O colectivo “resaca emocional” publica SAE O SOL, o terceiro avance do seu álbum debut

O sinxelo, que toma das Illas Cíes a súa inspiración, poderase escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais e contará cun videoclip

O colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional publica este venres 8 sae o sol, o terceiro avance do que será o seu álbum debut. A nova canción, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas desta noite nas principais plataformas dixitais, afonda no xa característico son pop electrónico de RSK e ten nas illas Cíes unha fonte principal de inspiración, tanto musical coma na creación do videoclip do que se acompaña e que se poderá ver (tamén ás 00.00h) na canle oficial de Youtube de resaca emocional.

En sae o sol, tema no que o colectivo deixa entrever as influencias sonoras de Daft Punk e Rusowsky, explicítase novamente que as emocións son o eixo do imaxinario de RSK, pois o seu álbum debut -que Tremendo Audiovisual publicará nos primeiros meses de 2025- explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas. Así, tras Bolboretas, unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, e Mario Crush, tema que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico, agora chega sae o sol, que aborda o nacemento dunha relación afectiva.

Neste terceiro avance, resaca emocional fai referencia explícita ás Cíes, ao situar estas illas como o lugar no que nace o amor. Unha analoxía sobre o amencer e os primeiros pasos que poden dar entre dúas persoas con vínculos afectivos é o punto de partida deste novo traballo, que se poderá escoitar desde as 00.00 horas desta noite. A peza audiovisual, rodada no arquipélago e na que participan catro membros de RSK -Ash Diz, Berto Mira, Gala Rodríguez e Rocío Campoy-  alude tamén ao verán e ao compañeirismo.



Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

Pregarda sae o sol nas principais plataformas dixitais | Aquí poderás ver o videoclip
Escoita Mario Crush nas principais plataformas dixitais | Videoclip de Mario Crush
Escoita Bolboretas nas principais plataformas dixitais | Videoclip de Bolboretas

Nace ‘resaca emocional’, un colectivo de artistas musicais e visuais atravesado pola diversidade

Bolboretas é o primeiro sinxelo do colectivo, un tema que se pode escoitar desde este venres, 14 de xuño, en todas as plataformas dixitais e que se acompaña dun vídeo dirixido e animado por Peque Varela

Letra-Bolboretas

resaca emocional. Este é nome do novo colectivo creativo galego que hoxe se dá a coñecer co lanzamento do seu primeiro sinxelo, Bolboretas, e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais.

resaca emocional (RSK no seu nome curto) é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais, mais tamén dun amplo equipo técnico, no que a comunidade é a clave deste proxecto, atravesado polas diversidades e no que “todes sumen”. 
resaca emocional é un espazo seguro, no que todes suman. Apostamos pola creatividade e o traballo común desde a diversidade, sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde”, expresa o colectivo. 
resaca emocional opta por un son pop, naive e sensíbel con picos do baile e desfase techno. As emocións son o eixo do imaxinario do colectivo, tal e como se poderá escoitar no seu primeiro traballo, editado por Tremendo Audiovisual, no que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.

O primeiro avance deste traballo en común é Bolboretas, o seu sinxelo debut, “unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, pintando unha imaxe vívida da delicada danza entre a atracción e o medo”. Por medio de sintetizadores e percusións “apertantes”, ademais dunha animación coidada -creada, nesta ocasión, por Peque Varela-, a canción tamén aborda a idea “de que todes somos museos vivos, seleccións formadas por pedazos que tomamos da xente á que queremos, dando forma así ao que somos”, expón resaca emocional.


Bolboretas nas principais plataformas dixitais

Videoclip de Bolboretas

 

20240614-Nace-resaca-emocional