Fallo do VII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA
Fran Fernández Dávila e Amauta Castro foron os autores galardoados na presente edición deste certame poético
No mediodía deste pasado venres, 15 de novembro de 2024, fallouse o VII Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ e a Xunta de Galicia.
O xurado, integrado por Adolfina Mesa, Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Cecilia F. Santomé e Xosé Otero Canto, decidiu por maioría de votos emitir o seguinte fallo:
Primeiro premio á obra ALBATROS, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, correspondía a Francisco Javier Fernández Dávila (Fran Fernández Dávila).
Segundo premio á obra A VASTEZA DO NÓ, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, pertencía a Rafael Xoán Muñoz Castro (Amauta Castro).
De ALBATROS o xurado dixo que amosa unha voz poética fresca cuns versos que retumban, que achegan a poesía a outras dimensións. Un poemario de vangarda, talvez unha bomba poética cuxos elementos van irradiar a outros eidos literarios ou non.
De A VASTEZA DO NÓ, o xurado destaca a composición de estrofas breves que poden lembrar á vertente poética grecolatina. Tamén destaca a creación de sinestesias de alto rendemento poético. A composición dun escenario do desexo, coa descuberta do corpo a través dunha linguaxe de gran acerto literario.
A entrega de premios celebrarase o vindeiro sábado 23 de novembro no local social de Pino.