master Xalum l’interdit V2