Tras “Unhas poucas picadelas” producido no 2016, Teatro de Ningures volve ás táboas con “As Gardiás”, un texto de Násser Djemaï dirixido por Cristina Domínguez.
“As Gardiás” estrearase o vindeiro 9 de novembro de 2024 en Cangas e porá en escena por primeira vez no Estado un texto de Násser Djemaï.
O espectáculo
O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se atopa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria textil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade.
Ficha artística
Autoría: Násser Djemaï
Dirección: Cristina Domínguez
Reparto:
Susana: Casilda Alfaro
Ana: Rebeca Montero
Margot: Sonia Rúa
Rosa: Amparo Martínez
Vitoria: Melania Cruz
Tradución: Henrique Harguindey
Adaptación: Vanesa Sotelo
Deseño Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
Deseño Gráfico, Fotografía, Cartel e Programa: Diego Seixo
Espazo Sonoro: Héctor Pazos
Deseño Iluminación: Héctor Pazos/Salvador del Río
Dirección de produción: Salvador del Río
Produce: Teatro de Ningures
Axuda á creación: Xunta de Galicia a través da AGADIC
AS GARDIÁS reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da comunidade. O autor francés, Násser Djemaï, narra con sensibilidade a resistencia destas “gardiás” contra a inclemente modernidade. A peza explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, interpelándonos sobre como, onde e con quen queremos envellecer.
O espectáculo orixinal está de xira en Francia con moi boas críticas dende a súa estrea en 2022. Este é o teaser do espectáculo na súa versión en francés:
A compañía
Despois de trinta e oito anos de teatro profesional, Teatro de Ningures (fundada en 1986) reúne unha serie de recursos técnicos, humanos e materiais que fan desta empresa unha das máis estables de Galicia e un punto de encontro indispensable para os profesionais e creadores desta zona, así como unha referencia no panorama teatral galego. Conta cun elenco estable formado polas catro socias fundadoras da empresa (Casilda Alfaro, Sonia Rúa, Pepa Barreiro e Salvador do Río), ademais dun amplo número de actores e actrices que de unha forma ininterrompida estiveron traballando nos últimos anos en varias producións teatrais.
Ao longo de toda esta traxectoria leváronse a escena 32 obras de teatro de autores tanto clásicos como contemporáneos, estando presentes nas redes e circuítos de distribución tanto de Galicia como a nivel nacional, en numerosos festivais, mostras e certames en Asturias, Madrid, Castela-León, Euskadi, Valencia, Portugal, etc…
Desde 2017 vense realizando cada ano a produción do macroespectáculo Defensa da Vila. María Soliña, recreación histórica do ataque sufrido pola Vila de Cangas por parte de piratas berberiscos que desencadenou a traxedia de María Soliña, onde interveñen ademais de actores e actrices, bailaríns e músicos profesionais máis de 100 persoas relacionadas coas asociacións culturais da zona.
O noso obxectivo principal é a posta en escena de autores tanto clásicos como contemporáneos, tratando de tocar temáticas de actualidade e ser un espazo aberto de debate e reflexión dos problemas que afectan tanto aos individuos como á sociedade na que vivimos.
O autor
Nasser Djemaï, graduado da École Nationale de la Comédie de Saint-Étienne e da Birmingham School of Speech and Drama en Gran Bretaña, comenzou a traballar con René Loyon, Daniel Benoin e Robert Cantarella. Continuou a súa formación actoral con Philippe Adrien, Alain Françon, Joël Jouanneau, Georges Lavaudant antes de interpretar e dirixir os seus propios textos.
Unha estrela para o Nadal , un espectáculo en solitario inspirado na súa vida, foi creado na Maison des Métallos de París en 2005 e representarase máis de 500 veces en Francia e no estranxeiro entre 2005 e 2012.
A seguir Les Vipères se parfument. au jasmin en 2008, logo Invisibles , en 2011, creado en MC2: Grenoble.
Nasser Djemaï recibiu tres nominacións aos premios Molières 2014 nas categorías de Autor francófono, Director de teatro público e Espectáculo de teatro público, así como o premio SACD Novos Talentos de Teatro.
Desde o 1 de xaneiro de 2021, Nasser Djemaï é director do Théâtre des Quartiers d’Ivry – CDN du Val-de -Marne. Les Gardiennes , séptima creación, viu a luz no TQI o 9 de novembro de 2022.
Algunhas cuestións sobre a produción
-O autor Nasser Djemaï non foi aínda levado ás táboas en galego nin en castelán. Como foi o encontro coa súa obra?
Nasser Djmai é un sólido e solvente autor e director de escena francés, que trata temas apegados á actualidade, recoñecibles para as clases populares. Foi na procura de materiais de interese para o grupo, e dentro do ámbito xeográfico europeo, que topamos este texto.
-E como decidides a selección desta súa última peza?
Despois dunha primeira tradución, feita por Quique Harguindey, optamos por tentar levar o texto á escena, debido á calidade da escrita, á universalidade do tema e a facilidade para adaptalo á realidade galega.
-A temática está de especial actualidade, quizáis porque nos decatamos agora de que envellecer require coidados ou que somos unha sociedade avellentada?
A temática foi fundamental, á hora de decidirnos a levar a cabo a montaxe., porque procurabamos un tema que estivese pegado á realidade e que fora de interese xeral. E nestes momentos, nos que vivimos unha sociedade envellecida, pero que non sabe que facer cos seus maiores cando deixan de ser persoas produtivas, pensamos que era o momento de propoñer o debate sobre como queremos vivir a nosa vellez.
-Bullying, maltrato, lgtbiq+, apariencia e consumismo, precarización laboral, … segue sendo unha ferramenta de loita social o teatro? un escaparate da realidade?
O teatro é a ferramenta máis asequible, debido á súa inmediatez, para propoñer conflitos, que nos movan, que nos fagan pensar, e por que non? que nos fagan actuar. Nós, con As gardiás queremos propoñer un debate, abrilo no palco, para que continúe no ámbito público, na rúa, e no ámbito privado, nas nosas casas, nos nosos grupos de amizade, etc.
-Convidaredes á estrea ao autor?
Cremos que sería óptimo topar o espazo axeitado para convidar ao autor, non só a ver a peza, senón tamén abrir un espazo de conversa para compartir os diferentes xeitos de traballar no ámbito escénico en Francia e en Galicia. Ningures leva anos entendendo a cultura coma un dereito, e recoñecendo ao público non só como mero consumidor, senón como protagonista da experiencia escénica. Un encontro co autor supón, pechar o círculo de dita experiencia.
*Na foto: lecturas iniciais durante o proceso de produción.
Máis información: teatrodeningures@gmail.com