HENKO. A mirada de Miguel Díaz
Título: AGULLA
Senlleiro na deriva, arrímase á crenza. Na fractura escolle as partes del que teiman en crer.
En crer. No fío. Na agulla que tece e na que sutura.
Título: AGULLA
Senlleiro na deriva, arrímase á crenza. Na fractura escolle as partes del que teiman en crer.
En crer. No fío. Na agulla que tece e na que sutura.
Título: ARQUIPÉLAGOS
Unha explosión de arquipélagos. Unha ponte entre batalla e batalla. Para bicar a epiderme de cada cor. Para desfacer cada liña que trace o medo.
Lin que polo noso organismo transcorren uns noventa e seis mil quilómetros de vasos sanguíneos.
E, ás veces, non conseguimos atopar o camiño.
Título: STOP
Todos os días son terceiro domingo de novembro.
Todas as flores son recendo da memoria.
Hai intres sostidos no accidente das horas.
Hai lugares nos que todo se detén.
Título: FORMIGÓN

Confundimos euforia e felicidade, corrompemos o amor co veleno da impaciencia. Deturpamos a entrega co atropelo da comparación. Invalidamos o esforzo namentres facemos do abismo un lugar habitable, mentres extraemos da lembranza armas anuladoras.
Trementes na velocidade, aniquilados entre as liñas que traza, cremos progresar entre o ruído. Na consistencia indiferente do formigón, cre avanzar a nosa fraxilidade. E, na urxencia da carreira, afoga todo canto somos.
Título: BETULA
Betula, coma min, gusta do silencio. Na súa prestancia asoma unha complicidade longal e eu sei que, cando me espreguizo, ela estira comigo todas as súas utopías. E intúo que conxuga coa súa mirada algúns dos segredos que me habitan.