por martinho | May 15, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro sábado 18 de maio ás 19:00 horas o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) presenta o libro AS FEIRAS DE MONTERROSO.
No acto de presentación, que se celebrará na sede do citado IEU en Monterroso, intervirán:
María José Gómez Alvite e Francisco Pardo Teijeiro, como coordinadores da publicación;
Adolfina Mesa, poeta e artista multidisciplinar;
Paco Ledo, poeta;
o escritor e poeta Toño Núñez;
Carlos Méndez Vázquez, socio fundador do IEU;
Jesús Otero, socio fundador do IEU;
Miguel Rico, alcalde de Monterroso.
A ilustración do cartaz, que tamén se amosa na portada do libro, é obra da artista Adolfina Mesa. Esa ilustración, xunto a outras máis, aparece en páxinas interiores incluída nun bloque temático propio.
Durante o desenvolvemento do acto terá lugar unha lectura de textos, con recitado de poemas por parte de poetas xa mencionados, como Adolfina Mesa ou Paco Ledo.
*Información facilitada polo Instituto de Estudos Ulloáns.
por martinho | May 8, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro xoves, 16 de maio, data anterior ao DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 19:30 horas na Librería Nube de Papel de Vilalba celebrarase a presentación do novo libro do escritor Toño Núñez, A GOTIÑA VIAXEIRA. Acto organizado conxuntamente por Culturalia GZ e Nube de Papel.
Nese acto acompañarán ao citado autor, o escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, e Lorena Lagüela, por Nube de Papel.
Amenizará o desenvolvemento do evento a actuación do cuarteto poético-musical Corredores de Sombras (Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk Domínguez de Naveiras e Rosana Domínguez).
A GOTIÑA VIAXEIRA é un “conto infantil que narra as aventuras dunha gotiña de auga que, durmida un día na praia evapórase e perde ás súas compañeiras. Inclúe cd audiovisual con imaxes, narración e canción”.
*A autoría do cartel anunciador é da artista Adolfina Mesa.
por martinho | Mar 19, 2019 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro venres 22 de marzo, a partir das 20:30 horas no Centro Recreativo e Cultural de Chantada, terá lugar a presentación do último libro do poeta chantadés Anxo Boán Rodríguez que leva por título Déixame a lúa acesa.
Anxo Boán Rodríguez, nado en Sandiás (Vilaúxe, Chantada) o 7 de abril de 1961, é un e escritor e avogado galego.
A súa infancia na aldea, no mundo rural, marcará toda a súa obra literaria. Estudou no instituto chantadino Lama das Quendas e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Exerce a avogacía en Chantada.
Colaborou coa revista Xistral e o xornal lugués El Progreso. Comparte habitualmente as súas creacións poéticas nas redes sociais[.
O seu primeiro libro de poemas é As árbores das idades (2004). “As Árbores das Idades” é o primeiro poemario publicado polo autor e debe o título a un dos poemas dedicados a todos aqueles que emigraron a ultramar a mediados do século pasado e que xa non retornaron ou cando o fixeron todo era diferente. En cada unha das árbores que bebían na beira do rigueiro era unha etapa na vida que se ía esfumando no emigrante protagonista do poema
Continuou con Poemas para unha alma ferida (2016), con Limiar de Xosé Lois García Fernández: “Poemas para unha alma ferida” conta con limiar e comentarios do prestixioso poeta e historiador Xosé Lois García, e o eixe fundamental da obra contén un heptapoemario de laio e doer de Marian que acaba de perder ao seu fillo traxicamente. Son poemas de musicalidade redactados de maneira sinxela e concisa que levan mensaxes e esperanza a Marian e a todos aqueles que soportan a pesada carga da traxedia e da ausencia
En 2017 publicou Corenta sonetos de amor e conforto, con Epílogo de Xulio López Valcárcel. Non abonda ao poeta coller un papel, e escribir frases ben compasadas, sexan frases libres ou ben rimadas, cando a musa non quere estar con el.
