Once días para construír e destruír coa mellor comedia: este xoves 25 comeza o Encontro Mundial de Humorismo

O novo podcast de David Perdomo, El Nicho, será o evento encargado de inaugurar este EMHU 2024 no Auditorio da Sede Afundación, ás 20.00h, cun invitado moi especial: Xosé A. Touriñán

Pola súa banda, o Coliseum acollerá este venres, 26 de abril, ás 21.00h, o agardado espectáculo La capital del pecado 2.0, do ‘showman’ total Juan Dávila, que reunirá a máis de 6.500 persoas

A cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo, coa cifra récord de máis de 20.000 entradas despachadas, presentará na cidade herculina espectáculos como Mentes peligrosas,Esto no es un showLa ruina ou as galas exclusivas Humoris Causa e Fantastic Colofon

O EMHU 2024 pendurou o cartel “entradas esgotadas” na meirande parte dos espectáculos, mais é posible adquirir billetes a través de www.emhu.es para Celebreixon, Go Home Tengo cosas para hacer; ou asistir ás actividades con entrada libre, como o Match de Impro, as mesas redondas Coidado coas bromas e O negocio del humor, ou a presentación do libro Pérdidas de risa

O Encontro Mundial de Humorismo arranca este xoves, 25 de abril, a súa cuarta edición na Coruña. Serán once xornadas para construír e destruír realidades a través do humor, ademais de derrubar tristuras e clixés coa mellor comedia do momento. Até o 5 de maio, o EMHU 2024 reunirá na cidade herculina ás figuras máis destacadas da escena humorística estatal e galega, como é o caso de Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, David Amor, David Cepo, David Perdomo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Juan Herrera, Jordi Moltó, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Raquel Martos, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé Antonio Touriñán ou o trío As R(h)umorosas, conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro. 

O podcast El Nicho, do coruñés David Perdomo, será o evento encargado de inaugurar este EMHU 2024 no Auditorio da Sede Afundación. A cita (xoves 25, ás 20.00 horas) contará cun invitado moi especial: Xosé A. Touriñán. A apertura de portas terá lugar ás 19.30 horas e o acceso será libre até completar a capacidade do auditorio. Cómpre salientar que esta actividade forma parte da campaña Cultura por Alimentos, na que o EMHU colabora con Afundación (Obra social ABANCA), de xeito que o público terá a opción de “trocar” a súa entrada de balde por unha doazón de alimentos non perecedoiros que, posteriorimente, distribuirá o Banco de Alimentos Rías Altas. 

Pola súa banda, o venres, 26 de abril, o EMHU servirá un dos seu pratos fortes deste 2024 no Coliseum. A partir das 21.00 horas, máis de 6.500 persoas gozarán con La capital del pecado 2.0, deJuan Dávila, un dos ‘showman’ máis aclamados do momento; e que regresa ao evento logo de encher no EMHU 2023, en cuestión de minutos, o Teatro Colón. Para ver a Dávila nesta edición, os billetes esgotáronse nunhas horas. 

Coa cifra récord de máis de 20.000 entradas e convites despachados, a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo presentará na Coruña algúns dos espectáculos en xira máis relevantes do momento, como Mentes peligrosas, Esto no es un show ou La ruina, mais tamén ofrecerá as xa clásicas galas de produción propia Humoris Causa Fantastic Colofon, a gala final na que se entregarán os Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso. Para todas estas citas as entradas están esgotadas desde hai semanas, pero o público aínda pode gozar dalgunhas propostas do EMHU 2024: quedan os últimos billetes dispoñibles para Celebreixon (con Roberto Vilar, 28 de abril, en dobre función), a obra de teatro Go Home (con David Amor e Josito Porto, 1 de maio, baixo a dirección de Tito Asorey) ou a estrea en España da xira Tengo cosas para hacer da arxentina Dalia Gutmann (3 de maio en Afundación). As entradas pódense adquirir a través da páxina web www.emhu.es ou da plataforma www.ataquilla.com

Ademais, o público interesado en asistir ao EMHU de xeito gratuíto, terá a oportunidade de achegarse até a Sede de Afundación para rir co Match de Impro, da Escuela Impro Coruña (27 de abril, 12.30h) ou ser parte dos parladoiros Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia(30 de abril, 20.00h) e O negocio do humor (4 de maio, 12.30h). Ademais, a Librería Santos Ochoa da rúa Teresa Herrera acollerá a presentación e sinatura do libro Pérdidas de risa, un acto no que a súa autora, Sílvia Abril conversará co público nun diálogo moderado polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.

