DEMIURXIA. “Seguir Camiñando” Patricia Torrado Queiruga
SEGUIR CAMIÑANDO
Cantaba Nancy Sinatra en 1966 “These boots are made for walking and that’s just what they’ll do” porque non queda máis que non decaer no camiño, malia os atrancos, malia quen non quere aprender, porque aínda nos quedan mistos para prender.
Así, outro novembro máis conmemórase o 25N, e nós e as nosas somos un simple número, unha cifra ancorada no calendario, somos un motivo para facer foto institucional de unidade e banalización das loitas, coma no 8M somos a escusa perfecta para que nos colexios e institutos se solvente a data cun mural de cartolina e papel maché, actividade na que “colaborarán” os concellos porque na axenda pública e política queda moi ben poñer un fondo violeta tralo emblema municipal.
De que serve todo isto se a desigualdade segue, nestes casos, agochada tras as alfombras? Se nos colexios e institutos o profesorado silencia as violencias machistas do propio claustro ou do alumnado e son corresponsables da non denuncia pública? Se politicamente non nos implicamos na non trivialización de condutas que restan moito de ser aceptables? Se non exercitamos á sociedade para que vexa tras cada aldraxe unha tara a denunciar?
Pois a loita contra o terrorismo machista está vencellada de xeito inexorable á defensa dunha igualdade que ten que ser per se.
Porque debemos ser conscientes que cando nunha mesma casa conviven homes e mulleres, que un home diga que “axuda” nos quefaceres domésticos isto é tamén violencia machista, pois o que debe reivindicar é un “eu fago” xa que a corresponsabilidade é un primeiro paso para a implementación desta igualdade da que falamos. Porque cando escoitamos que unha política di que xa existen cotas femininas en listaxes e en postos de traballo e dirección e iso conleva que “ao mellor” “un home moi formado non poida acceder a este posto” tamén é un xeito de violencia sobre nós. Porque esa oración sería impensable aplicada do revés.
Porque ao longo deste 2024 atopamos exoneración dunha parte da sociedade cara a un “home” que tivo a ben bicar sen o seu consentimento a unha deportista, porque se destapou no país veciño unha violación sistemática e sistémica dunha muller que tivo os arrestos de denuciar publicamente que a vergoña tiña que mudar de lado, porque aínda, por riba de sufrir violencia machista contra a súa persoa, non estaba disposta a ter que agocharse nunha sociedade que ten moito que mudar e moito que matinar sobre o que estamos a consentir. Porque vimos de vivir un xenocidio atroz contra un pobo no que mulleres e crianzas, inda tendo nome, son tamén un simple número, unha portentaxe, pois no informe da ONU emitido hai uns días afirmábase que o 70% dos mortos pola guerra en Gaza son mulleres e nenos co que descubrimos de novo, como di a filósofa Celia Amorós, que “o corpo das mulleres é un libro no que se inscriben as regras do patriarcado”, sobre todo, nas guerras.
De cote, a sociedade adoita pensar que coa implementación de protocolos, e a formulación de leis queda todo feito, mais, aínda que son parte fundamental de actuación, na maioría das veces quedan en papel mollado, en follas de col que darlle ás ovellas e é responsabilidade de todas as persoas, sexan do xénero que sexan, asumir que somos parte do problema e da solución.