Hangover

A Laura Mosquera e a todas as persoas que somos raras por prescrición

 

Lema plaxiado

celebrámolo ebrios,

daquela militaremos

na compaña do inframundo:

o único que nos comprende.

 

Any day of hangover

amarrei o lapis no pétalo dos dedos,

en preludio de tinta escorregada

desbotei a pluma:

púxenme a escribirche.

 

Trás de nós, existen sabas dérmicas

que agardan a derrota

do alcohol

que nos conserva.

 

Levamos na pel descritos

relustros rechamantes,

lastre repetido,

emanación lúgubre;

tatuadas cicatrices.

 

Eu mesmo, estudoso absorto

no catálogo de ausencias,

pregunteime se debería

expoñer á luz

tales sílabas,

e daquela

lembrei que levas no ombreiro dereito

a estrela do moucho cicelada

porque coñeces á perfección

o estarabouzo do depredador

que descende

nesta noite.

 

Eu labrei esta amizade,

porque es a única

que sorrí

ao rente

do chan.

 

E ti, competidora afouta

de cabelo sangrante,

prendes luz á beira dos carreiros,

pólvora sucada

sorriso desexoso.

 

E ti, nena,

coñeces o naufraxio interior

que levo agochado,

es encontro

de quen

me reflote.

 

E ti, miña nena,

autora musical

de pulcro violín

que aguzas

sonatas quasi una fantasía

en corda fretada,

vida integra;

verdadeira privación

da catástrofe

sólida.

 

E ti, miña ben querida veterinaria,

aprendiches a curar o xerme

do animal que levo dentro;

inseminas gargalladas.

 

E por ti, e para ti,

debo rematar provocándoche o sorriso,

coma cando aquel home ben amado

no adro da igrexa de Arcos

con ansias de feirante

che ofreceu,

a miña carne.

 

E remato xa, grande amiga,

confesándoche que andei na procura

dun retallo do pasado

onde non poida atoparte:

morrín no intento

dúas veces.

 

Remato, remato,

any day of hangover

resaca de rosa aceiruda,

da túa ledicia insomne:

aquela que procuro.

 

(Any day of hangover

resaca de esperanza,

desmedida inspiración)

Despedida

Deixádeme ir,
que se deteñan os meus pasos
xa pra sempre,
que se pechen os meus ollos dunha vez,
estou cansa desta loita,
os meus pés xa non queren seguir camiñando,
quero descansar o meu magoado corpo,
quero ter paz e sosego por fin,
no solpor da miña vida me atopo,
no comezo da viaxe sen retorno.
Xa me agarda o tren na estación da vida,
desta vez a viaxe será longa…
Déixovos unha morea de lembranzas,
pendurada de cada recuncho
desta casa na que vivín.
Lembrádeme cando choiva, na humidade,
nas pingas de orballo pola mañán,
na raiola de sol e na lúa chea,
porque sei, que se me lembrades,
ficarei en vós,
sempre e pra sempre…

A VIAXE DERRADEIRA

…Como poden alongarse os días
cando está a rematar a vida?
…como pode prender o lume na lareira
se apenas quedan brasas no lar?
Nada, o tempo vaise,
foxe esnaquizado e esvaído
coma brétema, coma fume…
o tempo escapa coma fera doente,
e queda prendido nos ollos de tristeira ollada…
Baleiros de esperanza e de vida,
vida longa e venturosa,
pero que xa remata…
todo ten comezo e fin,
nun devaneo dos días que xa se esgotan,
xa vén o ocaso, a noite,
esa, a máis longa, a máis fría,
a que non remata…
e no derradeiro suspiro cheo de lembranzas
virá por fin a paz e o sosego,
o descanso… a luz.

*(Lembranza dunha persoa moi querida, que partiu pra recorrer un longo camiño, tan longo que non ten retorno… sempre estarás no meu recordo, e no meu corazón, pra min non te fuches, sempre estarás aquí… Virginia Pardo Martínez)

CHAIRA -PEDRAS-NATUREZA-MISTERIOS.

TERRA CHÁ.

Terra de misterios e natureza, eterna maxia en lugares de poder, sulcos feitos polas rodas dos carros, pontes antigas en camiños empedrados, carreiros perdidos en fondas fragas, pobos castrexos, pedras que falan, follas do chan, loitando con fermosos versos.

Terra Chá, orgullo dun pobo, herdo no sangue, paisaxe de paz e silencio, mar de terra verde, fala chairega, débeda dos antergos.

Outeiros coroados de castros, lingua dunha terra viva, trocando en moitas maneiras, fume, onde o millo é abanado polo vento, cunha máxica que abrocha sen alento, feitizo nunha adiviña, ferida nun colmear,  ventá por almofada, palleiro de moito gran, mans fortes de apreixar, terróns atollados na lama, aturuxo dun labrego, neno xogando o bailarisco, cebolas nunha baraza, mozo bebellosventos.

Outeiros coroados de castros, herdo dos devanceiros.

PONTE DA ARRÁBIDA

PONTE DA ARRÁBIDA

Ponte da Arrábida

Desde a ponte de Luís I, percebe-se ao longe;

também desde a Foz do Douro.

A ponte, de formigão grisalho,

sem enfeites nem adornos em sua feitura.

Hoje resplandece com as cores da noite

-azuis, verdes, rosadas-

a brilhar no escuro do poente

com o valor de velho passo entre as ribeiras.

É o sentir novo que acolhe o brilho, agora

guardado em verbas que se ouvem no latir das ondas

nessa foz tão profunda e verdadeira.

Na companhia de irmãos, de almas gémeas,

percorro passo a passo as aguas todas

com a mirada em repouso e a vida plena.