O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas deste venres 28 en todas as plataformas dixitais, conta coa colaboración de Mónica de Nut
A proposta artística de Mondra xoga coa dualidade entre sofisticación e desenfado, tanto a nivel musical coma visual
Mondra publicará este venres 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGBTIQA+ o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema, no que colabora a intérprete Mónica de Nut, estará dispoñible a partir das 00.00 horas do día 28 nas principais plataformas dixitais.
O creador do universo ARDĒN (Altafonte, 2023) co que está a xirar desde o pasado mes de setembro por escenarios de toda Galicia, lanza desta quenda unha canción pro LGBTIQA+, coa que quere, alén de dar voz á diversidade, facer unha proposta artística que xoga coa dualidade entre “a sofisticación e o nutritivo co desenfado e o saboroso”, segundo sinala Mondra, tanto a nivel musical coma gráfico. Neste sentido, o tema MARIMONDRA acompañarase dunha peza audiovisual que estará dispoñible tamén a partir das 00.00 horas do venres 28 na canle de VEVO do artista.
O Playa Club da Coruña acollerá as sesións máis golfas do festival, para continuar a festa unha vez rematados os concertos ao aire libre da man dos dj’s DJ Espinoso, Gorllitox e D-Lemma
As entradas anticipadas estarán dispoñibles a través da web www.atlanticpride.es/fiestas, a un prezo de 12 euros (con consumición incluída)
Tamén será posible adquirir entradas na porta o mesmo día das sesións, ata completar o aforo da sala, a un prezo de 15 euros (con consumición incluída)
Pola súa banda, a Sala Pelícano organiza unha festa ‘SuperMartXé’ o sábado 13 de xullo, a partir das 00.30h, con Nalaya, Javi Reina e Michael Sánchez, coas entradas xa á venda
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O Atlantic Pride presenta unha das súas grandes novidades neste 2024: as súas festas ‘After Party’. O Playa Club acollerá as sesións máis golfas do festival unha vez rematados os concertos ao aire libre as madrugadas do xoves 11, venres 12 e sábado 13 de xullo. DJ Espinoso (xoves 11, de 01.00h a peche), Gorllitox (venres 12, de 02.00h a peche) e D-Lemma (sábado 13, de 02.00h a peche) serán os dj’s encargados de dirixir os pratos nestas novas pinchadas do Atlantic Pride. En www.atlanticpride.es/fiestas é posible consultar os detalles das festas ‘After Party’ do Atlantic Pride, así como adquirir as entradas anticipadas para as diferentes sesións, a un prezo de 12€ (consumición incluída). Os pases poderanse mercar tamén o mesmo día na porta do Playa Club (15€, consumición incluída).
SOBRE O ATLANTIC PRIDE 2024
Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Na súa quinta edición, estarán presentes as estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.
No cartel deste Atlantic Pride 2024 destacan tamén nomes como os de Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas. O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional ao festival, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores” e coas festas ‘After Party’ no Playa Club nas madrugadas do xoves 11, venres 12 e sábado 13 de xullo. Na páxina web www.atlanticpride.es é posible consultar o calendario e a información práctica desta quinta edición do festival.
O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.
O Premio de Honra da MIT 2024 é para Nova Galega de Danza
Xa están á venda as entradas individuais para todos os espectáculos
A inauguración da 40ª edición da MIT de Ribadavia este ano 2024 estará marcada por un feito simbólico e cargado de apoio e recoñecemento especial ao sector da danza e das artes do movemento. Nova Galega de Danza abre a programación con DIQUE, espectáculo de recente estrea e recolle o Premio de Honra esa mesma noite. Será un acto de reafirmación da comunidade ao traballo, constancia e novos rumbos de innovación marcados por unha compañía que pasou polo festival colleitando en dúas ocasións o Premio do Público nos últimos anos.
No día de hoxe, o festival fai pública esta noticia relativa a unha edición especial, marcada pola presenza de espectáculos diversos e sedutores para quen desexe atopar creación escénica contemporánea, híbrida e de alta calidade. Despois da venda de abonos, hoxe día 25 de xuño póñense á venda os espectáculos individuais, tanto do Castelo coma do Club Artístico (estes últimos en sesión golfa, de carácter festivo e arredor do universo do Karaoke).
As entradas poden adquirirse na Praza Maior de Ribadavia, na sede do festival ou por internet en: ataquilla.com e mitribadavia.gal
Acta do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” 2024 concedido pola MIT Ribadavia ao mérito nas artes escénicas a
NOVA GALEGA DE DANZA
Nova Galega de Danza é unha compañía referente e pioneira nas nosas Artes Escénicas. Este ano 2024, no marco da 40ª edición da MIT, facemos entrega do Premio de Honra, por vez primeira na historia do festival, a un colectivo de danza.
A compañía chega a este recoñecemento en Ribadavia tamén co aval do dobre Premio do Público da MIT en 2017 e en 2020. Fundada na cidade da Coruña en 2003, o grupo dirixido polo tamén bailarín Jaime Pablo Díaz, quixo emprender un camiño de fusión e investigación nas raíces e elementos da danza tradicional galega. Comezou por aquel entón un fenómeno de popularización do que poderiamos considerar neofolk galego, que hoxe tantos froitos e interese suscita na sociedade e nos colectivos artísticos, tamén do ámbito musical. Esta compañía sempre tivo claro que a mestura de tradición e vangarda, de cultura galega popular e outras culturas tradicionais doutros contextos coma o flamenco ou a danza contemporánea, podían atoparse e poñerse ao servizo dunha creación que puidese conquistar unha ampla audiencia arredor do mundo da danza, tanto en teatros coma en espazos abertos e non convencionais.
