Presentación da exposición SUBIR AO CEO, de Alejandro Rego, na Galería NÉBOA
A Galería NÉBOA presenta Subir ao ceo, exposición individual de Alejandro Rego (A Coruña, 1993).
O vindeiro sábado 15 de febreiro ás 12:30h inaugúrase Subir ao ceo, a nova exposición individual do artista Alejandro Rego (A Coruña, 1993). A mostra, que poderá visitarse ata o 29 de marzo, explora a fronteira entre a pintura e a fotografía a través dun enfoque visual innovador e reflexivo, facendo do ceo un espazo de experimentación artística.
Un lenzo “en branco”, pero de cor azul. A posibilidade de facer unha pintura abstracta coa cámara de fotos. Unha pintura que se modifica continuamente, que sempre é diferente, sempre nova. E, sen embargo, sempre a mesma.
O ceo é un lugar de experimentación. Un lugar onde buscar a fronteira entre a pintura e a fotografía, entre a abstracción e a representación. As variacións, nun só día, son infinitas.
A serie de obras que se presenta na galería NÉBOA xorde dunha selección de polaroids de formato minúsculo (6 x 6 cm) que, paradoxalmente, intenta abarcar o inabarcable: a inmensidade do ceo.
O título da instalación, “Subir ao ceo”, responde a un dobre sentido. Por unha parte, literalmente, ao xesto de mirar cara arriba. Contemplar. Abstraerse mirando cara as nubes e contemplando a súa beleza, o seu carácter efémero e etéreo. Por outra parte, nun sentido metafórico, “Subir ao ceo” fala doutro tipo de abstracción. Unha abstracción que a arte, tradicionalmente, compartiu con outras disciplinas como a relixión, a meditación ou a filosofía. A abstracción que carrexa a busca dun sentido.
A través da mirada, trátase de atopar significado. Beleza. Orde. Harmonía. Moitas foron as formas de denominar ese algo. Algo que nos permita vivir en paz. Vivir en paz aquí abaixo.
A relixión cristiá, por exemplo, plantexou ese sentido como un ceo despois da vida, como unha segunda vida en lugar da morte. Non é vontade deste proxecto a busca dese paraíso prometido pola Igrexa (aínda que o tema representado implica, non se pode negar, este tipo de connotación); ao contrario, trátase aquí de explorar esa fonte de beleza constante, ese manancial visual que non se seca, que é o ceo.
É difícil, en definitiva, engadir moito máis. Porque é difícil “poñer palabras ao ceo”. Algo tan inmensurábel como o ceo non se define facilmente. É difícil falar daquilo que nos cativa visualmente.
O propio feito de crear algo visual, de expresarse a través das imaxes, é consecuencia, a miúdo, da incapacidade para dicir o mundo por escrito. Ás veces, en resumo, é mellor calar e deixar que os ollos falen.
Ludwig Wittgenstein, ao remate do Tractatus: “Sobre o que non se pode falar, mellor é gardar silencio”.
Alejandro Rego (A Coruña, 1993) é licenciado en Filosofía pola Universidade de París-Sorbona e ten un Máster en Fotografía na Escola PIC.A-PHotoEspaña de Alcobendas, Madrid. Participou en diversas exposicións individuais e colectivas tanto en España como en Francia, entre as que destacan: Haikus (Lou Pascalou, París, 2017, e Fórum Metropolitano, A Coruña, 2018), A Chaira. Imaxes dunha terra en calma (Alexandre Bóveda, A Coruña, e Festival de Pardiñas, Lugo, 2018), El espacio intermedio (colectiva, Centro de Arte de Alcobendas, PHE 19, 2019), Cuatro esquinas (Galería Spazo, A Coruña, 2019), Xuventude Crea (colectiva, Igrexa da Universidade, Santiago de Compostela, 2018 e 2020), Novos Valores 2020 (colectiva, Museo de Belas Artes, Pontevedra, 2020), Galería (Sala El Águila, Madrid, 2021), PHE 21 (Sala El Águila, Madrid, 2021), La fatiga (Zlick, A Coruña, 2021), Poética de asfalto (A. C. Alexandre Bóveda, A Coruña, 2021), À propos d’un fleuve (Galerie Troismurs, Savennières (Angers), Francia, 2022), Estratexias de explotación (O Vello Cárcere, Lugo, 2023).
Así mesmo, a súa obra formou parte de festivais como Circulation(s). European Young Photography Festival (Le 104, París, Francia, 2019), PhotoSCHWEIZ 19 (Zúric, Suíza, 2019), os X Encontros de Artistas Novos da Cidade da Cultura (comisariados por Rafael Doctor, Santiago de Compostela, 2020) e PHotoEspaña 2021. No 2018 recibiu o premio Xuventude Crea da Xunta de Galicia na categoría de fotografía pola serie Still Life e o premio Viaxarte do Concello da Coruña pola serie Recuerdos compulsivos; en 2020, o premio Novos Valores, outorgado pola Deputación e o Museo de Belas Artes de Pontevedra. No 2021 publicou a súa primeira obra editorial, o fotozine La fatiga, editado pola editorial Amor de Madre.
Información práctica:
- Inauguración: sábado 15 de febreiro ás 12h30
- Lugar: Galería NÉBOA, Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
- Artista: Alejandro Rego
- Duración da exposición: 15 de febreiro – 29 de marzo