DÚAS SEMANAS PARA CONSTRUÍR E DESTRUÍR COA MELLOR COMEDIA

O Encontro Mundial de Humorismo, a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades como de público, celebrará a súa cuarta edición na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. O evento está impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia. 

A programación de pago do EMHU 2024 contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa –CelebreixonGo HomeEsto no es un showLa nueva normalidadLa ruina e a gala de clausura Fantastic Colofon-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as Mentes peligrosas de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala Humoris Causa -na que se atoparán por vez primeira xuntos nun escenario Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril-. 

Alén destes espectáculos, o EMHU conta cunha ampla programación de actividades paralelas gratuítas, de xeito que todos os públicos poidan acceder ao grande evento do humor do país. É o caso da proposta Lo que me han enseñado los mayores, de Jordi Moltó, ou a gravación do podcast El sentido de la birra, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. As invitacións para estas dúas actividades esgotáronse en horas. 

Porén, aínda é posible asistir a outras das actividades de entrada libre do EMHU. En Afundación (na que se convida ao público a participar na campaña Cultura por Alimentos, que supón “trocar” a entrada de balde por alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Altas) daranse cita El Nicho de David Perdomo, Match de Impro da Escuela Impro Coruña, e os parladoiros Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia e O negocio do humor. Ademais, a Libraría Santos Ochoa acollerá a presentación do novo libro de Sílvia Abril, nomeado Pérdidas de risa. 

AXENDA EMHU 2024 – XOVES 25 E VENRES 26

SOBRE EL NICHO

Xoves 25 de abril, 20.00h

David Perdomo desembarca no Encontro Mundial de Humorismo con El Nicho, un espectáculo baseado no seu podcast sobre perfumes. Si, leron ben, perfumes: cheiros que non se poden compartir en Youtube, pero que, por fin, todo o mundo poderá gozar en directo. Unha experiencia olfactiva que nos levará por toda a historia con moito humor e retranca e na que, por suposto, estará acompañado. Polo seu programa pasaron figuras como Dani Rovira, Lúa Mosquetera, Pablo Meixe ou Bárbara Grandío, entre outros moitos referentes. Nesta ocasión especial, Perdomo non podería elixir un mellor invitado. Coruñés, do Dépor e un dos cómicos máis queridos polo público do EMHU: Xosé A. Touriñán.

SOBRE LA CAPITAL DEL PECADO 2.0 , DE JUAN DÁVILA

Venres 26 de abril, 21.00h

Juan Dávila, o auténtico showman, o mesías da improvisación, volve ao EMHU co monólogo cómico do momento. Un espectáculo ideal para ver coa familia, cun grupo de amigas, en parella, se estás solteiro ou solteira, se estás buscando novas oportunidades (quen sabe!) ou con algunha cita inesperada. Sábese como comeza, pero o final sempre é decisión do público: forma parte do imprevisible. Este primeiro venres do EMHU, un Coliseum ateigado gozará co show máis gamberro e atrevido do ano!

PROGRAMACIÓN EMHU 2024

Xoves 25 de abril, 20.00h | SEDE AFUNDACIÓN (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
El Nicho. David Perdomo.

Venres 26 de abril, 21.00h | COLISEUM (entradas esgotadas)
La capital del pecado 2.0. Juan Dávila.

Sábado 27 de abril, 12.30h | SEDE AFUNDACIÓN (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
Match de impro. Escuela de Impro Coruña.

Sábado 27 de abril, 19.00 e 22.00h | PALEXCO  (entradas esgotadas)
Mentes peligrosas. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.

Domingo 28 de abril, 17.30 e 20.00h | TEATRO COLÓN
Celebreixon. Roberto Vilar.

Martes 30 de abril, 19.30h | TEATRO COLÓN (convites esgotados)
Lo que me han enseñado los mayores. Jordi Moltó.

Martes 30 de abril, 20.00h | SEDE AFUNDACIÓN  (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia. Dani Alés, Luis Álvaro, Alberto Olmos e José María Rodríguez Santos.

Mércores 1 de maio, 19.30h | TEATRO COLÓN
Go Home. Espectáculo dirixido por Tito Asorey, con David Amor e Josito Porto.

Xoves 2 de maio, 20.00 e 22.30h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
Esto no es un show. Galder Varas.