Recoñecer a NGD significa tamén recoñecer o seu compromiso e defensa do baile tradicional galego na súa esencia e na súa capacidade para inspirar novos mundos, tamén como candidato a ser declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Mentres tanto, con esa convicción, a compañía explora neste ámbito para chegar a novos territorios, en moitos deles cunha gran comunidade galega na emigración. Desde Colombia ata Portugal, de Madrid a Beijing, os espectáculos do repertorio desta compañía galega foron recibindo relevantes galardóns coma os Premios Max, o Premio da Crítica de Galicia, Premio da Cultura Galega ou a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, entre outros.
A capacidade para unir e conectar diferentes xeracións, para facer da danza un fenómeno social, estimulante e de interese amplo, o carácter pioneiro que permitiu abrir paso a novas compañías galegas de danza fusión ou axudar a visibilizar a outros moitos colectivos que traballan no ámbito puramente tradicional, así como a capacidade para emprender novos rumbos baseados na creación a partir da memoria local, son aspectos que se suman ós moitos méritos deste premio. Con motivo do seu novo paso adiante a partir da celebración do 20 aniversario, NGD chama a un novo equipo artístico para que poida seguir renovando a linguaxe compositiva da compañía, cun grupo de mulleres creadoras, nunha aposta feminista pola revisión da historia dende o prisma das traballadoras do Dique da Campana do Arsenal ferrolán. Tradición, memoria, compromiso e innovación.
Este próximo 13 de xullo, sábado, festéxase a XIª edición do Convivio da Cultura Galega e farase, coma sempre, tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.
Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros.
Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde dará comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí irase cara ao cemiterio onde se levará a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta.
Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser.
Despois, poderemos desfrutar do xantar en convivio (a organización pon as mesas e cadeiras e cada un/unha trae a súa propia comida. Para reservar sitio é necesario avisar antes das 23 h. do 10 de xullo, mércores)
A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos Carunchos.
O xurado integrado por Emma Pedreira, escritora e poeta, Daniel Irimia, tamén escritor e poeta, e Mercedes Queixas Zas, escritora e profesora, acordou o seguinte fallo:
Categoría infantil
1º Premio: Nicolás Salgueiro Alonso pola obra Archienemigos
2º Premio: Duarte Mariño Torrado por O Poliño Lector
3º Premio: DESERTO
Categoría Xuvenil
1º Premio: Lucía Domínguez Pereira polo microrrelato Rebelde
2º Premio: Paula Pérez Cendán pola obra Soa
3º Premio: María Fernández Escáriz por Ondas
Categoría Adulto
1º Premio: Pedro Naveira Pedreira polo microrrelato Erro
2º Premio: Sonia Martínez López por Reflector
3º Premio: Carlota Millor Prado pola obra Salvavidas
O rapeiro galego Hugo Guezeta segue presentando os adiantos do seu próximo traballo discográfico. Hoxe ve a luz “Feridas”, segundo sinxelo do que será o seu primeiro álbum de longo formato. Hugo amosa novamente neste novo tema a súa versatilidade musical, nesta ocasión ao introducir ritmos latinos, que van dende o bolero aos “tumbaos” cubanos, ao seu xa característico estilo combinado de rap e reggae.
“Feridas” é un canto á inestabilidade mental e emocional que predomina entre as novas xeracións, e que tamén repercute na vida de Hugo. Temas candentes como o desamor, as inxustizas sociais, a loita contra o ego interno ou os baixóns e bloqueos creativos aparecen reflectidos na letra da canción. Mesturando dobres sentidos e retranca con rimas directas y punzantes, “Feridas” convértese na canalización musical das frustracións do rapeiro.
Hugo Guezeta amosa novamente a súa faceta máis íntima neste novo traballo, cunha versión máis melódica do seu estilo, mais sen perder parte da súa esencia. A crítica social crúa segue sendo primordial nos seus temas, aínda que o rapeiro deixa ver unha versión máis persoal nas súas letras, atopando nesa combinación o seu selo para esta nova etapa en solitario tras SonDaRúa.
A produción do tema corre a cargo de Petrowski, co que atopou unha sinerxía e complicidade musical que queda patente nestes dous primeiros adiantos do seu futuro álbum. Por outro lado, o videoclip de “Feridas” foi realizado por Juancho Everman, nun intento de recrear escenas de festa, desafogo e baile nun bar, representando así ese sentimento de expulsión dos problemas mentais sobre o que xira a canción. As escenas de baile teñen un forte peso dentro do videoclip, e están protagonizadas polos bailaríns Laura Valentina Gutiérrez Galán, Aykan Akgün, María Otero Jamardo e Gabriel da Silva. Con eles, conseguen conectar de maneira orgánica a peza audiovisual cos ritmos da canción.
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024, e “O Noso Tempo” e “Feridas” son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.