Teatro de Ningures volve subir ás táboas coa obra AS GARDIÁS

Tras “Unhas poucas picadelas” producido no 2016, Teatro de Ningures volve ás táboas con “As Gardiás”, un texto de Násser Djemaï dirixido por Cristina Domínguez. 

“As Gardiás” estrearase o vindeiro 9 de novembro de 2024 en Cangas e porá en escena por primeira vez no Estado un texto de Násser Djemaï.

O espectáculo

O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se atopa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria textil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade.

Ficha artística

Autoría: Násser Djemaï

Dirección: Cristina Domínguez

Reparto:

Susana: Casilda Alfaro

Ana: Rebeca Montero

Margot: Sonia Rúa

Rosa: Amparo Martínez

Vitoria: Melania Cruz

Tradución: Henrique Harguindey

Adaptación: Vanesa Sotelo

Deseño Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso

Deseño Gráfico, Fotografía, Cartel e Programa: Diego Seixo

Espazo Sonoro: Héctor Pazos

Deseño Iluminación: Héctor Pazos/Salvador del Río

Dirección de produción: Salvador del Río

Produce: Teatro de Ningures

Axuda á creación: Xunta de Galicia a través da AGADIC

AS GARDIÁS reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da comunidade. O autor francés, Násser Djemaï, narra con sensibilidade a resistencia destas “gardiás” contra a inclemente modernidade. A peza explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, interpelándonos sobre como, onde e con quen queremos envellecer.

O espectáculo orixinal está de xira en Francia con moi boas críticas dende a súa estrea en 2022. Este é o teaser do espectáculo na súa versión en francés: 


A compañía

Despois de trinta e oito anos de teatro profesional, Teatro de  Ningures (fundada en 1986) reúne unha serie de recursos técnicos, humanos e materiais que fan desta empresa unha das máis estables de Galicia e un punto de encontro indispensable para os profesionais e creadores desta zona, así como unha referencia no panorama teatral galego. Conta cun elenco estable formado polas catro socias fundadoras da empresa (Casilda Alfaro, Sonia Rúa,  Pepa Barreiro e Salvador do Río), ademais dun amplo número de actores e actrices que de  unha forma ininterrompida estiveron traballando nos últimos anos en varias producións teatrais.

Ao longo de toda esta traxectoria leváronse a escena 32 obras de teatro de autores tanto clásicos como contemporáneos, estando presentes nas redes e  circuítos de distribución tanto de Galicia como a nivel nacional, en numerosos festivais, mostras e certames en Asturias, Madrid, Castela-León, Euskadi, Valencia, Portugal, etc…

Desde 2017 vense realizando cada ano a produción do  macroespectáculo Defensa da Vila. María  Soliña, recreación histórica do ataque sufrido pola Vila de Cangas por parte de piratas berberiscos que desencadenou a traxedia de María Soliña, onde interveñen ademais de actores e actrices, bailaríns e músicos profesionais máis de 100 persoas relacionadas coas asociacións culturais da zona.

O noso obxectivo principal é a posta en escena de autores tanto clásicos como contemporáneos, tratando de tocar temáticas de actualidade e ser un espazo aberto de debate e reflexión dos problemas que afectan tanto aos individuos como á sociedade na que vivimos.

O autor

Nasser Djemaï, graduado da École Nationale de la Comédie de Saint-Étienne e da Birmingham School of Speech and Drama en Gran Bretaña, comenzou a traballar con René Loyon, Daniel Benoin e Robert Cantarella. Continuou a súa formación actoral con Philippe Adrien, Alain Françon, Joël Jouanneau, Georges Lavaudant antes de interpretar e dirixir os seus propios textos.

Unha estrela para o Nadal , un espectáculo en solitario inspirado na súa vida, foi creado na Maison des Métallos de París en 2005 e representarase máis de 500 veces en Francia e no estranxeiro entre 2005 e 2012.           
A seguir Les Vipères se parfument. au jasmin en 2008, logo Invisibles , en 2011, creado en MC2: Grenoble.           

Nasser Djemaï recibiu tres nominacións aos premios Molières 2014 nas categorías de Autor francófono, Director de teatro público e Espectáculo de teatro público, así como o premio SACD Novos Talentos de Teatro.           

Desde o 1 de xaneiro de 2021, Nasser Djemaï é director do Théâtre des Quartiers d’Ivry – CDN du Val-de -Marne.  Les Gardiennes , séptima creación, viu a luz no TQI o 9 de novembro de 2022.    



Algunhas cuestións sobre a produción

-O autor Nasser Djemaï non foi aínda levado ás táboas en galego nin en castelán. Como foi o encontro coa súa obra?

Nasser Djmai é un sólido e solvente autor e director de escena francés, que trata temas apegados á actualidade, recoñecibles para as clases populares. Foi na procura de materiais de interese para o grupo, e dentro do ámbito xeográfico europeo, que topamos este texto.

-E como decidides a selección desta súa última peza?

Despois dunha primeira tradución, feita por Quique Harguindey, optamos por tentar levar o texto á escena, debido á calidade da escrita, á universalidade do tema e a facilidade para adaptalo á realidade galega.

-A temática está de especial actualidade, quizáis porque nos decatamos agora de que envellecer require coidados ou que somos unha sociedade avellentada?

A temática foi fundamental, á hora de decidirnos a levar a cabo a montaxe., porque procurabamos un tema que estivese pegado á realidade e que fora de interese xeral. E nestes momentos, nos que vivimos unha sociedade envellecida, pero que non sabe que facer cos seus maiores cando deixan de ser persoas produtivas, pensamos que era o momento de propoñer o debate sobre como queremos vivir a nosa vellez.

-Bullying, maltrato, lgtbiq+,  apariencia e consumismo, precarización laboral, … segue sendo unha ferramenta de loita social o teatro? un escaparate da realidade?

O teatro é a ferramenta máis asequible, debido á súa inmediatez, para propoñer conflitos, que nos movan, que nos fagan pensar, e por que non? que nos fagan actuar. Nós, con As gardiás queremos propoñer un debate, abrilo no palco, para que continúe no ámbito público, na rúa, e no ámbito privado, nas nosas casas, nos nosos grupos de amizade, etc.

-Convidaredes á estrea ao autor?

Cremos que sería óptimo topar o espazo axeitado  para convidar ao autor, non só a ver a peza, senón tamén abrir un espazo de conversa para compartir os diferentes xeitos de traballar no ámbito escénico en Francia e en Galicia. Ningures leva anos entendendo a cultura coma un dereito, e recoñecendo ao público non só como mero consumidor, senón como protagonista da experiencia escénica. Un encontro co autor supón, pechar o círculo de dita experiencia.

*Na foto: lecturas iniciais durante o proceso de produción.

Máis información: teatrodeningures@gmail.com