Venres 3 de maio, 19.00h | LIBRARÍA SANTOS OCHOA (r/ Teresa Herrera) (entrada libre)
Presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril. Con Sílvia Abril e Luis Piedrahita.

Venres 3 de maio, 19.00h | SEDE AFUNDACIÓN
Tengo cosas para hacer. Dalia Gutmann.

Venres 3 de maio, 21.00h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
La nueva normalidad. Álex Clavero.

Sábado 4 de maio, 12.30h | SEDE AFUNDACIÓN  (entrada libre. Campaña Cultura por Alimentos)
O negocio do humor. Álex Clavero, Juan Herrera, Raquel Martos e Luis Piedrahita.

Sábado 4 de maio, 12.30 e 18.00h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
La Ruina. Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.

Sábado 4 de maio, 19.00 e 22.00h | PAZO DA ÓPERA (entradas esgotadas)
Humoris Causa. Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.

Domingo 5 de maio, 12.30h | TEATRO COLÓN (convites esgotados)
El sentido de la birra. Ricardo Moya e Antonio Resines.

Domingo 5 de maio, 20.00h | TEATRO COLÓN (entradas esgotadas)
Fantastic Colofon. As R(h)umorosas, David Cepo, Javier Veiga e Xosé A. Touriñán.
Inclúe a entrrega dos Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso. 

20240424-NP-GAL-comeza-o-EMHU-2024

PROGRAMA

Programa_EMHU2024_baixa-2

Chega a Ourense IRIBARNE, o grande éxito da tempada teatral galega

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá este sábado, 27 de abril, ás 20.30 h,  a última creación de ButacaZero

As entradas para a función están á venda a través de Ataquilla: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-municipal-de-ourense/17309–iribarne.html

O actor ourensán Anxo Outumuro encarna un dos Iribarnes da obra escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira

Esta proposta escénica transmedia complétase coa música de Berto, entrevistas en aberto na canle de YouTube de ButacaZero e a publicación da edición galega do texto

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia Anxo Outumuro, Mónica García, Jorge de Arcos, Lidia Veiga e Xurxo Cortázar protagonizan IRIBARNE © Geraldine Leloutre

Faltan poucos días para o desembarco en Ourense de IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero. A revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira poderá verse no Auditorio Municipal de Ourense este sábado, 27 de abril, ás 20.30 horas. As entradas para a función están xa á venda a través de Ataquilla a un prezo de 18 € máis gastos de xestión.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

UNHA EXITOSA XIRA

Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía e A Coruña, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- ten previsto recalar proximamente en Cangas (4 maio), Narón (18 maio) e Ribadavia (xullo). A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Bilbao (9 maio) ou Vitoria (7 xuño).

Recentemente fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

20240423-NP-IRIBARNE-AXENDA-Ourense

DOSSIER

Dossier-prensa-IRIBARNE

Conferencia en Monterroso “A Ulloa non é unha terra de sacrificio”

O sábado 27 de abril ás 17 h. celebrarase unha charla en Monterroso sobre a fábrica de celulosa de Altri co titulo A Ulloa non é unha terra de sacrificio, na que intervirán Plácido Lisancos (profesor da Escola de Aquitectura de A Coruña) e Serafín González Prieto (Presidente da SGHN).

E o xoves 9 de maio ás 20,30 h. haberá a ocasión de escoitar ao naturalista e escritor Joaquín Araujo na Casa de Cultura de Melide.

Representación da obra teatral VÍA MORTA na Casa-Museo Manuel María

Culturactiva e Pallasos en Rebeldía traen este sábado, día 27 de abril, ás 20 h, á Casa-Museo Manuel María o espectáculo teatral Vía Morta. Unha peza que tenta ser, máis que unha obra teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe que procura traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público por medio dunha proposta que converte o espectador nun refuxiado máis.Vía Morta adéntranos nun campo de refuxiados e refuxiadas, onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago – agarda poder seguir a súa viaxe até Alemaña, onde espera encontrarse co seu fillo e netos. Mais o tren nunca acaba de chegar a esta vía morta e os refuxiados e refuxiadas comezan a desesperarse. Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación galega chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. Asemade, aparece a ollada inocente, mais crítica, dunha nena –personaxe de Rocío Salgado– que non entende o que está a acontecer.

O espectáculo de sesenta e cinco minutos vai dirixido ao público adulto e para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621