Presentación do libro FRAGOR DO URDIDO, de Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval, na Casa da Cultura de Vilalba

Este venres, 20 de setembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a presentación da obra Fragor do urdido, da poeta Eva Veiga e do tamén poeta e narrador Francisco X. Fernández Naval. A edición da obra correu a cargo de Belagua Ediciones y Comunicación.

Na presentación, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Vilalba e a web Culturalia GZ, acompañarán aos autores da obra, a Concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez López, e o Administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda.

A eumesa Eva Veiga é unha das voces salientables dentro do panorama poético galego. Leva publicados unha ducia de poemarios, entre eles A luz e as súas cicatrices (2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e premio Poesía da AELG), Soño e vértice (2016, premio Poesía Concello de Carral e premio da Critica Española en galego). Canda os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o pintor Alfonso Costa forma o Grupo Ouriol. Sen esquecer as súas colaboracións como actriz e guionista coa cineasta Margarita Ledo Andión.

O ourensán Francisco X. Fernández Naval, poeta e narrador, coincide coa súa compañeira de autoría en FRAGOR DO URDIDO no número de libros de poesía publicados en distintos lugares da orbe (Galicia, París, México ou Nova York, salientando títulos coma Mar de Lira (2005, 2023), Miño (2007, premio Poesía Cidade de Ourense), Bater de sombras (2010, premio Fiz Vergara Vilariño), Nova York: ceo e mazá (2007, edición trilingüe). A súa obra poética está traducida a outras linguas.

Sobre a obra Fragor do urdido, que este venres se presenta na capitalidade chairega, recollendo palabras incluídas no seu prólogo, dicir que é unha intervención poética sobre un tempo confinado, o da pandemia por Covid-19. A poesía como exercicio creativo que é movemento de apertura e liberación. (…) O resultado é un conxunto de cincuenta poemas sen ningunha marca de autoría de modo que a particular subxectividade, tan propia do xénero poético, perde importancia a prol desa voz colectiva ou fonte común da que, ao cabo, emerxe toda obra artística.

*Imaxes tomadas da internet

Andrea Fernández Maneiro gaña a 50ª edición do Certame Literario do Concello de Vilaba coa obra ‘Meridiano Orixe’

Andrea Fernández Maneiro gaña a 50ª edición do Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra Meridiano Orixe

Baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Tamara Rodriguez e actuando como Secretaria a Técnico de Cultura, Sonia García Paredes, o xurado integrado pola escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé; Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia, Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.

ACTA DO XURADO

Andrea Fdez. Maneiro, nada en Carril-Vilagarcía de Arousa (10/2/64) é locutora de radio “de vocación e profesión”. Traballou na Cadena Ser, na Radio Galega e en varias emisoras municipais, mais agora só exerce moi de cando en vez e padece do mono das ondas de xeito persistente, despois de máis de quince anos de deixalo.

Ela mesma chega a afirmar que o seu hábitat natural é a poesía, en letra e imaxe; aínda que ás veces déixase levar pola atracción narrativa do microrrelato.

OBRA

É autora dunha variada obra literaria entre a que podemos destacar títulos como:

Migratoria, Medulia Editorial (2020), Edénicas (Editorial Caldeirón), Contra-Tempos (Editorial Tristam), Voto de silencio (Medulia Editorial), Tango de xiro e traspé, poema incuído no libro colectivo Oroza 100, Asociación Cultural Évame Oroza. Ademais de colaboracións en diversas revistas dixitais.

PREMIOS

A traxectoria literaria de Andrea Fernández Maneiro tamén se ve refrendada polos premios literarios acadados. Velaí unha relación dos mesmos:

• Finalista co poemario “Álxia” no I Certame de poesía Florencio Delgado Gurriarán, 2018.

• Finalista do premio de microrrelatos das Mulleres Progresistas de Vigo, 2019

• Finalista co poemario “Migratoria” do VIII Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro

• 2º premio de microrrelatos de Mulleres Progresistas de Vigo, 2020

• 2º premio Vilariñas, 2020

• 1º premio co libro Inventario dun adeus. Expiatoria, da IX edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, 2020.

• 1º premio, co poemario Contra-Tempos, do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba, 2021

• 1º premio do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, co poemario Edénicas.

• 1º premio co libro Voto de Silencio do IV premio de poesía Eduardo Pondal

A cerimonia de entrega do premio deste 50º Certame Literario do Concello de Vilalba terá lugar o vindeiro 30 de agosto no Auditorio Municipal de Vilalba, coincidindo cos actos principais das festas patronais da vila chairega.

*Imaxes da autora: Arquivo fotoográfico da AELG, autoría Distrito Xermar, 2022