Acto poético-musical en homenaxe a Rosalía de Castro na Deputación de Lugo

venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical, no que as voces de Xosé Otero Canto, Adela Figueroa, Ana Mar Fraga Rábade, Ana Gamallo, Fernando García, Ánxela Gracián, Chelo Gayoso, Paco Ledo, Dulce María López, Emilia Martínez Fuentes, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Conchita Paz, Luisa Paz, Xosé Pedreira, Ana Rey, Isabel Rodríguez, Xosé Carlos Ulloa e Branca Villar porán corpo poético aos versos de “Follas Novas”, “Cantares Galegos” e demais obras da escritora homenaxeada, ou aos de propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais. O evento estará conducido por Montse González Álvarez.

O IEU e os Cantares de Cego na Feira de Santos de Monterroso 2019

O IEU participa con diferentes actividades nas feiras comarcais máis destacadas, como as Feiras do Libro, Feiras do Queixo da Ulloa, Feira dos Bicos. E non podía faltar na feira das feiras que é a de Santos de Monterroso (1 de novembro de 2019). Este ano organizan, en colaboración co Concello de Monterroso, os Cantares de Cego, recuperando unha vella tradición e a idiosincrasia da feira monterrosina. Contarán coa actuación do socio, o escritor, poeta e cantor Toño Núñez; do animoso acordeonista Xosé Manuel Miguélez de Santo Xusto; e do pícaro máis ocorrente, Brais Gayoso. Tres personaxes que darán moito que falar. As actuacións, como se facía tradicionalmente, non terán lugar nun espazo único nin a unha hora determinada, senón que os actores percorrerán a feira, e alí onde haxa un lugar axeitado e concorrido interpretarán os seus romances. Unha cita imprescindible.

Máis infomación en http://ieu.gal/actuacions/

I ENCORO POÉTICO MUSICAL NA VILA DE NAVIA

O vindeiro 11 de agosto de 2019, desde as 12 horas, celebrarase o I ENCORO POÉTICO MUSICAL NA VILA DE NAVIA. Un completo evento cultural, presentado polo escritor e poeta naviego Toño Núñez, no que se desenvolverán diversas actividades coas que entreter ás persoas asistentes.

Velaí vai o programa:

De 12:00 a 14:00 (aprox.)

Paseo literario polas rúas e prazas de Navia e o entorno

De 14:00 a 16:00 (aprox.)

Xantar. Opcións:

  • Xantar libre
  • Xantar común onde cada quen leva o que quere para si e, mesmo, para compartir (lugar por decidir)

De 16:00 a 17:50 (aprox.)

Tempo libre

De 18:00 a 21:00 (aprox.)

Recital Poético Musical na Praza do Chan da Torre

CORREDORES DE SOMBRA actuarán no ciclo “Música na rúa” en Vilalba

Corredores De Sombra

O grupo poético-musical Corredores De Sombra contará cunha nova voz para sumar ao cuarteto que xa forman Rosana Domínguez, Carme Mato, Baruk Domínguez e Pilar Maseda. Trátase do poeta e escritor naviego Toño Núñez.

E a primeira actuación onde se poderá gozar deste novo quinteto será o vindeiro 3 de Agosto de 2019 durante o ciclo Música na rúa, que organiza o Concello de Vilalba como actividade para o período estival.

Música e Poesía para estes novos tempos a cargo de Corredores De Sombra.

*Información facilitada por Corredores de Sombra.

Acto de presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO, do Instituto de Estudos Ulloáns

Este pasado sábado, 18 de maio, ás 19:00 horas o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) presentou o libro AS FEIRAS DE MONTERROSO na súa sede situada na vila monterrosina.

No acto de presentación participaron:

María José Gómez Alvite e Francisco Pardo Teijeiro, como coordinadores da publicación, foron desfiañando de xeito breve as colaboracións das persoas que participaron nesta publicación, ao tempo que agradecían as mesmas.

Adolfina Mesa, poeta e artista multidisciplinar, autora da ilustración do cartaz anunciador, que tamén se amosa na portada do libro, e que xunto a outras máis, aparecen en páxinas interiores incluídas nun bloque temático da Pintura. Adolfina, ademais de agradecer a súa colaboración neste libro, aproveitou para dar unha breve explicación do contido reflectido nas publicacións e recitar un poema da súa autoría sobre a temática das feiras de Monterroso.

Paco Ledo, o poeta labrego, declamou, co sentir propio dunha persoa enraizada á terra e ás tradicións, os dous poemas cos que colaborou.

O tamén escritor e poeta Toño Núñez amenizou momentos da xuntanza co seu recitado e, por veces, cantado do “cantar de cego” SE TI VISES O QUE EU VIN, que el mesmo escribiu como galano literario para esta publicación do IEU.

Outras voces que participaron foron as do sacerdote Carlos Méndez Vázquez, socio fundador do IEU, Jesús Otero Pereiras, Xosé Luís Santiso García, Montserrat Pérez Paredes, Fernando García Penas, Divina Pérez Viña, Cristina Varela Cadahía… e Miguel Rico, alcalde de Monterroso.

Velaquí unha breve galería fotográfica que recolle momentos do acto de presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO.

*Información recollida na sede do Instituto de Estudos Ulloáns.