“Ser poeta é ser a pedra e o cicel,
un escultor das musas inspiradas,
un trobador para almas apaixoadas,
e un azoute para o corazón cruel”
Estamos ante un poemario que é un soporte de fidelidade á nosa lingua, de dignidade ao noso país e de aprendizaxe nos bos desexos e vontades dun amor lúcido e transparente. A persoalísima riqueza de obedecer aos desexos do amor soñado, desexado ou conquistado, maniféstase neste libro dunha maneira moi contundente (Xosé Lois García.
En 2018 publicou o poemario Déixame a lúa acesa. Segundo a editora: “O lector axiña identificará a musa do poeta coa súa propia namorada ou namorado, pretendida ou pretendido”. Xosé M. Eyré sinala no limiar: “Entréganos así un poemario de expresividade limpa, clásica nos días que corren, que recupera a métrica e a rima e, sobre todo, o fulgor do sentimento como motor da vida”.
Tamén escribiu narrativa, As cousas do Fuco (2016), con limiar de Pablo Rubén Eyré: O autor retrátanos a vida dun neno que tiña que axudar nos traballos agrícolas dos seus pais como realidade social no mundo rural da Galicia profunda a finais dos anos 1970. O neno protagonista deste relato, chamado Fuco, escribe nun caderno íntimo e persoal as súas vivencias narradas en primeira persoa. Faino coas expresións populares propias do xeito de falar do rural da vila chantadina, onde naceu o autor, quen, á súa vez, ao longo deste relato, mantén conversas co neno protagonista da obra, que acaba entregándolle o caderno escrito de forma tan natural como sinxela
Para Xosé Lois García: Por tanto, Sandiás é o epicentro dunha cultura nutrida entre a ribeira e as valgadas altas de Vilauxe. Un espazo transversal e poliédrico que transmite as esencias mais puras para que unha sensibilidade tan adherida a seu medio manifeste neste libro oito capítulos ou secuencias sobre as andanzas de Fuco, que non deixa de ser unha autobiografía -supoño- como acontece neste tipo de literatura infantil que, na maioría dos casos non deixa de ser allea aos adultos.
Segundo Alfredo Pardo: Anxo Boán puntualiza unha narrativa tendencialmente realista, contribuíndo notablemente e de forma crítica sobre a marxinación de certas palabras, usos e costumes lingüísticas.
Publicacións
Poesía
- As árbores das idades (2004).
- Poemas para unha alma ferida (2016). Corona del Sur.
- Corenta sonetos de amor e conforto (2017). Ed. Círculo Rojo.
- Déixame a lúa acesa (2018). Ed. Círculo Rojo. 90 páxs. Ilustracións de Miranda García Fonseca.
Narrativa
- As cousas do Fuco (2016). Letras de Autor.
Premios
- En 1976 foi premiado no Certame literario convocado pola asociación cultural Lumieira de Chantada pola obra de teatro Traxicomedia de Luís e Margarita
- En 1976 foi premiado no Certame convocado polo Círculo Recreativo e Cultural de Chantada pola obra de teatro Nadal Tráxico
- En 1980 foi premiado polo INMB de Chantada polo poema Camiñando de noite
- En 2001 gañou o premio Xohán de Requeixo
- En 2011 gaña o premio de xornalismo “Moncho do Pío” por un artigo no Xornal El Progreso sobre a muller traballadora na Ribeira Sacra chantadina
Na seguinte imaxe pódese observar con total detalle o programa de dito evento literario.
