O 11º Noia Harp Fest ofrecerá tres jornadas de música clásica, folk, experimental e jazz con bandas e arpistas chegadas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia contará este ano con seis escenarios: o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro únense aos situados na Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e a Praza do Tapal
O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, cun encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia e cunha foliada aberta á cidadanía
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, vén de presentar esta mañá o cartel e programación da súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto. Serán tres xornadas que se caracterizarán pola ampla pluralidade estilística, con concertos de folk, jazz ou clásica, e na que a protagonista absoluta será, de novo, a interpretación musical a través da arpa.
O Noia Harp Fest, que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, é o único evento do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa en toda a xeografía planetaria. A diversidade estilística e de públicos é, sen dúbida, unha das principais características do evento que dirixen Alba Barreiro, Beatriz Martínez e Rodrigo Romaní, quen salienta que o festival “non se parece a ningún outro, pois reúne unha especial combinación de elementos que lle confire unha personalidade única, con concertos de proximidade e para prazas a ceo aberto, e que non entende de fronteiras”.
Neste 2024, arpistas e bandas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania formarán parte do cartel do festival, no que se integrarán, como é habitual, artistas e colectivos galegos. Así, a música da arpa soará ao longo de tres xornadas por toda a localidade, que este ano acollerá máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do NHF. É o caso da Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal, ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro.
O NHF comezará, por terceiro ano consecutivo, co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta que procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país. Deste xeito, máis de 25 nenas e nenos de distintas localidades galegas darán conta dos seus coñecementos e xuntos interpretarán, como peche do concerto, un tema en común. A cita será o xoves 8 de agosto no Liceo de Noia. Xa en horario de tarde, a Rúa do Curro será o punto no que se desenvolva a Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na que participarán arpistas de SonDeSeu.
A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, será a responsable de abrir ás 19.00h a xornada do venres 9 cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova. Os concertos continuarán pola noite no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de Bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que ofrecerá un dos directos máis esperados deste ano. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e presentarán no Noia Harp Fest o seu lanzamento máis recente, SPARKS, un traballo no que regresan ás súas raíces, nas Highlands, e no que presentan unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.
De cara ao sábado 10 de agosto, a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do Noia Harp Fest. Será un concerto íntimo no que o público do festival poderá coñecer por vez primeira o traballo da intérprete, que ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá unha noite marcada pola experimentación e que contará coa música de Descofar e Momi Maiga.
Descofar é un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo referenciado e dos arpexios brillantes aos riffs ruidosos, polo que o movemento estará garantido. O peche chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, un cuarteto composto por kora, violín, violonchelo, percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerá unha viaxe a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.