por martinho | May 22, 2017 | Autores/as, Creación
Cantigas para aprender a soñar…
Dende o corazón da Terra Chá, aló onde sentou cátedra o Manuel María (que terá a Terra Chá, que tantos poetas e poesía dá)… Pois… dicía que, dende o corazón da Terra Chá, vese ben o ceo todo. Pero para ver ben todo o ceo non chega con ter boa vista, nin aparellos tecnolóxicos… Non, non… Para ver ben o ceo precísanse dúas cousas máis importantes: amor e sensibilidade. Boa vista e aparellos tecnolóxicos poden telos moitas persoas; amor e sensibilidade… xa non tantas… Pero María Xosé Lamas, aquela nena-adolescente-moza de Vilapedre, tenas a mans cheas. E, por iso, soubo mirar para o ceo con amor de nai, de tía e, mesmo, de profesora. E isto é moito amor… E coa sensibilidade de muller poeta, que é o que é esta chairega; dende a cabeza até os pés, e dende a epiderme ata a médula… deulle por escribir. E, con tanto amor e sensibilidade, escribiu estas Cantigas para aprender a soñar. Poesía doce coma o mesmo mel e tenra coma un abrocho de roseira en flor… Ou coma un bico de nena… Poesía chea de musicalidade… Poesía para nenas e nenos… Só para nenas e nenos? A min gústame tanto…
Porque nela hai… iso: sensibilidade, tenrura, amor, delicadeza, música, soños… Pero, tamén, unha lingua escollida, unha lingua de namorar, unha lingua de regueifa… E imaxes frescas e gorentosas… E lugares marabillosos onde aniñan a curiosidade e a fantasía… Así, con todos estes ingredientes, e con todo ese amor de neta, de filla, de nai, de tía… e de profesora, cociñou María Xosé, con lume lento e con mans amorosas, este feixe de versos; versos que alimentan e que saben… a pan de caramelo.
Deste xeito, con ollos de nena da Terra Chá, mirou esta muller poeta para o ceo inmenso e viu, nas noitiñas mornas do verán, e nas frías e longas noites de invernía, como a raíña do firmamento, esa raíña xitana, ía mudando de cara. E ía gobernando a vida, a nosa vida. Viu, así, con eses ollos grandes de nena, primeiro, a lúa nena. E cantoulle a súa cantiga:
Tan só amosando
a metade da cara,
vén cantando a lúa
unha doce nana.
…
“Durme meu ruliño,
que te hei levar
por riba dos montes,
dos vales… e do mar.
E despois viuna medrar, até facerse moza e dixo:
…
A xigante lúa
coroando o ceo,
coida das estrelas
que hai no firmamento.
No escuro da noite,
co seu branco veo,
entoa cantigas
que quitan o medo.
…
E máis despois, viuna, sorprendida e tristeira, viuna encoller… Ai… pero, aos poucos, entusiasmada, ollouna renacer… E comparouna, incrédula, cun círculo:
…
Un círculo negro
raiado con liñas…
Como vai ser esa
a lúa noviña?
E quedou durmida… Mais… cando espertou, abriu o ollos e… mamaíña! No canto da lúa, unha enorme bóla de ouro ocupara o trono da lúa lueira… E cavilou que eran noivos:
O noivo da lúa
Catalina é o sol,
chámase Lourenzo
como un gran señor.
…
E comprobou, tamén, como o sol mudaba a fasquía da paisaxe. E, dixo:
Durante o verán,
quentando e alumando,
o sol decorou
de ocre os prados…
…
Agora no outono
salouca tristeiro
porque o vento tolo
con sopro lixeiro
espallou as follas
polo chan deitado.
Que bágoas de choiva!
Todo está mollado!
E foille cantando, feliz e ditosa, ao sol todo o ano:
Polo inverno:
Tremendo de frío,
detrás dos nubeiros,
ben agochadiño,
agarda Lourenzo.
…
Mais, de vez en cando,
dende o brando niño,
mándanos un raio
brillante e morniño.
E, en chegando a primavera, renovou o seu canto:
O sol espertou
da noite calada;
os paxaros volven
a facer niñada…
…
Ás veces o ceo
fica anubrado,
agochando o sol
detrás dun gris manto.
Cando temos frío,
só hai que chamalo…
baixiño, baixiño…
E vén de contado!
E, cantando e cantando, foi facendo un río de versos… Porque, en vendo as xentes do ceo o ben que cantaba esta muller, os cometas, as estrelas fugaces, e aínda os planetas, tamén lle pediron a súa canción. E tivérona. E foron felices, sen comeren perdices nin nada diso, só cos versos, coas cantigas e coa música de María Xosé.
Pero… un día… non saíu o sol… Nin asomou a lúa. Tampouco houbo estrelas fugaces. Nin cometas. Nin planetas… Porque reinaba, aquela noite, a escuridade con todo o seu negror, a raíña das tebras. E, daquela, aló pola beira do embigo, comezou a sentir así como un bule-bule de congoxa. E a noite foi medrando e a congoxa volveuse un algo de medo, un mediño pequeno…pequeno… E, para escorrentalo, botouse a cantar:
A noite tan negra,
tan longa e escura,
dáme moito medo
se non sae a lúa.
…
Que medo me acode
cando estou soíña!
A casa é un castelo,
do patio á cociña.
Cheo de pantasmas,
de ogros e meigas,
e de homes do saco
que sacan manteigas.
E, así, cantando, cantando, foise quedando durmida, durmida, durmida… E soñou… Soñou con cantigas, con amenceres, con música de paxariños…
Ata que, de mañanciña, un raíño de sol coouse pola ventá e…
Por detrás dos montes
de cor azulada,
aparece o sol
estreando a alba.
…
De pé, sobre a alfombra,
ollo cara a fiestra…
Un día de sol…
Un día de festa!
Despois foi ao colexio e, polo mediar da mañá…
Son as once e media,
comeza o recreo.
Todos a xogar
baixo o azul do ceo!
…
Cando soa o timbre,
que susto levamos!
Rematou o xogo
e volve o traballo.
E foi camiñando o día… E chegou a merenda…
Galletas con queixo,
chocolate e pan,
biscoitos, marmelo,
torta de mazá…
E a tardiña foi pasando… E a noite foise achegando…
O día está rematando
e a noite a espertar,
dende a fiestra do meu cuarto
vese xa á lúa asomar.
No horizonte lonxicuo
adormece o sol morniño,
polos nubeiros tapado
coma se fose un meniño.
…
A cama por min agarda
cos brazos de lenzo abertos
e a brandiña almofada
tamén agarda en silencio…
que nela os cabelos pouse
para acaricialos tenra
mentres o meu maxín voe
por entre as máxicas letras
dun libro que ficará
comigo nun intre inerte
cando as meniñas, xa cansas,
entre as pálpebras se pechen.
E foron pasando os días da semana… E os meses do ano… E, cos meses, as estacións… A primeiriña… ah… a primavera!
Xa estamos na primavera,
anuncia o cuco cucando;
a escura noite xa mingua,
o día xa vai medrando.
Despois, coma un lume poderoso, fíxose rei o verán…
O verán pasea contento
co sorriso despregado
soprando o seu quente alento!
E aínda despois, apareceu por alí un señor de longas barbas e guedellas chamado Outono con pintas de bonachón. Era un extraordinario pintor de follas… E os nenos preguntaban… Quen será este vello? Que virá facer aquí?
Tinguirei de vellos ocres
as árbores dos outeiros
e as follas voarán lonxe
en remuíños eternos.
E así… foron devecendo os días… E fuxiron as andoriñas… E viñeron os cogomelos, as abelás, as castañas… E as xeadas de xaneiro… E reinou o inverno…
Amence o día! Todo xeado!
Non sopra o vento! Todo está calmo!
Todo está triste! Todo aquelado!
E…
Colorín colorado…
Este fermoso conto queda…
Contado!!!
*Texto facilitado por Toño Núñez, e que pronunciou a dúo coa autora do poemario, María Xosé Lamas, durante a presentación de CANTIGAS PARA APRENDER A SOÑAR na Feira do Libro de Lugo.
por martinho | May 10, 2017
Dentro do seu itinerario de presentacións, o poemario CANTIGAS PARA APRENDER A SOÑAR da escritora María Xosé Lamas fará a súa próxima parada na Feira do Libro de Lugo o vindeiro domingo, día 21 de maio ás 13 h. Nesa presentación acompañará á citada autora do libro o tamén escritor Toño Núñez.